Morre Xohana Torres

Desde Sermos Galiza (retrato de Laxeiro):
“Conmoción na cultura galega: esta terza feira morreu Xohana Torres (Compostela, 1931). Poeta, narradora e dramaturga, deixa unha obra de grande alento. Faleceu esta terza feira en Vigo. En plena ditadura, abriu fendas para a cultura e a lingua do país. Pertencía a unha xeración, a das Festas Minervais, mais a súa obra non é redutíbel a unha franxa ou a un grupo etario. Perfeccionista, tiña un enorme dominio do oficio. Mais non todo era técnica, era perfeitamente quen de producir emoción e beleza. Cantora da súa lingua e cantora tamén da nación, o seu legado perdurará.
Por volta das 20:37 horas, o xornalista Xan Carballa penduraba un post no seu FB en que noticia a triste nova do falecimento de Xohana Torres. “Adeus a Xohana Torres. Hai unhas poucas horas que a literatura galega perdeu a unha das súas grandes figuras, unha muller con letras a voar en mútiples direccións e significados que medran e se alimentan no tempo”, escrebía Carballa. “Lembrarémola. Lerémola. Navegaremos da súa man”, engadía.
Xohana Torres é un nome indiscutibelmente referencial das nosas letras nas últimas décadas. Aparece, cunha forza incontíbel, na década dos 50, como unha voz renovadora da poesía galega. Foi discípula de Carvalho Calero, nos seus anos da infancia ferrolá. Autora con grande personalidade, fixo parte, porén, dunha xeración, a chamada Xeración das Festas Minervais. Mais calquera pretensión de apreixala nunha época ou nun grupo é baldía, a súa era unha obra singular que se resistía a ser decodificada nun único rexistro.
Desde Do Sulco, poemario que viu a luz en 1959, até o Elexías a Lola, de 2016, desprégase unha obra inconformista e aberta sempre a novos horizontes. Dela di César Lorenzo Gil no seu blogue Biosbardia que a súa é unha poesía da “precisión”, pura orfebrería: “Nuns tempos nos que a técnica, en calquera disciplina artística, está en cuestión, dá gozo observar unha tarefa de oficio tan ben executada, edificados os poemas non só a base de conceptos orixinais, imaxes fermosas ou evocacións fascinantes senón tamén a través do ritmo e do perfecto equilibrio entre versos”.
Activista incansábel da literatura nacional, hai tamén unha Xohana Torres que durante a ditadura utiliza todos os meios para divulgar a cultura galega. Por exemplo, o teatro. Por exemplo, a radio, desde Radio Ferrol a La Voz de Vigo, antena en que puxo en andamento, en 1965, Raíz e Tempo, o primeiro programa de cultura en lingua galega desde a guerra civil.
Xan Carballa -editor xunto con Pepe Puga, de Elexías a Lola (Engaiolarte)- resgatou estes versos de Xohana Torres no seu emotivo post de despedida:

PENÉLOPE

Declara o Oráculo:

“Que a banda do solpor é mar de mortos,
incerta, última luz, non terás medo.

Que ramas de loureiro erguen rapazas.
Que cor malva se decide o acio.

Que acades disas Patrias a vendima.
Que amaine o vento, beberás o viño.

Que sereas sen voz a vela embaten.
Que un sumario de xerfa polos cons.

Así falou Penélope:

Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?

EU TAMEN NAVEGAR”

