Malpica estrea o Fondo Lugrís cos poetas eróticos do Premio Illas Sisargas

DesdeExposicion-O-Desexo-en-Malpica-2 Que pasa na Costa:
“Ata o 15 de xuño estará aberta no Centro Cívico de Malpica a exposición O desexo. Esta mostra conxunta de Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro estrea así o Fondo Lugrís, no novo espazo expositivo do segundo andar do Centro Cívico. Unha sala circular pensada para albergar unha mostra permanente das obras de arte adquiridas polo Concello de Malpica ao longo dos últimos anos e das que poidan incorporarse no futuro.
O desexo é un proxecto plástico e literario asinado por Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro, pero tamén por Ramón Neto, Verónica Martínez, Lino Braxe, Emma Pedreira, Eli Ríos, Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, Alberte Momán, Antonio G. Teijeiro, Miguel Mato, Paco de Tano, Xosé Iglesias e Paco Souto, é dicir, 13 dos 15 poetas que gañaron o Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas ao longo dos seus dez anos de vida. E igual que o premio literario, a exposición O desexo é froito da colaboración entre a Asociación Cultural Caldeirón e o Concello de Malpica.
Dadas as limitacións do espazo, na exposición inagurada este domingo non figuran as máis de corenta obras creadas por Maside, Riveiro e Pardiñas para O desexo, pero si todas as incluídas no catálogo editado, no que cada obra pictórica vai acompañada dun poema. Algúns dos autores deses versos ofreceron un pequeno recital no acto de inauguración, ao que tamén asistiron os pintores Riveiro e Pardiñas.”

Vilagarcía de Arousa: recital poético en homenaxe a Manuel María

OManuel María sábado 21 de maio, ás 18:30 horas, na Peixería, en Vilagarcía de Arousa, terá lugar un recital poético en homenaxe a Manuel María, coa intervención de Xesús Alonso Montero, Tito Porto, Enrique Brumbéck, Goretti Fariña, Elvira Riveiro e Antón Blanco, acompañados polo pianista Germán Jesús Torres Sánchez, que interpretará unha selección de música clásica.

A Coruña: entrega do XIII Premio de Poesía Afundación a Miguel Anxo Fernán-Vello

OMiguel Anxo Fernán-Vello venres 20 de maio, ás 19:30 horas, na Sede Afundación da Coruña (Cantón Grande, 8), entrégase o XIII Premio de poesía Afundación a Miguel Anxo Fernán-Vello, pola obra Duración da penumbra, presentada baixo o lema «Sombra do aire».
Confirmación de asistencia a través deste formulario de inscrición ou no teléfono 981 185 060. O premio, convocado polo Centro PEN de Galicia, conta co patrocinio de Afundación e a Xunta de Galicia.

O Couto (Ponteceso): actos destacados no Festiletras o xoves 19

OFestiletras 2016 Festiletras 2016, que terá lugar na aldea do Couto (Concello de Ponteceso), terá os seguintes actos destacados no xoves 19 de maio:
12:00 h., na Fundación Eduardo Pondal. Homenaxe a Manuel María. Con Miguel Mato. Recital poético da mocidade, co alumnado do IES de Ponteceso.
17:00 h., na Casa dos Veciños. Os vellos non deben de namorarse, de Fantoches Baj.