O mércores 15 de maio, ás 20:30 horas, no Centro Social madia Leva! de Lugo (Rúa Serra de Ancares, 18), preséntase Vattene!, de Alberte Momán, publicado por O Figurante Edicións.
Arquivo da categoría: Narrativa
Conferencia de Antón Riveiro Coello nos VI Encontros Cidade da Coruña
Continuamos a publicación das conferencias que tiveron lugar nos VI Encontros Cidade da Coruña, celebradas no mes de abril e maio deste ano, 2013.
Antón Riveiro Coello pronunciou a terceira conferencia, co título As voces ausentes. Literatura restitutoria.
Unha reflexión sobre como coa imaxinación e a través da vida de seres esquecidos podemos construír unha ficción cos lugares calados e invisibles da Historia, e como con eles podemos incidir na sociedade actual e transformala.
Literatura de restitución de voces ausentes como poden ser as das mulleres, a través das que se intenta canalizar a memoria e a percepción do conflito. Literatura tamén de recoñecemento ás vítimas, para lles dar unha homenaxe, sen entrar en ningún tipo de división ideolóxica.
Escribir sobre (e dende) a Guerra Civil non é unha moda dos fillos ou netos da mesma senón un acto de compromiso e rebeldía contra o esquecemento desas personaxes humildes nas que tamén está representada a identidade colectiva. Literatura como unha opción ética e estética de poñer en tensión o pasado e inscribir nel estas novas olladas que aspiran a modificalo. É dicir, a ficción, como lugar de exploración dos discursos do pasado, para iluminar eses espazos invisibles, para recompoñer as pluralidades das voces ausentes e achegar novas verdades a esa memoria en permanente construción.
Pódese escoitar completa aquí: Conferencia (Antón Riveiro Coello)
Vimianzo: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez
O sábado 11 de maio, ás 21:00 horas, na Casa da Cultura de Vimianzo, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicada en Xerais. No acto, coorganizado pola editorial, o Concello de Vimianzo e o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, participan, xunto ao autor, Manuel Antelo, Chus Barbeira, Concha Blanco, Alexandre Nerium e Manuel Bragado.
Baio, Zas: conferencia de Xosé María Lema Suárez
O luns 13 de maio, ás 10:45 horas, Xosé María Lema, autor de Costa do Solpor, impartirá a conferencia D’A Illa do tesouro á Costa do Solpor aos alumnos e alumnas do IES Maximino Romero Lema de Baio en Zas. Esta conferencia é o acto inaugural da Semana Cultural das Letras Galegas 2013 neste centro escolar.
Madrid: Seminario Interuniversitario Letras Galegas 2013
Martes 14
Universidade Complutense (Filoloxía Ed. A, Sala de Xuntas).
– 12:00-12:30 h. Inauguración do Seminario Interuniversitario. Carmen Mejía Ruiz.
– 12:30-13:00 h. A lingua e literatura galegas en Madrid. Carmen Mejía Ruiz e Ricardo Pichel Gotérrez.
– 13:00-14:00 h. Dúas mostras da difusión da lingua e literatura galegas desde Madrid. Lanzamento do Compendio de Gramática Galega (Urco Editora 2013) e dos blogues O reino dos contos e Microstórias, de Xavier Frías Conde (presenta R. Pichel).
CAUM
– 19:00-19:15 h. Presentación do acto. Helena Veiguela.
– 19:15-19:30 h. A situación do galego na actualidade. Lectura do manifesto da Mesa. Ricardo Pichel & Lila Rodríguez (Presenta Mª Victoria Navas Sánchez-Élez).
– 19:30-20:00 h. Proxección do documental De Albre de espranza á Poutada do Oso (de Lois Diéguez).
– 20:00-21:00 h. Os mundos creativos de A Poutada do Oso (Ed. Laiovento 2011), de Lois Diéguez. Lois Diéguez, Henrique Albor e Lila Rodríguez. Presenta Eva Lema.
Xoves 16
Espazo das Linguas Ibéricas.