Adeus, Xohana, por Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta en Faro de Vigo:
“Chaman por teléfono e comunican que faleceches. Pídenme unhas liñas. E eu volvo á memoria da nena que fun e tirou do andel aquel Adios, María co que gañaras o premio “Galicia” do Centro Galego de Buenos Aires. Foi unha sorpresa e un revulsivo. Unha autora que ninguén agardaba, unha historia protagonizada por unha nena que non aceptaba a realidade da emigración dos seus pais. O tempo pasou dende entón. Véxoo nas manchas de humidade das páxinas desta primeira edición feita en Arxentina e distribuída por Edicións Castrelos. Foi en 1971.
Quince anos despois, atópote nos diálogos da peza teatral Á outra banda do Iberr e nos poemas de Do sulco, os libros de lectura obrigada na Facultade que non conseguiamos (foran editados en 1965 e 1957 respectivamente) e tivemos que fotocopiar da biblioteca.
Mais foi con Tempo de ría, o teu poemario publicado en 1992, co que te botarías definitivamente ao mar dos nosos ollos, prendidos xa para sempre na lectura dos teus versos. Porque nosoutras, coma ti, tamén navegar, que a maxia existe e pode ser de todas.
O teu “Penélope” acabou sendo bandeira do tempo da poesía en feminino. E compartimos xeración, a xeración das mulleres que, desde entón, falamos coa nosa propia voz. Porque nosoutras que te lemos, sentimos que non nos afasta nin a idade, nin o espazo, que compartimos a camaradería das palabras e as arelas, que chegou o tempo de rachar os velos e mostrarnos.
A túa sinatura no libro mostra como eras exactamente, sinxela, discreta, optimista e aberta como os teus “as” sen pechar subindo unha liña imaxinaria. Debes saber que tivemos fame da túa presenza, a pesar de saber e respectar a túa decisión de non te prodigar en público.
Querida Xohana, a túa partida déixanos orfas.”

Cursos Apiario presenciais 2017-2018

Desde Apiario:
Os cursos Apiario constitúen a nosa oferta de formación continua, de setembro a xuño, en grupos reducidos (máximo 10 alumnos). A proposta destes cursos é acompañar aos asistentes, na procura da súa voz e apoiar este traballo na adquisición da técnica. A través de unidades temáticas trabállase a construción do literario, dende unha perspectiva multidisciplinar onde conxugar teoría e práctica.
Sen esquecer que estes cursos son un espazo de encontro para persoas que comparten o gusto pola literatura e outras inquedanzas artísticas.

A Coruña

Arquitecturas do poema
Dores Tembrás
A quen vai dirixido: A persoas interesadas en achegarse á poesía, en adquiriren ferramentas para gozar da súa lectura e tamén da escrita. Non só dirixido a escritores de poesía, tamén a narradores que queiran profundar na palabra e nos seus matices.
Horario: Martes 19:00-21:00
Prezo: 65 euros/mes
Descrición: Un espazo para quen quere achegarse á palabra, roldala, curioseala. Un tempo para escribir, pero tamén para afondar nas poéticas alleas. Para extraviarnos ou prendernos de conceptos como perda, beleza, sórdido, memoria, materia, lugar… A precisión, a procura, atendendo por veces á hermenéutica, pero sobre todo á voz que hai en cada un, para recoñecela e serlle fiel. Unha das características fundamentais deste formato é a da adquisición de ferramentas, técnicas que nos permitan trasladar ao papel coa maior precisión o poema que se xesta en nós. Para iso tamén será preciso afondar no acontecemento poético, atender a teorías que nos poñan en contacto coas poéticas máis relevantes da literatura universal. Todo isto para deternos en conceptos como silencio, música do poema, poder de suxestión, evocación, corte do verso… Metodoloxía: Construír unha guía propia de recursos para cada asistente a través das actividades e lecturas semanais. Posta en común do traballo individual e seguimento dos textos ata fechalos. Cada tres meses recibirase a visita dunha/dun autora/autor que dirixirá a sesión. Cada asistente ten dereito a unha titoría individual ao trimestre centrada no seu propio traballo.
Mais información e matrícula en: info@apiario.eu

Literaria: entre a escrita e a lectura
Dores Tembrás
A quen vai dirixido: Este obradoiro esta deseñado para aquel*s amantes da literatura, xa sexan lector*s atent*s ou escritor*s con ganas de profundar nas voces d*s grandes autor*s.
Horario: Luns 19:00-21:00
Prezo: 65 euros/mes
Descrición: Como recomenda Fitzgerald, unha das voces máis lúcidas que nos acompañará neste obradoiro: Escribir ficción é manexar un truco dirixido á intelixencia e ao corazón do lector; un artificio para suscitar emocións diferentes, ao xeito do prestidixitador. Unha vez aprendido, esquencelo…
A atención sempre disposta, o debate a través de lecturas guiadas onde explorar a lectura crítica, a técnica do comezo e do final, do tema, d* narrador*, o tempo, o silencio, a memoria…serán fíos vertebradores dos que tirar para construir o encontro na procura da voz individual. Unha proposta, onde a escrita e a lectura son vasos comunicantes.
Mais información e matrícula en: info@apiario.eu

