Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Fole deixounos o 9 de maio de 1986. Pero non desapareceu. Permanece na memoria da súa escrita, imperecedoira. E tamén na lembranza dos que o coñeceron e trataron, que son moitos. Por descontado, na acordanza dos lugares nos que habitou, nos que deixou a pegada indeleble do seu xenio creador ou dos que extraeu a seiva que había de nutrir as súas páxinas. Velaí a proposta de hoxe: percorrer esas vivendas, anosalas para que tamén fique memoranza delas e do que representaron.
Ánxel Alexandro naceu ás nove da tarde do 11 de agosto de 1903, nun casarón do Campo Castelo de Lugo, nun edificio que levaba o número 1 e que desapareceu. O inmoble facía esquina entre o Campo Castelo e a praza contigua, actualmente chamada Praza Ángel Fernández Gómez e, nos tempos nos que Fole veu ao mundo, Praza do Cruceiro. O soar, xusto por tras do pazo do Concello, albergaba daquela un edificio do século XVIII que fora propiedade do Conde de Moscoso. O escritor lembraba que “era unha casa señorial con capela, cunha tulla enorme para recibir as rendas e unha cheminea de catro piares”.
Daquela casa do Campo Castelo (onde logo se instalou o edificio de Radio Lugo) pasou vivir aos catro ou cinco anos á Casa de Orbán, casarío con ampla facenda (dezaseis hectáreas) que seu pai construíra aproveitando os terreos dunha antiga torre que fora de seu bisavó, o prócer Juan María Quiroga. A vivenda, localizada pretiño do Miño que tanto admirou e literaturizou, serviulle como base para imaxinar o lugar de Orbande no que transcorre o relato “O espello” de Á lús do candil, historia protagonizada por unha dama que é, en boa medida, un trasunto de súa tía avoa María Cristina Quiroga Sangro. Tempo despois, naquel lugar ergueuse a Estación Pecuaria Rexional. (…)”
Arquivo da categoría: Narrativa
Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 9 e domingo 10
O domingo 10 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 9
– 18:00 h. Contacontos Polo mundo adiante, por Lisístrata. Organizado pola Biblioteca Pública Ánxel Casal.
– 19:00 h. Carlos Labraña presenta A fraga das árbores das palabras, publicado por Embora.
– 20:00 h. Andrea Barreira presenta Non hai luz sen escuridade, publicado por Urco.
Domingo 10
– 19:00 h. Joel Gômez presenta Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal, publicado por Através.
Entrevista a Elena Gallego sobre Dragal IV
Entrevista a Sabela González
Entrevista a Sabela González na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Sabela González (SG): Como lectora, a literatura é para min entretemento, evasión e xogo. Refírome ao xogo entendido como unha aprendizaxe de interacción co entorno, coma cando eramos pequenas. Como autora, non che é unha cousa moi distinta. É o xogo de verter as ideas (toleadas, moitas veces), de darlles voltas ata que tomen unha forma comprensible, de xogar a mesturalas coa realidade, para me entreter e para facer tanxible o produto do que me pasa pola cabeza. É debuxar historias, e iso é o máis divertido do mundo.
– P: Como entendes o processo de criação artística?
– SG: Penso que é algo moi subxectivo: hai tantas formas de crear como persoas. Para min, o proceso ideal é o de trasladar as imaxes da miña mente a notas (físicas ou dixitais) e de aí, á hora de escribir, mesturalos en palabras. É xogo, como dicía antes, pero un xogo de concentración. Ás veces de moito cavilar e pouco teclear, ás veces de tecleo frenético. Como nas musas non se pode confiar, o proceso de creación vén dado polo tempo dispoñible e a gana de ver o produto avanzar, sen romanticismos, premendo teclas e cuspindo ideas para volver e podar outro día.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, etc.)?
– SG: Non sei se coñezo abondo o que hai/houbo como para o avaliar, pero penso que todas as artes deben mesturarse de cando en vez. Non só no consumo por parte do público, senón dende as canles de produción, debería haber máis manifestacións de confluencias innovadoras. Poida que cada vez haxa máis, pero dubido que sexa abondo. Persoalmente, penso que non só debería acontecer entre as artes senón entre outras manifestacións culturais e do ocio. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– SG: Persoalmente, creo que temos que perder parte do misticismo e romanticismo que rodea a creación literaria. Teño a impresión de que a cultura galega precisa universalizarse, amosarse alén das fronteiras libremente, sen as constricións do medo ao rexeitamento. Fóra de aquí, a miña sensación sempre foi de que existe un descoñecemento da nosa cultura, non unha falta de respecto. Ese respecto conséguese amosando produtos e non ideoloxías. Aplaudo enormemente as iniciativas dos últimos anos que están demostrando que en galego se poden facer grandes obras, pequenas obras, libros divertidos, novelas vendibles e entretidas sen ter que amosar entre as liñas a nosa idiosincrasia máis roída, sen ter que adiviñar un Cunqueiro ou unha Rosalía en cada protagonista. (…)”
A Coruña: presentación de Hai que matalos a todos, de Héctor Carré
O xoves 7 de maio, ás 20:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase Hai que matalos a todos, de Héctor Carré, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Fran Alonso e os actores Daniel Currás, Luísa Merelas e César Cambeiro, que farán unha lectura dramatizada de textos da novela.
Feira do Libro de Santiago: actividades do xoves 7
O xoves 7 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 11:00 h. Encontro do Clube de Lectura do IES de Outes con Fernando M. Cimadevila e o seu libro O mundo secreto de Basilius Hoffman.
– 19:00 h. Elena Gallego presenta Dragal IV. A estirpe do dragón, publicado en Xerais. No acto participa, xunto á autora, Manuel Bragado.
