A Coruña: presentación de Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

OXurxo Souto xoves 22 de xaneiro, ás 20:00 horas, no FNAC da Coruña (Praza de Lugo), preséntase Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, publicado en Xerais. O acto contará coa participación do propio autor, quen, acompañado polo seu acordeón, cantará algunhas das cancións do mar en terra.

Formig4s, unha colección de aventuras para coñecer as cidades do mundo

ArtigoPere Tobaruela de Carme Vidal en Sermos Galiza:
“París e Nova York son as primeiras cidades que visitan a brigada formada por Formos4, Forx4n, Fornel4 e Form4il, catro personaxes que viaxarán por todo o mundo para botar luz sobre enigmáticos casos. Nacen do traballo conxunto do escritor Pere Tobaruela e o ilustrador Andrés Meixide que deron vida ás dúas primeiras fantásticas historias nos escenarios reais das dúas atraíntes cidades.
“Os personaxes presentarán a xeografía e historia deses lugares nun sentido pedagóxico e divertido a través dunha aventura de investigación e acción na que ten tanto peso a palabra como a imaxe”, explica Pere Tobaruela, dos dous primeiros números aos que seguirá Barcelona. Desde a tipografía á imaxe, da historia ás personaxes a colección nace con vontade de ofrecer un produto novo, atraínte para as primeiras idades mais que quere convidar a pegar neles a persoas de todas as xeracións. “Non sabería definilos. Son híbridos con vocación renovadora no mundo da edición, abrindo novos camiños. Trátase dunha viaxe metaliteraria, dicirlle aos rapaces, aquí estamos para conxugar todo”, afirma o escritor que defende tamén o papel do editor Manuel Bragado na xénese do proxecto. “Pódese dicir que foi a tres bandas. Súa foi a idea de iniciar unha colección con este perfil e a nós pareceunos unha iniciativa estupenda”, comenta coa seguridade de que no mundo editorial galego poden nacer proxectos novos non só para o noso mundo senón tamén con interese abondo para exportar a outras linguas.
Monumentos, cemiterios, prazas ou rúas das cidades compoñen as imaxes á maneira de guía trotamundos, para convidar a ir desde o propio coñecemento dos seus autores. Pere Tobaruela visitou París e Andrés Meixide coñece Nova York e as súas visións sobre as cidades transmítense a través dos dous volumes. “Pensamos en que cidades poden potencialmente resultar atraín tes e as dúas foron as primeiras escollidas para chamar a atención no lanzamento mais logo visitarán máis e, quen sabe, ao mellor tamén veñen a Galiza”, aventura Pere Tobaruela dunha colección que pensa en rapaces e rapazas de arredor de dez anos mais que confía manterse nas librarías, como un produto de interese fóra tamén do circuíto educativo.
A colección evoca aquelas vellas series de personaxes infantís que engaiolaban ás crianzas de maneira intensa nos anos setenta e oitenta. Como en Formig4s, as aventuras e a afectividade cos distintos personaxes eran o xeito de engaiolar na lectura. “Todo está inventado e trátase tamén de recuperar esa complicidade cos personaxes. Buscamos esa identificación, os Formig4s baten sempre contra o mesmo elemento e queremos que haxa tamén unha relación intensa con Paumao, o malo da serie”, di un dos autores, o creador da parte literaria da colección. (…)”