– 17:00-17:15 h. Presentación do acto. Carme Lamela Villaravid.
– 17:30-19:00 h. Saxo tenor, entre dúas etapas creativas do artista escénico Roberto Vidal Bolaño. Roberto Pascual (presenta Carmen Mejía).
– 19:15-21:30 h. Obradoiro de teatro galego. Marta González Suárez & Roberto Pascual. Presenta Carme Lamela.
Venres 17
UNED (Escolas Pías).
– 19:30-19:45 h. Presentación do acto. Xavier Frías Conde.
– 19:45-20:15 h. A literatura galega desde Madrid (I). Coloquio-recital e relanzamento dos Cadernos do Roibén (Ed. Lastura 2013). Xavier Frías, Beatriz Hernanz, Verónica Martínez e Pilar Mera (presenta Luís Luna).
– 20:15-21:00 h. A literatura galega desde Madrid (II). Coloquio-recital e lanzamento da escolma de microrrelatos Hipnotopía, en doses pequenas (Ed. Lastura 2013). Vicente Araguas, Xavier Frías, Manuel Pereira, Luz Pichel, Begoña Regueiro, Marga Vázquez e Rafa Yáñez. Presenta Lidia López Miguel.
Luns 20
UCM (Filoloxía Ed. A, Paraninfo).
– 10:00-10:15 h. Presentación do acto. Eugenia Popeanga Chelaru & Carmen Mejía Ruiz.
– 10:15-11:15 h. A vida e a obra dramática de Roberto Vidal Bolaño. Xosé Manuel Fernández Castro (presenta R. Pichel).
– 11:30-12:00 h. Cita audiovisual con Roberto Vidal Bolaño. Proxección da montaxe Anxeliños!. Xosé Manuel Fernández Castro (presentación).
– 12:15-12:45 h. O proceso editorial das obras completas de Roberto Vidal Bolaño. Xosé Manuel Fernández Castro.
– 12:45-13:15 h. Tangatutanga Teatro: dinámicas de traballo nos ámbitos da creación e da escenografía teatral galega. Marta González Suárez & Carolina Alba Castro Estévez.
– 13:30-14:30 h. Clausura: Recital poético-musical galego. Escola Superior de Canto de Madrid.
Allariz: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez
Iolanda Zúñiga e Diego Ameixeiras chegan ao catalán da man de Pulp Books
Desde Sermos Galiza:
“Desde o 2011 a marca Pulp Books -da editorial Rinoceronte- vén ofrecendo obras da nova literatura galega traducidas ao español a través dun catálogo no que viron a luz títulos de Berta Dávila, Carlos Meixide, Jaureguizar, Xurxo Borrazás, Bieito Iglesias, Xavier Alcalá, Francisco Castro, Silvia Bardelás ou as novelas Dime algo sucio de Diego Ameixeiras e Vidas post-it de Iolanda Zúñiga que teñen agora nova edición en catalán.
Con estes dous novos títulos, a editorial afincada en Cangas, ofrece ao público lector catalán dúas obras da nova literatura galega traducidas directamente a súa lingua, nun camiño singular poucas veces transitado. Dime algo sucio de Ameixeiras foi publicada en 2009, despois de que o autor e guionista gañase en 2006 o Premio Xerais con Tres segundos de memoria. O libro de microrrelatos Vidas post-it é o primeiro título de Iolanda Zúñiga que gañaría tamén o Xerais en 2010 con Periferia.
Despois de encetar a súa traxectoria coa tradución de obras ao castelán -que se ofrecen en formato dixital e libro impreso- Pulp Books adéntrase con estes novos títulos na tradución ao catalán como un novo ámbito para a difusión da nova literatura galega. En breve, o selo editorial publicará Dime algo sucio en alemán e italiano e en xaponés A arte do fracaso, de Berta Dávila. Ao catálogo en castelán incorporarán, entre outros, Cemiterio de Elefantes de Fran Alonso.”
