Gondomar: Nada se esquece, de Puri Ameixide, en Espazo Lectura

O martes 14 de xaneiro, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal de Gondomar, terá lugar a primeira sesión do ano do club de lectura Sete Vidas, de Espazo Lectura, na que se falará sobre a novela proposta para este mes: Nada se esquece, da autora Puri Ameixide, publicado por Redelibros, nun acto en que a autora se achegará á biblioteca para falar cos lectores e lectoras que desexen participar.

Francisco Castro: “Sempre son as pobres as que teñen que pagar”

Entrevista de Xurxo Salgado a Francisco Castro en Galicia Confidencial:
“(…) – Galicia Confidencial (GC): Tes xa algo en mente para publicar?
– Francisco Castro (FC): Sempre hai. Como dicía, estou coa segunda aventura. Pero antes van sair dous libros neste 2014. Un álbum para pequerrechos, con sorpresa. E como vai con sorpresa prefiro non dicir máis nada aínda, por iso de manter a intriga. Logo, para a volta do verán, sairá unha novela xuvenil que, de feito, ía sacar o ano pasado. Pero cruzouse o premio coa novela e decidín adiala.
– GC: O último libro aínda está moi fresco, O corazón da Branca de Neve. Por que ese título tan suxerente?
– FC: Son moi malo poñendo títulos ás miñas obras. Como editor éme moito máis doado coas obras doutros e doutras. Aí póñome estupendo e fago unhas propostas chulísimas. Pero no caso dos meus libros cústame mundos titulalas. No caso desta, apareceu cando estaba a escribir o capítulo derradeiro. E hai que chegar ata aí para entender por que se chama así. Daquela, velaí un motivo máis para mercala… (…)”

Xabier López López: “Existe unha diglosia tamén sexista”

Desde Xerais:
Ponte en Galego, o programa radiofónico do equipo de Normalización Lingüística do IES Breamo de Pontedeume entrevistou ao escritor Xabier López López, gañador do Premio Xerais de Novela 2013 con Cadeas. Na interesante entrevista, Xabier López López fala da lingua galega e asegura que existe unha diglosia tamén sexista». A entrevista pode descargarse ou escoitarse neste enlace.”

Lugo: curso de relatos impartido por Santiago Jaureguízar, os 17 e 31 de xaneiro

Os venres 17 e 31 de xaneiro, con horarios de 16:30 a 20:30 horas, no Centro Asociado da UNED en Lugo (Rúa Cantigas e Frores, 31), Santiago Jaureguízar imparte un curso sobre relatos, que consiste na aprendizaxe das técnicas fundamentais para a escrita dun relato: modos, xéneros, construción de personaxe, estrutura, ambientación, espazo, punto de xiro, desenlace, estilo, ritmo, diálogo, flashback, elipse, clímax-anticlímax.
O venres 17 o curso xirará sobre Exposición de técnicas e xéneros usados en narrativa, e o 31 consistirá na Realización de exercicios prácticos guiados.
Toda a información sobre a actividade, o custo da matrícula e a inscrición pódese consultar aquí.

Rosa Aneiros: “Igual que outras liñas estratéxicas, ten que subvencionarse a cultura”