– 20:00 h. Lucio Martínez Pereda presenta Medo político e control social na retagarda franquista, publicado en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.
– 20:00 h. Fran P. Lorenzo asinará exemplares de Cabalos e lobos, publicado en Xerais.
Feira do Libro de Santiago: actividades do mércores 6
O mércores 6 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Antonio Reigosa presenta Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, publicada en Xerais. No acto estará acompañado por Manuel Bragado.
– 20:00 h. Presentación de Funambulistas, de Mercedes Leobalde, publicado en Xerais.
Marcos Calveiro: “Escribir deixou de ser imprescindible para min”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Marcos Calveiro en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Como nace As palabras poden matar?
– Marcos Calveiro (MC): Coma todas as miñas historias, dunha faísca que pon a cousa en marcha. Lin nun xornal que mataran un adolescente mimo nunha vila-miseria, coido que en Medellín, Colombia, un rapaz que participaba nun grupo que buscaba a través do teatro, da arte, darlles unha oportunidade aos rapaces que medraban naquel arrabaldo. (…)
– B: No 2010 aparece Settecento, até agora a súa última novela para adultos publicada. Naquela altura, vostede estaba a piques de cambiar de vida. Pretendía deixar o exercicio da avogacía e dedicarse profesionalmente á escrita. Un lustro despois volvo atopalo nun cambio de vida: atarefado nas obras do seu novo proxecto, o Café Badia, en Teis, Vigo. Un poderoso ziguezague.
– MC: É certo que nesa altura quixen dar aquel cambio. Pero en vez de cambiar eu a miña vida foi a vida a que me cambiou a min. Pensaba que podía vivir cos dereitos de autor, porque daquela tiña unhas vendas decentes, especialmente en libros xuvenís; e podía complementar os ingresos con conferencias e outros eventos. Pero superoume a crise. Baixaron as vendas e decateime de que era imposible manter a miña familia por esa vía. Polo camiño tamén se deron unha serie de cambios familiares e persoais que me obrigaron a reformular as cousas. O ano pasado mudámonos a Pontedeume para nos facer cargo dun negocio hostaleiro e agora, tras aquela experiencia, pois decidimos cambiar outra vez. Voltamos a Vigo e aquí estou, deseñando estoutro negocio hostaleiro. (…)
– B: Vostede é un dos autores actuais con maior número de premios. Amais de gañar moitos, algúns dos máis prestixiosos, especialmente en literatura infantil e xuvenil, foi finalista doutros. Por exemplo, As palabras poden matar foi finalista do Jules Verne 2014. Que significado teñen para vostede os certames literarios?
– MC: Desde un enfoque egoísta, os premios son moi valiosos porque che garanten un ingreso económico. Cando eu pensaba en dedicarme profesionalmente á literatura, esta circunstancia era fundamental. Tiña que garantir a viabilidade económica a base de premios. Desde un enfoque xa máis xeral, na literatura galega gañar un premio é gañar visibilidade. Temos un sistema de medios de comunicación moi feble. Na prensa diaria non che dan atención ningunha se non traes a fita de premiado ao redor do teu libro. E esa visibilidade é crucial logo á hora de conseguir lectores. E é certo que me presentei a moitos premios. E perdín moito máis do que gañei. E ás veces pensei que as novelas gañadoras eran mellores ca as miñas e outras pensei no primeiro momento, recoñézoo, que non eran tal. E logo ao ver como as recibían os lectores, pois decateime de que tivera mal ollo crítico e lector porque se eran obras lidas eran boas obras que seguramente merecían máis os galardóns que as miñas.
– B: É o número de lectores un criterio para calibrar o nivel literario dunha obra?
– MC: Non necesariamente. Hai libros moi bos que non venden e eu considérome apóstolo de moitas obras que coido que non se len o suficiente porque non son tan coñecidas como deberan. Pero tamén penso que no sistema literario galego hai poucos lectores pero son bos. Case sempre coinciden os gustos da crítica e do público e iso indica algo. Non estamos a falar de éxitos editoriais ao xeito de Cincuenta sombras de Gray; aquí triunfan libros de calidade porque a nosa é unha literatura que aprecia o traballo ben feito e temos a fortuna de contar con moitos escritores que escriben moi ben.
De todos os xeitos, na valoración do éxito ou fracaso dun libro hai que incluír moitos factores, tamén os extraliterarios. Non sei quen dixo aquilo de que a literatura foi ao pozo o día no que empezaron a aparecer as fotos dos autores nas lapelas. Pode ser que tivese algo de razón.
– B: Hai quen di que a literatura acabou no día no que os escritores tiveron que dedicarse, ademais de a escribir, a facer márketing da súa propia obra.
– MC: Depende. A min por exemplo, encántame ir aos institutos e falar cos rapaces. Sempre, en cada encontro, unha rapaza (sempre son rapazas, os mozos len menos) levanta a man e fai esa pregunta que me fai descubrir unha capa oculta da miña propia obra. Ese momento é máxico. É aí cando revivo a miña paixón lectora adolescente, cando todo na túa vida era lectura e toda a literatura estaba por descubrir. Conseguir ver nos ollos deles aquela alegría do meu propio pasado é un privilexio. (…)”
Fran P. Lorenzo, gañador do premio Blanco Amor de Novela con Cabalos e lobos
Feira do Libro de Santiago: actividades do martes 5
O martes 5 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Xosé Ramón Freixeiro Mato e membros do Grupo de Investigación da Universidade da Coruña presentan Modelos de lingua e compromiso, en edición de Xosé Manuel Sánchez Rei e A poesía oculta de Filgueira Valverde, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicados por Baía Edicións.
– 20:00 h. María Xosé Queizán presenta Son noxento, publicado en Xerais. No acto participa, xunto á autora, Manuel Bragado.