Entrevista
a Xosé Monteagudo en Praza:
“(…) – Praza (P): Convertes a Castelao ou Bóveda en personaxes da novela [Todo canto fomos]. Podías optar por facelo ou non.
– Xosé Monteagudo (XM): Si, pero ao ser Pontevedra nos anos 20-30 un dos principais escenarios da novela, é normal que teñan relación co movemento social, cultural e político dese tempo. Era necesario que os personaxes participasen desa realidade. Ademais, parecíame unha historia moi atractiva, moi interesante para tratar na novela. Por outra banda, temos moita información histórica, política… pero non se tratou tanto como eran as relacións persoais nese ambiente galeguista, a vida cotiá por exemplo nos parladoiros dos cafés… Deuse, incluso, unha casualidade, que é que o meu libro saíu no 2016 e Castelao chegou a Pontevedra no 1916. E foi unha persoa determinante na vida social e cultural de Pontevedra.
– P: Alén da ideoloxía, o que define a uns personaxes e outros é a súa relación co poder. A submisión, ou a conformidade e o silencio, ou a rebeldía, para non deixar de ser quen se é.
– XM: É que ao contar a historia duns personaxes no século XX, o que estou a contar é a historia de como o poder reprimiu a liberdade de todos, de como unhas persoas se adaptaron á situación e outras reaccionaron. Uns aceptan a situación e a cambio teñen tranquilidade e benestar material. Outros non están dispostos a vivir segundo unhas ideas que non son as deles.
– P: Polo personaxe de Carlota sabemos que o machismo e a ignorancia ás que ela se enfrontou viñan de moito antes do franquismo. Só que este as promoveu.
– XM: Claro, é que a desigualdade vén de séculos atrás. E esa mentalidade de sometemento da muller ao home estaba moi arraigada e era asumida pola maioría das mulleres porque non coñeceran outra cousa. Ademais, esa mentalidade de sometemento das mulleres ao poder masculino, mediatizada polo poder político e social, era máis forte no rural. Era un tempo de estratificación social moi definida, de clases sociais moi marcadas, nas que os de abaixo non podían aspirar a ascender socialmente. As mulleres sufrían dobre discriminación, de clase e por ser mulleres. Carlota representa, na súa contorna, a primeira xanela a outra realidade que poden ver as mulleres ás que dá clase. E iso remove toda a configuración social da contorna, porque naquel momento era revolucionario que unha muller pensase por si mesma. (…)”
Arquivo da categoría: Narrativa
Bueu: presentación de Amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro
María Solar publica As horas roubadas
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Trátase da súa primeira novela para adultos. Pode accederse á entrevista aquí.”
Ramón Nicolás recrea un Medievo luminoso en O espello do mundo
Artigo
en La Voz de Galicia:
“Ramón Nicolás estivo arroupado na presentación da súa obra na Feira do Libro de Vigo polo subdirector de Xerais, Fran Alonso, a quen agradeceu «multitude de orientacións e consellos xenerosos»; a escritora Marga Romero, «hildegardiana confesa»; e o profesor de tradución e de formación medievalista, José Yuste, en quen o autor recoñeceu a inspiración para atopar «o título exacto da novela». Ramón Nicolás confesou tamén que as súas moitas lecturas como crítico foran deixando un pouso que contribuíu á escrita de O espello do mundo, xa que, como lembrou, «para escribir cómpre ler e cómpre saber ler». Deste xeito, citou algunhas achegas a este período como as de Luísa Villalta ou Darío Xohán Cabana, ademais de citar como influencias as lecturas de textos de autoras como Marilar Aleixandre, Begoña Caamaño ou especialmente Herba moura, de Teresa Moure, e a súa estrutura de patchwork literario.
Para Ramón Nicolás, esta incursión no Medievo é tamén un exercicio de memoria, cun epicentro claro, o de Ramirás: «De memoria quixen falar neste libro, da memoria dun lugar concreto, da memoria dun tempo concreto. A igrexa conservada de San Pedro de Ramirás, e os seus arredores, pedían que se contase a súa historia». O outro eixo de fascinación era Von Bingen, «símbolo do protofeminismo e mesmo da protociencia, da música, da ilustración e de tantos e tantos ámbitos do saber». O autor pechou a súa intervención precisamente cunha cita da mística xermana: «Que os afectos prendan e perseveren nas vosas vidas».”
Compostela: presentación de Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o xoves 7
O
xoves 7 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 20:00 h. Sinatura de A cacería, de Amadeo Cobas, publicado por Xerais, na caseta da secretaría da feira.
– 20:30 h. Presentación Horizonte de sucesos, de Anxo Fariña, publicado en Xerais. No acto estará acompañado por Manuel Bragado.
Booktrailer de Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva
A dúbida de María Reimóndez, presentación na Porta do Sol, por Manuel Bragado
Desde
Brétemas, de Manuel Bragado:
“Moi interesante resultou a presentación que onte fixemos na Feria do Libro de Vigo d´A dúbida de María Reimóndez. (…)
Confesou que lle resultara difícil escribir esta novela que “debía responder a un formato moi compacto, ao xeito dun reloxo suízo”. “O texto naceu a partir do premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Fíxeno para subverter a forma e para facer unha escrita estratéxica, aquela que utiliza as formas para dar a palabra. Utilicei un formato de escrita doada de intriga coa intención de contar unha historia distinta das que decote utilizan este formato”. “Aínda que formalmente sexa singular, tematicamente insírese nas preocupacións da miña obra. Para abordar o tema dos abusos sexuais, entre a escolla de centrar a narración na vítima ou na muller do agresor, decidín utilizar unha perspectiva oblícua, consciente de que os abusos se agochan. A miña intención foi crear a dúbida no lectorado. Que faría cadaquén se vivise un caso semellante? Remato anunciando que na súa web publicaranse vídeos nos que persoas relacionadas co tema dos abusos sexuais a menores falan da relevancia da novela para a visibilización deste tipo de violencia.””
Compostela: mesa redonda Oratoria e prosa non ficcional do tempo das Irmandades
O
xoves 7 de xullo, ás 19:30 horas, no Museo do Pobo Galego (San Domingos de Bonaval), en Compostela, terá lugar a mesa redonda Oratoria e prosa non ficcional no tempo das Irmandades, organizada pola Real Academia Galega. Interveñen Arturo Casas, Xesús Alonso Montero e Teresa López, moderados por Henrique Monteagudo.
Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o mércores 6
O
mércores 6 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 19:00 h. Presentación de Mäelstrom, Mäelstrom, de Manuel Sánchez Gálvez, publicado por Galaxia. Intervirán o autor e o editor Francisco Castro.
– 19:00 h. Manrique Fernández asina exemplares de Tres feridas, publicada por Belagua, na caseta da Libraría Librouro.
– 19:45 h. Presentación de Peixes e mariscos. As receitas de Benigno Campos, publicado por Galaxia. Participan, xunto ao autor, Alfonso Cabaleiro e Víctor F. Freixanes.
– 20:30 h. Presentación de Contos nerviosos, de Fran Alonso, publicado por Edicións Embora. No acto, o autor manterá unha conversa coa xornalista Teresa Cuíñas, sendo acompañados polo editor Miguel Toval.


