Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Alba María publica Regueifa en Bergantiños. Celestrino de Leduzo vs. Calviño de Tallo. Un libro-disco da ACentral Folque que xunta historia do xénero e memoria oral. A entrevista pode escoitarse aquí.”
Arquivo da categoría: Oralidade
Xa están dispoñíbeis as actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia
As actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral. Palabras con memoria: topónimos, ditos, frases, nomes… con historia xa están dispoñíbeis. Poden descargarse na imaxe de abaixo:
Especial sobre Isidro Novo no Diario Cultural
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“A paixón polas palabras. Falece en Lugo o escritor Isidro Novo. O especial do programa pode escoitarse aquí.”
Faleceu Isidro Novo
Con
profunda dor a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega comunica o pasamento do seu membro do Consello Directivo até 2017, o escritor Isidro Novo. Á calidade humana e á excelencia do seu múltiple traballo como creador súmase o compromiso activo e propositivo na defensa da cultura, da lingua e da literatura culta e popular. Foi vogal da AELG por Lugo e membro fundador da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e partícipe en todas as iniciativas que desenvolveu (Xornadas de Literatura de Tradición Oral, Polafías, Obradoiros de Narración Oral, Letra das Festas, Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria), alén de coordinador do portal “Palabras con Memoria” da web da AELG. Destaca tamén o seu papel como excepcional guía en diversos obradoiros de creación literaria.
No seu espazo da web da AELG pódese ver unha mostra da súa traxectoria.
O seu corpo está no Tanatorio de Velatorios Lucenses As Arieiras (Camiño do Seixo, s/n, Lugo –como chegar). A incineración terá lugar o venres 2 de febreiro, ás 19:00. Estase organizando un acto de despedida previo en forma de recital, que terá lugar no propio tanatorio sobre as 18:30.
Morreu unha Mestra da Memoria, morreu Manuela Cortizo Medal, Manuela de Barro
A AELG
lamenta fondamente a perda dunha das súas Mestras da Memoria.
Manuela de Barro, tamén coñecida por Manuela das Marianas, nacera o 13 de xullo de 1930 en Cerdedo (Pontevedra). De nena trasladouse ao lugar de Barro de Arén, no mesmo concello, onde residiu desde aquela. Alí casou con José Álvarez Sieiro, criou dúas fillas, Sinda e Ana, e dedicouse aos labores do campo.
Da súa tía, Mariana Cortizo Lorenzo, aprendeu os primeiros cantos que, coa súa prodixiosa voz, axiña lle deron renome e prestixio en toda a comarca. Tras unha vida intensa, dura, apenas escolarizada, cando chegou á xubilación promoveu a creación da agrupación “Pandereteiras de Barro de Arén”, grupo que chegou a gravar un disco e que achegou ao panorama da música popular tradicional un repertorio infinito de coplas e cantigas extraídas da memoria prodixiosa de Manuela. Con esta agrupación tamén participou en programas de radio e televisión, e foi entrevistada por numerosos investigadores do folclore popular galego, cuxo resultado se pode comprobar en libros como Cantares de Manuela de Barro, de Calros Solla, e Cantareira de Barro de Arén. Manuela Cortizo Medal, de Xosé Lois Foxo. O seu repertorio como cantareira é moi amplo: cantos de ronda, de berce, Reis, Nadal…, cantares de oficios (de arrieiros, alfareiros…), parrafeos, romances (históricos, de cego …), coplas de todo tipo, interpretadas con ou sen acompañamento da pandeireta.
Manuela foi unha muller alegre, de voz potente e transparente. Da calidade da súa voz, a mesma daquela nena á que ás súas tías lle pedían que cantase mentres alindaba as vacas polo monte para saber onde andaba, dá unha cabal idea o apelativo que lle dedica o escritor Calros Solla, biógrafo e gran recompilador do inmenso arquivo da súa memoria, cando a define como a “Monserrat Caballé de Terra de Montes”.
Poucas veces tropezamos nas nosas camiñadas polo país con persoas tan sensibles e amantes da cultura tradicional, tan preocupadas pola recreación e difusión dos cantos e das músicas populares. Grada na súa memoria milleiros de pezas para cantar, pero tamén contos e lendas ou historias da súa querida Terra de Cerdedo.
Por todos estes méritos o concello de Cerdedo concedeulle a Medalla de Ouro, o concello de Forcarei a Medalla “Gaiteiro de Soutelo”. Conta co Diploma da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, e co Diploma “Mestra da Memoria”, concedido pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) o ano 2013.
Deixounos onte, 31 de xaneiro de 2018. Será enterrada hoxe, 1 de febreiro. A saída do Tanatorio de Cerdedo (sala 2) está prevista para as 16.45 cara a Igrexa Parroquial de San Xoán de Cerdedo, onde se celebrará o funeral ás 17.15.
Vexa o fondo videográfico coas participacións de Manuela Cortizo no Proxecto Polafías.”
Xosé Manuel Sánchez Rei recompila máis de 400 cantares tradicionais galegos
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Xosé Manuel Sánchez Rei recompila no volume Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX máis de 400 cantares tradicionais galegos. Pode escoitarse a entrevista aquí.”
Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa, Lista de Honra do IBBY 2018
Desde
Xerais:
“O libro Lendo lendas, digo versos de Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa e con ilustracións de Xosé Cobas foi nomeado para a Lista de Honra do IBBY, 2018.
Cada dous anos se publica en inglés o catálogo da Lista de Honra do IBBY que inclúe os libros que se consideran sobresaíntes pola calidade dos textos, ilustracións ou traducións. Esta selección de títulos pretende dar a coñecer os libros que mellor representan a literatura actual de cada un dos países que forman parte do IBBY e recomenda a publicación en todo o mundo das obras seleccionadas.
Este ano o catálogo será presentado en agosto no 36º Congreso Mundial do IBBY que terá lugar na cidade de Atenas, Grecia e os libros seleccionados formarán parte dunhas exposicións itinerantes que viaxarán a Xapón, Rusia, EE.UU. e á Feira do Libro Infantil Boloña 2019 para logo formar parte dos depósitos da Internationale Jugendbibliothek de München.”
Compostela: presentación de Cantar na Coruña. Cancioneiro coruñés dos séculos XVIII e XIX, de Xosé Manuel Sánchez Rei
Antonio Reigosa fala sobre os 10 anos das Polafías
Desde
Openradio:
“Antonio Reigosa foi convidado por unha nova emisora de radio en internet, openradio.es. Esta achega do autor ao espazo E Tumba e Revira é un breve comentario sobre os 10 anos do proxecto das Polafías.
Pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Antonio Reigosa no Diario Cultural arredor das Polafías
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“‘Unha das claves para que se poña en valor a cultura popular é que haxa transmisor*s que sexan recoñecid*s socialmente’. As Polafías cumpren dez anos. 33 localidades, 40 horas de gravacións e case 800 vídeos no arquivo destas veladas que coordina Antonio Reigosa. Pode escoitarse aquí.”