Parlamento das Letras: María Reimóndez
Entrevista de Armando Requeixo a María Reimóndez no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– María Reimóndez (MR): Creo que é hora de deixar de pensar na literatura galega en termos de carencias, creo que se ben temos problemas estruturais obvios, como o que son os obstáculos que nos poñen para chegar ás lectoras e lectores, temos tamén vantaxes importantes que temos que aprender a utilizar. A nosa principal vantaxe é que formamos realmente parte dunha comunidade na que se poden establecer, se así se desexa, alianzas. Quero dicir con isto que fronte ao márquetin temos os clubs de lectura, os centros de ensino, o apoio da música, do teatro, do cinema, hai un sector da nosa literatura que traballa cun afán de tecermos redes cada vez máis mestas e que temos que traballar por ampliar porque, entre outras cousas, son as únicas experiencias que teñen viso de chegar a cambiar a sociedade na que vivimos tamén a outros niveis. Fronte á cultura do superficial e inmediato, do comercial como único valor doutros sistemas literarios, no noso aínda prima ese valor comunitario de base e esa é para min a nosa gran oportunidade. Por moito que fagan por matala e pese a quen lle pese dende as institucións de poder (tanto aquelas españolistas como algunhas galegas) a nosa cultura está viva e seguirá a estar viva sempre e cando siga en conexión coa cidadanía.
Dito isto, ás nosas letras, e nisto sen dúbida non son excepción senón normalidade con respecto a outros panoramas, sóbralles, para canonizar un termo estupendo de María Yáñez e Helena Miguélez, pirolismo e tamén ás veces a falla de consideración da nosa posición de literatura occidental con respecto a outras culturas. Refírome con isto á contradición de laiarse seguido de que a nosa literatura non é coñecida e respectada fóra e logo falar do canon desexable e da “literatura universal” como aquela escrita por Shakespeare e Goethe (homes brancos heterosexuais e falantes de linguas hexemónicas). O do pirolismo creo que xa foi moi ben definido polas compañeiras antes mencionadas e por Rosalía de Castro, porque seguimos nun sistema literario que pretende seguir facendo de nós estranxeiras na nosa patria. Exclúesenos dos foros de debate, dos premios, das cousas “importantes”, fálase do noso aspecto físico no canto de das nosas obras e cando se fala destas resúmense a tropos como “universo feminino” e “literatura de mulleres”. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MR: Creo que xa a fun dando ao longo das demais respostas. Vivimos no paradoxo de ter a lingua á intemperie e a literatura a toda máquina. Así que creo que haberá que utilizar esta última e o resto de ferramentas que temos ao noso alcance (a música, o teatro, o cinema) para darlle acubillo e esixir a devolución de dereitos ás persoas galegofalantes. Porque a fin de contas penso que o que máis segue atraendo ao ser humano son as historias e de aí o éxito dos videoxogos e dos talkshows, cómpre que teñamos a intelixencia e o saber facer suficiente para aproveitar esa vantaxe para saltar os obstáculos e esquivar as pedras que se nos arrebolan.”
Santiago: encontro de creación literaria con Manuel Portas
Santiago: actividades destacadas do venres 3 de maio na Feira do Libro
O venres 3 de maio prosegue a Feira do Libro de Santiago (no Paseo Central da Alameda), cos seguintes actos literarios destacados:
– 19:00 h. O escritor Manuel Portas presenta o seu libro Faneca Brava, publicado por Edicións Xerais. Xunto co autor, participarán no acto o crítico Ramón Nicolás e Fran Alonso.
– 19:00 h. Chisco Fernández Naval e Antón Riveiro Coello asinarán os seus libros na caseta da Libraría Pedreira.
– 20:00 h. A noite no deserto. Un diálogo sobre a novela e a construción da memoria, con Chisco Fernández Naval, autor de A noite branca, publicado por Edicións Xerais e Antón Riveiro Coello, autor de Laura no deserto, publicado po Editorial Galaxia. O acto estará guiado da man de Armando Requeixo.