Ribeira: presentación de As horas roubadas, de María Solar

O María Solarsábado 11 de xuño, ás 20:30 horas, no Bar Plaza de Ribeira (Praza de Compostela, 11), preséntase a novela As horas roubadas, de María Solar, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola editora e o Ateneo de Ribeira, participan, xunto á autora, Antonio Díaz Ageitos, Javi Maneiro e Manuel Bragado.

Ramón Nicolás: “O universo vital de Hildegarda von Bingen é formidable”

EntrevistaRamón Nicolás de Xesús Fraga a Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Unha das liñas argumentais da novela [O espello do mundo] xira arredor da vida nun mosteiro preto de Celanova na Idade Media. ¿De onde veu esta trama e como se documentou?
– Ramón Nicolás (RN): A inspiración chegou ao descubrir a inexistencia dos restos dun convento feminino en San Pedro de Ramirás, nas Terras de Celanova, isto é, nada fóra da igrexa principal, o que entendín como unha metáfora. Dun xeito casual souben que alí existira unha comunidade relixiosa feminina, rexida por abadesas chamadas onas, o que supuña tamén unha peculiaridade lingüística única. Aquelas mulleres chegaron a ostentar un poder extraordinario na baixa Idade Media e aquela parte da historia foi interesándome aos poucos. Nese sentido, o proceso de documentación foi, loxicamente, demorado e, ademais doutras fontes, tiven a sorte de consultar a colección diplomática dos textos conservados do mosteiro: neles latexa, dalgún xeito, o día a día do convento. (…)
– LVG: A alternancia de planos temporais, pasado e presente, ¿é unha forma de dicir que dende o noso tempo podemos ir alén da natural fascinación por esta época e sacar valiosas leccións?
– RN: En O espello do mundo paira, en certa maneira, esa intención. Os planos temporais superpóñense e ambos os dous avanzan na mesma dirección. Un proceso de investigación que realiza un profesor de historia sobre uns documentos da Idade Media vén ser a desculpa que ofrece a posibilidade de afondar nun tempo moi rico en matices e, por veces, bater con realidades insospeitadas que o tempo se encargou de escurecer.”

Compostela: intervención sobre a novela A música dos seres vivos, de María Reimóndez

OMaría Reimóndez venres 10 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7), de Santiago de Compostela, terá lugar a intervención ao redor da novela A música dos seres vivos, de María Reimóndez, publicada por Xerais. No acto estará acompañada de Mercedes Peón.

Entrevista a Xosé Duncan

Cicloxénese ExpresivaXosé Duncan entrevista a Xosé Duncan:
“(…) – Cicloxénese Expresiva (CE): Como xurdiu Lermos?
– Xosé Duncan (XD): Eu estou farto de institucionalización e elitismo. Para min Lermos é a revista que eu querería consultar de vez en vez. Unha revista de ti a ti. Non serei o mellor galego falante do mundo. Non serei o mellor escritor, pero esta xente fala no meu idioma e ao meu nivel. De feito a miña idea de Lermos e o meu concepto ía máis alá: eu nin sequera son galego falante, atráeme a lectura en galego e quero meterme nese mundo. Pero para iso fálame dunha maneira accesible, non empeces con tecnicismos. Por exemplo, xente coma min, que os seus pais eran galego falantes e ti volvícheste castelán falante, pasan vinte anos por ti, queres ler en galego pero atópaste todo demasiado politizado, demasiado institucionalizado; entón pregúntaste: ao meu nivel que hai?
– CE: Sénteste máis orgulloso de Negruña que do resto de libros?
– XD: Eu penso que isto de escribir acaba sendo como ter un fillo. A Bran téñolle moito máis cariño ca Negruña, pero de Negruña estou moito máis orgulloso. Negruña foron oito meses de traballo moi duro. Negruña tiña flashbacks á Rusia de Rasputín, á India da compañía británica… Tiven que documentarme moitísimo. Quería conseguir a mestura perfecta entre a fantasía e o feito histórico.
– CE: Cres que o xénero fantástico está infravalorado?
– XD: Totalmente. No xénero fantástico un 85% está enfocado ás crianzas, a rapaces e rapazas de 10 anos para abaixo, e tan pronto traspasas ese umbral de comprensión lectora onde te atopas? Onde estás ti como escritor situado? E onde estás ti como lector situado? A min dáme igual porque eu asumo o risco, pero non por escribir fantasía se baixa a complexidade. Eu sempre o comentei. Vin a luz cando en segundo de BUP deixei relixión e collín ética; aí foi cando lin Rebelión na Granxa, O señor das Moscas, A laranxa mecánica… Poñíanche libros de fantasía e distópicos para facerche pensar. Hoxe en día parece que imos ao revés, teslle que dar un libro de fantasía a un rapaz porque é próximo a el, considérano como un libro de transición. Chámalle bo libro ou mal libro ao meu, pero non o consideres como un libro de transición, porque non ten porque ser así. De feito, comentábao hoxe pola tarde nunha caseta cunha muller. Dicía que tiña moitísimos libros que lera con 15 anos e que volveu a reler con 25 e parecían libros absolutamente distintos, non porque o libro fora malo, senón porque estaba en situacións distintas. Esa evolución é a marabilla que ten a fantasía. Ti colles un ensaio ou un libro de realismo e é o que é. É realidade. Non lle vas sacar máis xugo nin menos. A fantasía garda ese dobre xogo de aportarche máis mentres ti vas evolucionando. (…)”