O
venres 15 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase Son noxento, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Manuela Pena e Manuel Bragado.
Arquivo da categoría: Narrativa
Roteiro sobre A nosa cinza, de Xavier Alcalá
Desde
Galaxia:
“Os cativos e cativas do IES Sofía Casanova de Ferrol prepararon un roteiro arredor de A nosa cinza, de Xavier Alcalá que é toda unha marabilla.
Podes velo aquí.”
Ourense: presentación de A antesala luminosa, de Antonio Tizón
O
xoves 14 de maio, ás 20:00 horas, no Café El Cercano (Rúa Cardenal Quevedo, 20) de Ourense, terá lugar a presentación da novela A antesala luminosa, de Antonio Tizón, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Alfredo Conde, Luis Carreira e Manuel Bragado.
Mario Caneiro presenta o seu novo libro Emparellados e tres nenas
Entrevista a Miguel Anxo Fernández na revista Palavra Comum
Entrevista
a Miguel Anxo Fernández en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que supõe para ti a literatura?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Non son quen de procurar respostas transcendentes nin vagar polos recantos da retórica para esta cuestión, pode que pola miña condición de historiador vinculado ao audiovisual, que entende máis de imaxes que de palabras… Entendo a literatura como unha variante da comunicación pola vía da expresión escrita. A necesidade de contar historias porque na outra banda hai alguén disposto a aprecialas e a poñer o seu goce nelas. Se non existe ese elo, escritor-lector, entendo que non é literatura, é simplemente onanismo, á marxe de que uses de ferramentas de estilo que poderán ser máis ou menos sofisticadas, ou mesmo de estruturas narrativas audaces. Todo iso podo entendelo, pero nunca en contra da comunicación no sentido máis fondo da expresión, como sinónimo de empatía. E, naturalmente, o compromiso da literatura co entorno social e histórico no que vive, a súa condición de voceira da realidade.
– P: Como entendes o processo de criação literária?
– MAF: No meu caso laborioso, pero ao tempo dando prioridade á historia que vou contar. Quero dicir, procurando que leve un aquel de orixinalidade que sorprenda ao lector. Para contar o mesmo, xa o fixeron outros. Despois está a variante estrutural e de estilo. Iso tamén require consideración, sobre todo ao lector. Fuxir da idea de que o lector, como é soberano, está na obriga de asumir as ocorrencias, os experimentos e os xogos literarios en nome de non sei que patrón ou cousa… Por iso me mete medo cando escoito a verba “experimental”. É tan feble a liña que separa iso da arroutada, que me poño moi á defensiva. No cinema, os clásicos dicían que só aspiraban a “contar historias”. Cando escribo teño iso por única aspiración. Iso non implica rexeitar o agarimo coa lingua e porse de costas aos tempos que corren. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– MAF: Carezo de recursos para darche unha resposta lúcida porque ademais fuxo da transcendencia, pero entendo que o camiño literario do país, como ocorre co audiovisual, deberá ir pola diferenza, na procura de trazos que a afasten do mainstream, da tendencia global. Que a novela negra teña moito predicamento en todo o mundo, non pode levarnos a imitar a Mankell, a Márkaris, a Vargas ou a Camilleri, pero si a procurar trazos singulares que nos vendan como distintos desde o noso país. Só así, desde o distingo, poderemos reafirmarnos. O uso da lingua propia xa vai nesa dirección, pero non basta se non conseguimos saír a outros lectores, e polo tanto a outras linguas. Penso que o sistema literario galego ten aí un problema moi serio, algo que, regresando ao audiovisual, xa está a corrixir, ou cando menos a intentalo. Facer filmes na lingua propia que a través das lendas poidan ser disfrutados pola comunidade global. É que, do contrario, converterémonos nun gueto literario, se non o somos xa…. Xa che advertín de que son moi simple no meu argumentario… (…)”
Casas literarias: Ánxel Fole
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Fole deixounos o 9 de maio de 1986. Pero non desapareceu. Permanece na memoria da súa escrita, imperecedoira. E tamén na lembranza dos que o coñeceron e trataron, que son moitos. Por descontado, na acordanza dos lugares nos que habitou, nos que deixou a pegada indeleble do seu xenio creador ou dos que extraeu a seiva que había de nutrir as súas páxinas. Velaí a proposta de hoxe: percorrer esas vivendas, anosalas para que tamén fique memoranza delas e do que representaron.
Ánxel Alexandro naceu ás nove da tarde do 11 de agosto de 1903, nun casarón do Campo Castelo de Lugo, nun edificio que levaba o número 1 e que desapareceu. O inmoble facía esquina entre o Campo Castelo e a praza contigua, actualmente chamada Praza Ángel Fernández Gómez e, nos tempos nos que Fole veu ao mundo, Praza do Cruceiro. O soar, xusto por tras do pazo do Concello, albergaba daquela un edificio do século XVIII que fora propiedade do Conde de Moscoso. O escritor lembraba que “era unha casa señorial con capela, cunha tulla enorme para recibir as rendas e unha cheminea de catro piares”.