Encontro para os docentes do programa de dinamización lingüística Dragal

DesdeElena Gallego a Xunta de Galicia:
“Un total de 22 representantes dos 55 docentes que interveñen este curso na segunda edición do proxecto de dinamización lingüística Dragal participaron o xoves 15 de xaneiro no encontro organizado pola Consellería de Cultura e Educación no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) para poñelos en contacto, informalos sobre o funcionamento das ferramentas de traballo con que conta o proxecto, entregarlles material e coordinar as tarefas para os dous vindeiros trimestres.
O encontro celebrado en Santiago enmárcase nunha experiencia que a Consellería –a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- está desenvolvendo por segundo ano en centros de educación secundaria das catro provincias galegas. Trátase do Proxecto Dragal, unha iniciativa multimedia con base na triloxía homónima de Elena Gallego Abad que promove a lectura, a creación e a investigación multidisciplinar en galego.
Se no primeiro ano participaron na experiencia sete CPI e institutos, este ano o programa esténdese a catro centros máis. Deste xeito, 659 e alumnas de primeiro e segundo da ESO do IES Rafael Puga Ramón da Coruña, CPI Virxe da Cela de Monfero, IES da Pobra do Caramiñal, CPI da Cañiza, IES Castro Alobre e IES Bouza Brey de Vilagarcía de Arousa, IES de Valga, IES Xesús Taboada Chivite de Verín, IES Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia, IES Alfoz-Valadouro e IES de Becerreá participan este curso no Proxecto Dragal da man dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos e da Secretaría Xeral de Política Lingüística, encargada de coordinalos.
Tras a lectura da primeira novela da triloxía, A herdanza do dragón, e da ambientación ou dragalización de cada centro educativo, o alumnado participante este ano no proxecto prepárase para recibir a escritora Elena Gallego, que visitará durante as dúas vindeiras semanas os CPI e institutos que interveñen este ano no proxecto. Os encontros rematarán cunha videoconferencia que poñerá en contacto o alumnado dos once centros Dragal. A partir de aí, sucederanse os traballos de análise, de pescuda e de creación arredor da temática da novela, traballos que se realizarán ou compartirán no wiki do proxecto.
Está previsto rematar o curso, igual ca na pasada edición, cun xogo de rol no Pico Sacro, lugar lendario cun importante papel na triloxía Dragal. (…)”

Suso Lista: “No mar habería que facer unha revolución, igual que na terra”

EntrevistaSuso Lista de Montse Dopico a Suso Lista en Praza:
“- Praza (P): Contas nun dos relatos que escribes [Salseiros] o que che sae, sen pensar moito antes. Por iso esa frescura…
– Suso Lista (SL): É que non tiña ordenador na casa. Ía escribir, despois de traballar, ao local da Asociación de Veciños, e tiña moi pouco tempo antes de que pechasen. Ás veces ía xa no coche pensado un tema, pero nada máis. Non había planificación ningunha. As fotos servíanme de punto de partida, e escribía o que a foto me suxería.
– P: Creo que foi Manuel Lourenzo, que che daba aulas de teatro, outro dos de que te animaron a publicar…
– SL: El foi o primeiro, de feito. Xa antes de que eu tivese o blog. Eu ao principio o que escribía eran os contos que me contou miña avoa e cousas así. Manuel Lourenzo animábame moito, e así comecei a escribir máis cómodo. Sempre che gusta que a xente tan importante lle guste o que fas… Tamén Manolo Rivas: foi outro dos que me dicían que escribise… Aínda que eu non son nada vaidoso. Creo que o importante é que te divirta escribir, e eu paseino moi ben escribindo estes relatos. Se non te divirte, non ten sentido. Entendo que Suso de Toro decidise abandonar, por iso. (…)
– P: Cando se fala de mestura de realidade e ficción saen os tópicos: realismo máxico, Cunqueiro… Mais se cadra non é máis que a tradición de literatura oral, que é así.
– SL: Si, claro. É o tipo de historias que escoitabas. Ademais, eu non lera a Cunqueiro cando comecei a escribir. Despois lin As crónicas do Sochantre e quedei fascinado. Desde entón leo en galego sen problema. Como dicía antes, eu ao principio lía en castelán. De feito, comecei cando estaba embarcado como mariño mercante. Lía as novelas de vaqueiros de Estefanía. Despois xa comecei a ler outras cousas… Mais si, creo que á xente o que lle gusta, cando lle contan historias, é imaxinar. E eu tento escribir así, como se me estivesen contando a min unha historia. Despois, cada salseiro ten a súa gotiña…
– P: Nos relatos saen moitos temas relacionados contigo e con Corme. Como a túa loita pola pesca sustentable.
– SL: É un tema que sempre me preocupou, e máis cando fun patrón maior da confraría. É que no mar habería que facer unha revolución, igual que na terra. O mar é unha riqueza inmensa, e é incrible que a xente non poida vivir del e teña que marchar. Corme tivo case 5.000 habitantes no 1945. Agora somos uns 1.000. Teriamos que comezar de cero. Non é “deixar vivir”: hai que cumprir a lei, estar quietos cando é necesario, porque o mar ía agradecelo: a pesca, o marisqueo. Agora o que temos é un pobo case baleiro. Nós somos cinco irmáns e quedamos por aquí, e o traballo que hai é este: o mar. Aínda que sexa precario. E por suposto non defendo a precariedade. Mais temos que respectar o mar. (…)”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2014

