Entrevista a Isaac Xubín no Zig-zag, sobre A cadencia da fractura

Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
Isaac Xubín visita o estudio de gravación. Acaba de gañar o Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, convocado polo concello de Fornelos de Montes dende 2012, co seu libro de poemas A cadencia da fractura, que se impuxo a outros vinte e seis traballos presentados. Pode verse a entrevista aquí.”

Pontevedra: relatorio arredor de A noite das palabras, de Xesús Franco

O luns 29 de maio, ás 20:00 horas, na Taberna do Jazz (Rúa de San Sebastián, 19), en Pontevedra, terá lugar un relatorio arredor do libro A noite das palabras, de Xesús Franco. No acto, organizado polo Ateneo de Pontevedra, intervirán, xunto ao autor, Carmen Quinteiro e Antón Sobral.

“O interior das casas”, por María Reimóndez

Artigo de María Reimóndez na Sega:
“Nas habituais disquisicións sobre a literatura galega que adoito presenciamos, unha das ladaíñas recorrentes é a de que este é “un país moi pequeno”, onde todo o mundo se coñece, onde non é posible facer un traballo crítico “rigoroso” precisamente por exceso de proximidade. Sen entrar agora a debater o errado que me semella, dende a epistemoloxía feminista, entender o “rigor” como distancia, nin as raíces e consecuencias que este tipo de pensamento trae para as autoras e críticas, querería utilizar o tropo do “país pequeno” para falar en positivo. Os países pequenos (os literarios, cómpre non enganarse, todos o son) acaban sendo coma as casas, lugares que teñen o potencial de nos encerrar ou de nos axudar a coñecer e a coñecernos, a crecer no literario e no humano grazas á presenza tanxible doutras escritoras nas nosas vidas. A proximidade aumenta tamén, é obvio, o noso potencial para crear comunidade.
Entendo, pois, como unha vantaxe da proximidade, do país pequeno, da casa, ter tido ao longo de toda a miña vida como escritora a posibilidade de compartir espazos con Marta Dacosta, espazos que transcenden as páxinas dos libros, mais que fican prendidos a eles indefectiblemente. Ás veces os contactos son meros comentarios ao aire que sen saber alguén recolle. Hoxe, para falar de Na casa da avoa, debo por forza volver a un deles, aquel no que Dacosta comentaba con ironía que a súa escrita quedara atrapada no caixón desleixado da “escrita de/por/para mulleres”. Para aquelas que canonizaron as poetas dos oitenta e noventa, a súa voz semellaba non encaixar no agardado, non seguir os patróns predeterminados. Quedou relegada a ese espazo que pecha as portas a un achegamento crítico (agora si) rigoroso, é dicir, complexo, intelectualmente competente e respectuoso, da súa obra. É hora de sacar a escrita de Dacosta do –con perdón- rocho onde foi confinada. E para iso vou comezar virando a chave polo final, por esta a súa última obra. (…)”

Pontevedra: “Por un amor común. Homenaxe a Francisco Cortegoso”