Daquela casa do Campo Castelo (onde logo se instalou o edificio de Radio Lugo) pasou vivir aos catro ou cinco anos á Casa de Orbán, casarío con ampla facenda (dezaseis hectáreas) que seu pai construíra aproveitando os terreos dunha antiga torre que fora de seu bisavó, o prócer Juan María Quiroga. A vivenda, localizada pretiño do Miño que tanto admirou e literaturizou, serviulle como base para imaxinar o lugar de Orbande no que transcorre o relato “O espello” de Á lús do candil, historia protagonizada por unha dama que é, en boa medida, un trasunto de súa tía avoa María Cristina Quiroga Sangro. Tempo despois, naquel lugar ergueuse a Estación Pecuaria Rexional. (…)”
Feira do Libro de Santiago: actividades do sábado 9 e domingo 10
O
domingo 10 de maio finaliza a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
Sábado 9
– 18:00 h. Contacontos Polo mundo adiante, por Lisístrata. Organizado pola Biblioteca Pública Ánxel Casal.
– 19:00 h. Carlos Labraña presenta A fraga das árbores das palabras, publicado por Embora.
– 20:00 h. Andrea Barreira presenta Non hai luz sen escuridade, publicado por Urco.
Domingo 10
– 19:00 h. Joel Gômez presenta Ernesto Guerra Da Cal, do exílio a galego universal, publicado por Através.
Entrevista a Elena Gallego sobre Dragal IV
Entrevista a Sabela González
Entrevista
a Sabela González na revista Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Sabela González (SG): Como lectora, a literatura é para min entretemento, evasión e xogo. Refírome ao xogo entendido como unha aprendizaxe de interacción co entorno, coma cando eramos pequenas. Como autora, non che é unha cousa moi distinta. É o xogo de verter as ideas (toleadas, moitas veces), de darlles voltas ata que tomen unha forma comprensible, de xogar a mesturalas coa realidade, para me entreter e para facer tanxible o produto do que me pasa pola cabeza. É debuxar historias, e iso é o máis divertido do mundo.
– P: Como entendes o processo de criação artística?
– SG: Penso que é algo moi subxectivo: hai tantas formas de crear como persoas. Para min, o proceso ideal é o de trasladar as imaxes da miña mente a notas (físicas ou dixitais) e de aí, á hora de escribir, mesturalos en palabras. É xogo, como dicía antes, pero un xogo de concentración. Ás veces de moito cavilar e pouco teclear, ás veces de tecleo frenético. Como nas musas non se pode confiar, o proceso de creación vén dado polo tempo dispoñible e a gana de ver o produto avanzar, sen romanticismos, premendo teclas e cuspindo ideas para volver e podar outro día.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (fotografia, música, etc.)?
– SG: Non sei se coñezo abondo o que hai/houbo como para o avaliar, pero penso que todas as artes deben mesturarse de cando en vez. Non só no consumo por parte do público, senón dende as canles de produción, debería haber máis manifestacións de confluencias innovadoras. Poida que cada vez haxa máis, pero dubido que sexa abondo. Persoalmente, penso que non só debería acontecer entre as artes senón entre outras manifestacións culturais e do ocio. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– SG: Persoalmente, creo que temos que perder parte do misticismo e romanticismo que rodea a creación literaria. Teño a impresión de que a cultura galega precisa universalizarse, amosarse alén das fronteiras libremente, sen as constricións do medo ao rexeitamento. Fóra de aquí, a miña sensación sempre foi de que existe un descoñecemento da nosa cultura, non unha falta de respecto. Ese respecto conséguese amosando produtos e non ideoloxías. Aplaudo enormemente as iniciativas dos últimos anos que están demostrando que en galego se poden facer grandes obras, pequenas obras, libros divertidos, novelas vendibles e entretidas sen ter que amosar entre as liñas a nosa idiosincrasia máis roída, sen ter que adiviñar un Cunqueiro ou unha Rosalía en cada protagonista. (…)”
A Coruña: presentación de Hai que matalos a todos, de Héctor Carré
O
xoves 7 de maio, ás 20:00 horas, na FNAC da Coruña (Praza de Lugo, s/n), preséntase Hai que matalos a todos, de Héctor Carré, publicado en Xerais. No acto participan, xunto ao autor, Fran Alonso e os actores Daniel Currás, Luísa Merelas e César Cambeiro, que farán unha lectura dramatizada de textos da novela.