Entrevista a Rosa Aneiros en Compostimes:
“(…) – Compostimes (C): Na súa obra vostede inclúe un mosaico moi amplo de espazos, sendo este un elemento que en ocasións se lle achaca á literatura galega, cre que debe cruzar fronteiras dentro e fóra dos libros?
– Rosa Aneiros (RA): Eu creo que os espazos van en función do que narrativamente necesites. Sempre defendo que o importante son as historias. O importante son os personaxes e a acción que ti queres contar. Se tes unha historia que transcorre toda en Vigo é porque ti decidiches que o importante é a historia e eses personaxes podían desenvolverse na cidade de Vigo. Non creo que sexa necesario introducir cidades de fóra ou lugares de fóra para contar unha historia. É certo que ata hai uns anos non se introduciron tantas cidades alleas como hai neste momento. Pero non é estritamente necesario. O que provoca, sobre todo en lectores máis novos, é unha sensación de ser máis internacional. Pero o importante sempre é a trama, o importante sempre son os personaxes, o importante sempre é a historia. Se unha historia ten que transcorrer aquí, non pasa nada. Hai momentos nos que introducimos outras historias que teñen que transcorrer noutros lugares e iso enriquece as nosas propias obras, pero non estar fóra porque si. O importante non é o lugar, senón o que estás contando que transcorre alí. Estás introducindo novas variantes que afectan aos personaxes derivados das situacións socio políticas que se viven neses lugares e iso si é importante, non tanto polo espazo senón polo que achegas de novas realidades. (…)
– C: Outra característica que se atopa na súa literatura, nalgunhas das súas obras é o compromiso coa liberdade, a loita pola liberdade, concibe a literatura como un vehículo de concienciación?
– RA: Non é tanto que a literatura sexa un vehículo de concienciación senón que son os temas que a min sempre me interesaron para narrar. Eu sempre digo que se me escapa esa parte de xornalista de preocupación pola realidade na literatura. Dalgunha maneira a literatura ten que ser unha fiestra cara a novos mundos, para ver novas realidades a través dos ollos doutros. Por exemplo, estes días que está de actualidade os marroquís que están descendendo do monte Gurugú, intentando acceder a España, intentando acceder a Europa. Eu eso conteino nun relato e intenteino contar a través dos ollos deles, intentando quitar toda a parte obxectiva, por dicilo de algunha maneira, de narrar o número. Simplemente contei a historia de dous rapaces que intentan entrar. Iso é o que nos da a literatura, esa capacidade de ver o mundo a través doutros ollos. Hai historias nas que eso é fundamental e outras nas que esa pegada da concienciación non é tan pesada pero vai máis latente. Eu creo que nunca debes adoutrinar desde a literatura, xamais. O que tes que facer é respectar sempre a liberdade do lector e da lectora. Non é tanto adoutrinar, nin tampouco concienciar, senón contar a realidade dende outro punto de vista. Con iso permites que ese lector ou lectora faga unha lectura crítica e que se faga moitas preguntas a si mesmo. A literatura o que ten que facer é preguntas e que ten que ser cada lector e cada lectora quen responda. Ti lle das máis elementos ou máis ingredientes para que faga esa lectura máis construtiva, pero nunca a partir dun vieiro único. Eu son unha autora que procuro dar pautas, non me gusta mostrar a realidade desde un punto de vista holísitco, e a partir de aí constrúe ti. Creo moito nunha lectura crítica. (…)”

