Vigo: actos destacados na Feira do Libro para o venres 1

OFeira do Libro de Vigo 2016 venres 1 de xullo comeza a Feira do Libro de Vigo (na Porta do Sol, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 22:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:

12:00 h. Pregón de Antonio García Teijeiro. Ao remate o autor asinará exemplares da súa obra na caseta da secretaría da feira.
19:00 h. Presentación dos libros de teatro As terapias da doutora Ledicia, de Raquel Castro, e Moito Morro Corporation, de Carlos Labraña, publicados por Galaxia. Haberá unha representación teatral dun fragmento das dúas obras.
19:30 h. Sinatura de As horas roubadas, de María Solar, publicado por Xerais, na caseta da secretaría da feira.
20:30 h. Presentación de O espello do mundo, de Ramón Nicolás, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Marga Romero, José Yuste Frías e Fran Alonso.

A casa das moças narcotizadas, por Susana Sánchez Arins

DesdeSusana Sánchez Arins AELG a A Sega:
“Lemos A casa das belas adormentadas para o clube de leitura. Conhecia o título por fazê-lo parte da coleção de Rinoceronte Editora, mas nunca cheguei a pegar nele. Tocava ler e lim. Recorreram os meus olhos as primeiras páginas e fiquei chocada. (…)
Evocação da mocidade, agressão sexual, arremedo de companhia, agressão sexual, gozar da contemplação da beleza, agressão sexual, a tentação duma última aventura, agressão sexual, deixar-se levar pola nostalgia, agressão sexual, dormir abraçado a um corpo suave, cálido e novo, agressão sexual, superar a timidez e a tristura que causa ensinar o corpo avelhentado, agressão sexual, o fervor mesmo religioso, agressão sexual, a absolvição de um passado turvo, agressão sexual.
É possível que só nosoutras vejamos uma agressão sexual no fato de dormir (sem permissão) com uma mulher inconsciente ? Ninguém mais leu uma agressão sexual no ato de mirá-la sem permissão, de admirá-la sem permissão, de acarinhá-la sem permissão, de uli-la sem permissão, de mexê-la sem permissão? Nenhuma das recensões, comentários, recomendações, que li sobre o livro reflexiona sobre isto, ou chama a atenção sobre isto, ou simplesmente explicita isto no seu discurso.
Todas oferecem uma “asepsia descritiva” que a mim me provoca arcadas, vontade de ghomitar todo o cânone literário que levo anos suportando sem mastigar nem reagir. (…)”

Verín: presentación de Contos e lendas arraianos, de José Rodríguez Cruz

OContos e lendas arraianos José Rodríguez Cruz venres 1 de xullo, ás 19:30 horas, na Biblioteca Municipal de Verín, terá lugar a presentación do libro Contos e lendas arraianos, de José Rodríguez Cruz, publicado por Xerais. No acto participan, xunto ao autor, José Lamela Bautista e Manuel Mandianes.

A Coruña: conversa arredor de O anxo negro, de Manuel Gago

OManuel Gago O anxo negro xoves 30 de xuño, ás 20:00 horas, na Librería Sisargas da Coruña (Rúa San Roque, 7), terá lugar unha conversa arredor do libro O anxo negro, de Manuel Gago, publicado en Xerais, coa participación, xunto ao autor, de Xurxo Salgado.

Antonio M. Fraga: “Como outros moitos rapaces da miña xeración, cheguei a Lovecraft grazas a Agustín Fernández Paz”

Entrevista Antonio Manuel Fragade Alberto Ramos a Antonio M. Fraga en Praza:
“(…) – Praza (P): O Premio Antón Risco é na actualidade o único certame de literatura fantástica que hai en Galicia. Un galardón coma este é fundamental para un xénero que se cultiva pouco?
– Antonio M. Fraga (AMF): A verdade é que penso que cada vez abunda máis. Sempre se fixeron cousas. A xente que lle gusta ir por ese camiño está a emprender na actualidade proxectos variados e interesantes. A existencia dun premio de literatura fantástica é, ademais, un síntoma de normalización para o conxunto do sistema literario. Un sistema literario debe contar con distintos e variados premios, respondendo a diferentes xéneros. Penso que é positivo en todos os niveis. Primeiro para o propio xénero fantástico, xa que ter un premio desta natureza se converte nun acicate para apostar polo xénero. En segundo lugar, para o sistema literario no seu conxunto, que se ve reforzado e enriquecido. (…)
– P: Esa fronteira entre a loucura e a realidade convértese na résgoa por onde entra a literatura fantástica, non?
– AMF: No ámbito temático, eu quería contar [en Querido H. P. Lovecraft] a historia de Howard e que transcendese dalgunha maneira do xénero fantástico. Quería contar a historia da desesperación dese home, de como se vai mergullando nun caldo de cultivo que o leva irreversiblemente cara ao suicidio. Á hora de facelo, si que botei man dalgunhas teimas clarísimamente lovecraftianas como son a xa citada fronteira entre a loucura ou o pesadelo recorrente, que é un elemento moi presente nalgunhas fases nas que está dividida a obra de Lovecraft. É dicir, a fase onírica ten moita presenza. Tamén emprego a cuestión lovecraftiana da imposibilidade de fuxir do noso destino e cúmprese, ademais, o patrón desa persoa formada intelectualmente e escéptica que vive alteracións á lei natural que a levan primeiro á tolemia e finalmente á morte. (…)
– P: Non sei se quere engadir algún aspecto da novela que pasara eu por alto…
– AMF: Unicamente gustaríame dicir que xa no propio título se ve que o texto ten moito de homenaxe a Lovecraft ou máis concretamente á súa obra, seguramente máis merecedora da homenaxe cá súa persoa. A súa obra levou o terror a asumir anovadoras marcas de xénero que despois transcenderon a outros ámbitos como o cinema ou a banda deseñada. Despois, comentar que eu cheguei a Lovecraft, como outros moitos rapaces da miña xeración, grazas a Agustín Fernández Paz, que cultivou o xénero do terror cósmico lovecraftiano en obras como Aire negro. Pódese considerar este libro tamén unha pequena homenaxe a Agustín Fernández Paz. (…)”