Desde Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2014. En total, este ano recibimos 531 enquisas.
Con esta edición, son xa oito as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros.
Agradecer igualmente á Federación de Librarías de Galicia por colaborar, un ano máis, con este iniciativa.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…

– Mellor libro de Narrativa de adultos para A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz ((Xerais).
– Mellor libro de Poesía para Cronoloxía da urxencia, de Dores Tembrás (Espiral Maior).
– Mellor libro de Ensaio para Historia da Literatura Galega II, de Xosé Ramón Pena (Xerais).
– Mellor libro de Teatro para Lapsus, de Alfonso Pexegueiro (Axóuxere).
– Mellor libro de Banda Deseñada para O bichero, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido ao galego para adultos para Jude o escuro, de Thomas Hardy, traducido por María Fe González (Hugin e Munin).
– Mellor libro xuvenil para Reo, de Xesús Fraga (Galaxia).
– Mellor libro infantil para Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas (Xerais).
– Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil para Na cociña de noite, de Maurice Sendak, traducido por Oli (Kalandraka).
– Autor do ano para Agustín Fernández Paz.
– Ilustrador do ano para David Pintor.
– Mellor portada dun libro para adultos para Olympia Ring, 1934 (Galaxia).
– Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil para Escarlatina, a cociñeira defunta, con portada de Víctor Rivas (Xerais).
– Mellor editorial para Galaxia.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para a política lingüística e cultural da Xunta de Galicia.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog para Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.”

María Xosé Queizán: “Pídolle contas a Blanco Amor polo seu comportamento como gay”

EntrevistaMaría Xosé Queizán de Jorge Lamas a María Xosé Queizán en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Vostede parte dun feitos máis ou menos coñecidos para tecer unha historia [A boneca de Blanco Amor].
– María Xosé Queizán (MXQ): Si, o que eu fago é recuperar unha personaxe que Blanco Amor deixa simplemente como o que ten a boneca. A boneca, que foi clave para min para escribir o libro, tamén é clave en A Esmorga. É máis que unha boneca porque suscita desexo dun dos esmorgantes que o leva a rachala e á violación, é dicir ten un papel moi importante, non así o seu dono. Pero eu recupéroo e convértese en fundamental na miña novela. (…)
– LVG: ¿Alude dalgunha maneira a Blanco Amor na novela?
– MXQ: Eu pídolle contas e dígolle o que non lle dixen en vida. (…)
– LVG: ¿Por non falar abertamente da súa condición?
– MXQ: Si, a homosexualidade marcou a súa vida, incluso tivo que marcharse de Ourense. Eu vivín o regreso de Blanco Amor a Galicia, coñecino cando xa era moi maior e puiden comprobar, e estiven en conversas con outros persoeiros galegos do seu tempo, como era o trato, como o feito de ser homosexual lle dificultaba moitas cousas. Moita xente falaba moi ben del pero logo non eran amigos como podían ser entre eles. Sempre estaba presente aquel estigma. El viviu iso con moita dor. A pesar de que era un home moi orgulloso non fixo o que eu penso que debería ter feito. (…)
– LVG: ¿Que lle pareceu a versión cinematográfica de A Esmorga?
– MXQ: Estiven na estrea en Ourense. Gustoume. Axústase moito á novela e resolve aspectos nada doados; o guion é moi bo, a interpretación é magnífica e os escenarios tamén. Eu que non son nada partidaria do cine nin galego nin español porque me gusta o cine ben feito, e non estou para volver a empezar, quero dicir que son bastante intransixente. Sen embargo, creo que esta é unha película exportable perfectamente e de gran interese porque a obra o ten, polos seus personaxes cheos de vida. Penso que podería concorrer perfectamente ao Oscar en idioma estranxeiro. (…)”

Recinto Gris, de Ledicia Costas, destacado polo IBBY

Recinto Gris, deLedicia Costas Ledicia Costas, publicado en Xerais, foi escollido para formar parte da colección dos mellores libros do mundo para rapaces e rapazas con discapacidade, na IBBY Collection 2015 Collection of Books for Young People with Disabilities.
O libro será incluído no Catálogo que se presentará en roda de prensa o 30 de marzo de 2015 na Feira Internacional do Libro de Boloña, “Bologna Children’s Book, 2015”.