O que vén en 2014 (efemérides literarias), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Non é difícil conxecturar que boa parte da actualidade cultural do 2014 estará ocupada por dous escritores que, sen dúbida, suscitarán unha abondosa atención mediática en forma de actualización e posta ao día da súa obra literaria. Eles son Xosé María Díaz Castro e Eduardo Blanco-Amor, mais talvez non sería desaxeitado atender aniversarios e datas simbólicas doutras voces, igualmente significativas para a nosa cultura.
Son dúas as circunstancias que este 2014 ofrece en relación ao poeta de Guitiriz. Por un lado a celebración, o 19 de febreiro, do centenario do seu nacemento e, polo outro,  a decisión da Real Academia Galega para que protagonice o Día das Letras Galegas.
Díaz Castro ben merecía este recoñecemento, malia ser un autor dun único libro publicado en vida ou mesmo talvez por esa mesma razón pois Nimbos é deses poemarios que honran e dan brillo a unha literatura. O mesmo ocorreu con autores que faleceron cun único libro publicado, véxase De catro a catro de Manuel Antonio, Fírgoas de Manuel Luís Acuña ou Proel de Luís Amado Carballo. Neste ronsel é onde, ao meu xuízo, cómpre situar a Díaz Castro: o que quixo dicir deixóunolo nun excelente poemario e logo calou, ou gardou silencio. É evidente que este ano traeranos necesarias biografías, a edición do resto da súa obra literaria que sospeito abondosa e interesante e outras iniciativas. Benvido, pois, este 2014, ano Díaz Castro para a cultura galega.
Tamén a RAG dispón xa diversas actividades que se vincularán co 35 aniversario da morte do autor de A esmorga; o mesmo aniversario, por certo, que lle corresponde a Celso Emilio Ferreiro ou Luís Seoane.
Respecto a Eduardo Blanco-Amor xa se programan tanto a celebración dun plenario extraordinario na cidade de Ourense como un simposio que afonde en diversos aspectos da súa produción literaria. O perfil do escritor ourensán cómpre evocalo sempre, entre outras causas porque viviu moitos anos como un outsider, ignorado e maltratado tantas veces polo oficialismo. Gústame esta homenaxe porque posibilitará outra nova ollada á súa biografía –insuperable a que nos deixou Gonzalo Allegue co título EBA diante dun xuíz ausente– e, asemade, á súa obra.
Descoñezo se algunha institución pública ou asociación privada planifica algunha actividade ao fío das posibles celebracións que as circunstancias cronolóxicas fan cadrar, mais así debía ser. Entre elas salienta a do cincuenta aniversario do falecemento tanto do político sadense Ramón Suárez Picallo, que viviu axitadamente entre Galicia e América toda a súa vida, como do político e arquitecto vigués Manuel Gómez Román, que desenvolveu un labor aínda hoxe escasamente recoñecido tanto no ámbito do Partido Galeguista como, anos despois, na resistencia cultural no franquismo no seo da editorial Galaxia e da Fundación Penzol.
Por último, tamén este 2014 cumpriría cen anos o mestre, político e ensaísta Avelino Pousa Antelo, falecido hai tan só ano e medio, que foi presidente da Fundación Castelao durante moito anos e exemplar modelo de fidelidade ao seu país e á súa lingua. Neste mesmo grupo cumpriría citar a Celestino Fernández de la Vega, outro ilustre tradutor e ensaísta, especialmente coñecido polo seu intemporal O segredo do humor (1963) e mais a Ramón de Valenzuela, quizais unha das voces narrativas máis precisadas de difusión e revisión, tamén pola dificultade de atopar libros clave como Non agardei por ninguén ou Era tempo de apandar…, obras que non deben faltar para este 2014.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento Culturas de La Voz de Galicia, o 4 de xaneiro de 2013, baixo o título de O ano de Díaz Castro e Blanco Amor.

P. D. Dous días despois da publicación infórmanme que neste 2014 hai 110 que naceu Arturo Cuadrado e cen anos do escritor murgardés Xosé Rubia Barcia. Deixo constancia aquí deles. Grazas.”

Berta Dávila: “Confío moi pouco na resignación e, en calquera caso, prefiro a resistencia”

Entrevista de Montse Dopico a Berta Dávila en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): A morte, a consciencia da morte, é punto de partida no libro [O derradeiro libro de Emma Olsen]. Unha muller conta o que gardara porque sabe que vai morrer. Tamén en Raíz da fenda estaba moi presente a morte. Como en Dentro… A focaxe adoita ser, nos teus libros, (tamén neste último), o contraste, a tensión entre o amor e a morte. Por que?
– Berta Dávila (BD): En Raíz da fenda a morte e a enfermidade son os detonadores que levan á voz poética a afrontar finalmente a ausencia do outro, a asumir o oco e a carencia: o loito vivido desde a perspectiva da que fica á expectativa de sandar as feridas máis difíciles. A relación que se establece entre a morte e o desamor no libro é a identificación deste como perda ou carencia, como un proceso de abandono con algunhas concomitancias con respecto ao loito en si. Tratábase de poñer sobre a mesa todas as feridas, todos os abandonos. Creo que a ferida profunda é a clave do libro, facer da literatura unha ferida aberta, exposta sen cobertores, para quen a queira recibir, sen agochos e máscaras que a vistan con retóricas festivas.
A morte de Emma Olsen achega unha visión diferente, xa desde o momento no que se escolle facer unha confrontación en primeira persoa con esa derradeira fronteira, unha fronteira que a personaxe, lúcida sempre, e tamén case sempre desafectada, decide atravesar escribindo sobre algo importante. E, nese sentido, o amor é algo importante, todos os tipos de amor, render contas cos afectos que marcaron unha vida enteira. Dalgunha maneira a relación de débeda e de retirar as máscaras é o que une os dous libros. O proceso de escrita que relata Emma en O derradeiro libro de Emma Olsen ten certas concomitancias co meu propio proceso de escrita de Raíz da fenda, non nun sentido biográfico, como é obvio, pero si como proceso creativo. (…)
– MD: Na túa poesía houbo un intento de depuración do estilo, co paso do tempo. Podería dicirse o mesmo da túa narrativa? Esta é unha obra curtiña na que cada frase está medida.
– BD: Si que o hai, cada vez son máis teimuda e corrixo máis, en ocasións resulta paralizante e pouco útil. Tamén acontece que non é o mesmo o tempo que dedicaba á escrita no caso dos primeiros libros con respecto ao de agora. Iso tamén ten que ver co cambio de concepto do proceso. Aínda así, creo que unha vez que o libro xa está pechado e en mans dos lectores, hai que aprender a querelo como unha marca do tempo vivido, aceptar o que eras cando o escribiches como un sinal dun percorrido. E seguir percorrendo o que sexa. (…)”