Revelar para rebelarse. Olladas do poético
Antía Otero
A quen vai dirixido: A persoas que se inician na escrita ou xa o fan, interesadas na poesía e no poético como lugar para crear. Dirixido a tod*s aquel*s que queren profundar na súa práctica, escrutar o impulso e o proceso, revelar a alquimia da técnica na rebelión da palabra.
Horario Metodoloxía: Mércores 19:00 -21:00
Prezo: 65 euros/mes
Descrición: Este obradoiro é unha chamada á capacidade de asombro para descubrir as chaves que poñen en marcha a maquinaria do poético. Un xeito de achegarse ao abraio que provoca a palabra, á rebelión da voz na sensación da escrita. A través do diálogo entre teoría e práctica, escoita e deriva, falarlle ao proceso. En Revelar para rebelarse, centraremos a dinámica botando man de unidades temáticas deseñadas para profundar no extraordinario, no efémero, no arrebato e sucar o silencio, os ocos, o tempo e o lugar. Pezas angulares e ferramentas que nos axuden a escribir, mais tamén a ampliar a capacidade lectora e crítica. 
Horas para debater e alimentarse na fascinación que provoca a palabra. Metodoloxía: Sesións vertebradas por unidades temáticas e achegamento a diferentes autor*s da literatura galega e universal. Propostas de escrita. Debate continuo. Crítica, valoración e seguimento dos textos. Lecturas. Visionado de material audiovisual. Cada tres meses recibirase a visita dunha/dun autora/autor que dirixirá a sesión. Cada alumn@ ten dereito a unha titoría individual ao trimestre centrada no seu propio traballo.
Mais información e matrícula en: info@apiario.eu

*Todos os nosos cursos teñen unha matrícula inicial de 30€.

Santiago de Compostela

Cartografías literarias: Entre a escrita e a lectura
Antía Otero
A quen vai dirixido: A persoas que se inician na escrita ou xa o fan, interesadas na literatura como lugar para crear; a tod*s aquel*s que queren profundar na súa práctica, escrutar o impulso e o proceso, descubrir a alquimia da técnica, aprender das lecturas. Este obradoiro esta deseñado para aquel*s amantes da literatura, xa sexan lector*s atent*s ou escritor*s con ganas de profundar nas voces d*s grandes autor*s.
Horario: Luns de 19.00 a 21.00
Lugar: Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6, Compostela)
Prezo: 65 euros/mes
Descrición Este obradoiro está deseñado para aquel*s amantes da literatura que gusten de achegarse ao abraio que provoca a palabra, a rebelión da voz na sensación da escrita. A través do diálogo entre teoría e práctica colleremos o pulso da palabra e profundaremos nas voces d*s grandes autor*s. Poremos enriba da mesa pezas angulares e mestras da literatura e ferramentas que nos axuden a escribir, mais tamén a ampliar a capacidade lectora e crítica. Horas para debater e alimentarse na fascinación que provoca o encontro coa literatura.
Metodoloxía: Sesións vertebradas por unidades temáticas e achegamento a diferentes autor*s da literatura galega e universal. Propostas de escrita. Debate continuo. Crítica, valoración e seguimento dos textos. Lecturas. Visionado de material audiovisual. Cada tres meses recibirase a visita dunha/dun autora/autor que dirixirá a sesión.
Máis información e matrícula en: info@apiario.eu

* Todos os nosos cursos teñen unha matrícula inicial de 30€.

***

Aquí poden consultarse os cursos on-line (Cartografías literarias, De misterio e técnicas). 2017/2018.

Podcast de Chamando á Terra, 9 de setembro de 2017

Desde o Chamando á Terra da Radio Galega:
“Primeira emisión do programa dirixido por María Solar. A nosa intención: contar historias, coñecer autores, ilusionarvos, e saber desas paxinas nas que vivimos outras vidas. Eli Ríos, Cesáreo Sánchez Iglesias, Alba Cid, Malores Villanueva, Montse Pena Presas, Berta Dávila, Diego Giráldez…. e Agustín Fernández Paz. Pode escoitarse aquí.”