O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro

Entrevista de Nacho Alonso a Francisco Castro en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Dous anos despois da publicación dese libro [In vino veritas] retoma o xénero neste O corazón da Branca de Neve.
– Francisco Castro (FC): Expresaba Walt Whitman: “Contradígome! Si, contradígome!” (risos). Cando aseguraba que non volvería escribir este tipo de novela estaba totalmente convencido diso, pero O corazón da Branca de Neve naceu pegada –e non o oculto- ao premio de novela por entregas do xornal La Voz de Galicia. Por mor das características dese premio, onde case que tes a obriga de manter intrigado ao lector ao longo de trinta e un capítulos, a escrita que mellor lle acae a ese xénero seguramente sexa a novela negra.
E aparte do propio premio, estaba o personaxe do inspector Hermida, que levaba tempo roldándome polo meu maxín. Hermida trátase dun policía entrañable, real, que o lector pode identificalo doadamente… Da conxunción de todo iso que acabo de comentar naceu O corazón da Branca de Neve. Polo tanto, desdíxome do dito hai dous anos. E aínda digo máis… O inspector Hermida terá continuidade en futuras novelas.
– FL: Con esta novela acadou o premio de novela por entregas de La Voz de Galicia. Unha das características dese certame é a estrutura que ha de ter a novela: trinta e un capítulos de 3.500 caracteres cada un deles. Foille un reto cinguirse a unha estrutura tan ríxida?
– FC: Eu sentíame, á hora de escribir O corazón da Branca de Neve, como eses operarios que fan albanelería fina. Foi un reto, a verdade. O meu obxectivo era cumprir formalmente cos 3.500 caracteres por capítulo establecidos nas bases do premio; de feito, os trinta e un capítulos do libro teñen exactamente eses 3.500 caracteres, nin un arriba nin un abaixo.
Cando tes que facer unha novela cunha estrutura tan ríxida sempre está a tentación de non complicarte e darlle á historia unha estrutura clásica: presentación, nó e desenlace. Porén, eu quería ofrecer ao lector, a pesar do formato tan ríxido, unha novela coral, onde apareceran varios personaxes con cadansúa historia, non só a pesquisa de Hermida.
Iso axudoume a introducir unha denuncia sobre varias cousas, como o feminicidio de xénero que estereotipa ás rapazas a ter un corpo determinado ou unha crítica social sobre as mulleres ás que lles rouban os bebés.
Ao final, se vas sumando cousas, os retos eran moitos. Debía cumprir cos caracteres por capítulo, estaba a necesidade de manter a intriga ao longo do mes no que se publicou a novela en La Voz de Galicia e, por suposto, estaba o reto literario.
– FL: En O corazón da Branca de Neve vostede abarca un tema que está de fonda actualidade, como é o roubo de meniños para entregalos a familias que non poden ter descendencia. É doado ficcionar a realidade?
– FC: Aínda que soe a tópico coido que a novela negra ten a obriga de estar pegada á realidade, ha de retratar a época na que vive. O escritor Dashiell Hammett debuxaba nas súas novelas aquela América de finais dos 40 e comezos dos 50. Aos que facemos novela negra hoxe tócanos reflectir o que está a acontecer na actualidade. Polo tanto, no meu caso, non foi difícil. (…)”

A Coruña: presentación de Cadeas, de Xabier López

O venres 13 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Campo de Marte, s/n) da Coruña, preséntase Cadeas, de Xabier López, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Asociación, a editorial e a Libraría Sisargas, participan, xunto ao autor, Francisco X. Fernández Naval e Fran Alonso.

Ferrol: presentación de Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros

O venres 13 de decembro, ás 19:30 horas, na Galería Sargadelos de Ferrol (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María), preséntase Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participará o Clube de Lectura Pantasmas de Papel de Neda.

Vigo: presentación de O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán

O venres 13 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102) de Vigo, preséntase O solpor da cupletista, de María Xosé Queizán, publicado en Xerais. No acto, xunto á autora, participan Mónica Bar e Manuel Bragado.

Santiago: presentación de Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández

O mércores 11 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24) de Santiago de Compostela, preséntase Bícame, Frank, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Eduardo Galán e Moncho Lemos.

Compostela: presentación de Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez

O xoves 12 de decembro, ás 20:30 horas, na Espazo Enocultural Vide, Vide! (Fonte de San Antonio, 10) de Santiago de Compostela, preséntase Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola A. C. O Galo e a editorial, participan, xunto ao autor, Carlos Callón e Manuel Bragado.