Taboleiro do libro galego (XVIII), por Ramón Nicolás

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Derradeira entrega deste ano do Taboleiro do libro galego que recolle, segundo os datos obtidos dalgunhas librarías galegas, as novidades editoriais máis vendidas en lingua galega ao longo do mes decembro. O meu agradecemento, nesta ocasión, ás seguintes librarías: Biblos, Casa do Libro de Vigo, Torga, Couceiro, Andel, Aira das Letras, Pedreira, Á lus do candil, Carricanta e Libros para Soñar.”

NARRATIVA
1º-. A memoria da choiva, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
2º-. Vento e chuvia. Mitoloxia da antiga Gallaecia, de Manuel Gago e Manel Cráneo, Edicións Xerais.
3º-. Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras, Edicións Xerais.
4º-. A lúa da colleita, de Anxos Sumai, Editorial Galaxia.
5º-. Acordes náufragosde Antón Riveiro Coello, Editorial Galaxia.
6º-. Cadeas, de Xabier López López, Edicións Xerais.

POESÍA
-. Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, Através.
2º-. Dos tempos sombrizos, Daniel Salgado, Xerais.
3º-. Caderno do Nilo, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xerais.
4º-. Ningún precipicio, de Olalla Cociña, Toxosoutos.
5º-. Presente continuo, de María Reimóndez, Xerais.

ENSAIO-TEATRO
-. Historia de Galicia, Anselmo López Carreira, Edicións Xerais.
2º-. Exhortación á desobedienciaXosé Manuel Beiras, Laiovento.
3º-. O valego, de Xosé-Henrique Costas, Edicións Xerais.
4º-. Outra idea de Galicia, de Miguel Anxo Murado, Debate.

INFANTIL-XUVENIL
-. Ámote, Leo A.Rosa Aneiros, Edicións Xerais.
-. Caídos do mapa 1. O comezo, de María Inés Falconi (tradución de Rafael Salgueiro), Sushi Books.
-. O cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz e Luz Beloso, Nova Galicia Edicións-A porta verde do sétimo andar.
-. O elefante branco, de Xesús Fraga, Tambre.

ÁLBUM ILUSTRADO
-. Pan de millo, de Migallas, Kalandraka.
2º-. Toc Toc, de Pablo Díaz, ilustracións de Nuria Díaz, Galaxia.
3º-. A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, ilustracións de Xosé Cobas, Biblos.
4º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
5º-. Os Bolechas fan unha banda, de Pepe Carreiro.

BANDA DESEÑADA
1º-. Astérix e os Pictos, René Goscinny (autor), Albert Uderzo (ilustrador), Jean-Yves Ferri (autor), Didier Conrad (ilustrador), Xavier Senín e Isabel Soto López (tradutores), Edicións Xerais.
2º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
3º-. Historias de Icía e avoa, de Sabela Arias, Asociación Cultural Eira Vella.

OUTROS
1º-. CoraSons, colectivo CoraSons, Kalandraka.
2º-. Cartas que veñen e van,  Susa Herrera/Mamá Cabra, Primerapersona.

Vigo: presentación de A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota

O sábado 28 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cartabón (Rúa Urzaiz, 125) de Vigo, preséntase A Terra Queima, de Xurxo Souto e Lalo Carnota, publicado en Xerais. No acto, xunto aos autores, participa Manuel Bragado.