Desde
Sermos Galiza:
“Hoxe Lois Pereiro cumpriría 58 anos, polo que amigos en todo o mundo organizan unha serie de actos até finais de mes en homenaxe baixo o título de Cicloxénese Cultural Explosiva.
Iso inclúe un ciclo de conferencias e intervencións na Universidade de Vigo, exposicións en Monforte e nas Universidades de California (UCLA) e Connecticut (UConn), concertos en Nova York e un recital escénico na Coruña.
Os actos comezaron onte segunda feira no pavillón central da Universidade de Vigo, coa inauguración da exposición “Siluetas Furtivas: I Certame Cicloxénico de Ilustración e VideoCreación”, unha performance e estrea en España do documental Desaparecidos, de Carla Navi.
Hoxe as actividades durarán todo o día e estarán centradas na música. As Siluetas Furtivas son obras gráficas ou audiovisuais sobre a vida ou a obra do poeta monfortino que remitiron distintos artistas ata o 31 de xaneiro. Desde entón, nas redes sociais foise realizando unha votación para seleccionar as favoritas, que son as que se expoñerán na Uvigo, UCLA, Uconn e Monforte. As favoritas de público e xurado levarán premios cedidos por artistas como Antón Patiño ou Emilio Cabezas, ou por iniciativas como Curtopía, Revista Luzes e BöömDïäS. Tamén serán editadas por Astromántica Cartoneira.
En NY, os grupos musicais Fluzo e Xenderal actuarán esta fin de semana no Palisades de Brooklyn e no Silvana de Harlem baixo o título Galician Cultural Cyclogenesis. Finalmente, na Coruña, a finais de mes, Lino Braxe dirixirá un recital escénico coa participación da xeración máis nova de creadores, chamado 20 voces por L@is, en referencia a que este ano tamén se cumpre o 20 aniversario do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2011.”
Arquivo da categoría: Poesía
A Universidade de Vigo investirá doutora «honoris causa» á poeta Erin Moure
Desde
La Voz de Galicia:
“A poeta e tradutora canadense de ascendencia galega Erin Moure será investida doutora honoris causa pola Universidade de Vigo. O consello de goberno deu onte o visto e prace ao nomeamento a proposta dos departamentos de filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá. A petición foi argumentada por «a súa innovadora e premiada produción poética, multilingüe e comprometida; polo seu labor como mediadora incansable entre culturas mediante reescritura e tradución; polo seu activismo en favor das minorías lingüísticas, étnicas, sexuais e moi especialmente pola súa contribución á internacionalización da cultura galega e a preservación do seu patrimonio».
Moure é unha firme defensora da lingua do seu bisavó galego, así como unha destacada tradutora de poetas como Rosalía de Castro, Chus Pato ou Lupe Gómez. Na súa obra aparecen varios poemas con títulos en galego. O seu propio nome é unha galleguización do orixinal que sería Erin Mouré, segundo púxose de manifesto durante a exposición en defensa do seu nomeamento. Vinculada á Universidade de Vigo desde o 2008 a través do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias, tras o apoio unánime do consello de goberno, a escritora supón o vixésimo quinto doutoramento honoris causa da institución viguesa, e será a segunda muller en recibir este recoñecemento.”
Número 38 da revista Dorna
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Publícase o número 38 da revista de expresión poética Dorna. A nova completa pode escoitarse aquí.”
A Coruña: obradoiro de poesía Polisóns, con Yolanda Castaño, o sábado 27 de febreiro
Máis información aquí.
O deserto é infinito, por Susana Sánchez Arins
Desde
A Sega:
“(…) O deserto [de María do Cebreiro] fala-nos da tronçadura sem marca, dos golpes sem hematoma à vista que destroem o mundo. Fala das catástrofes apagadas, como onda que desaparece os castelos na praia, chuva que dissipa as pegadas dos nossos passos, lava que calcina quanto vivemos.
E ao tempo, o deserto [re]constrói. Porque uma palavra escrita chegará para salvar-nos. Entrar no deserto é voltar à casa, recolher-se no íntimo. Sentir que o que acontece baixo a súa pel é o que acontece baixo a pel do mundo. E encontrar o coração, esse cadelinho adestrado, sabendo que não foi aniquilado, que sobreviveu à cirurgia e ao post-operatório.
E atravessamos o deserto e pechamos a última duna, ou página, não sabemos, e duvidamos. Lemos a crônica de um retiro, o livro do desamor, a descoberta da paixão, ou todas essas cousas: a forma mais brutal da plenitude.
Eu, leitora indigna, fago como aquelas personagens do filme, e lendo os versos d’O deserto, o conto dos cervos que são água, o Deucalião do casal que abrolha pedras, vejo os corpos sepultados polo Vesúbio. Restituo os vínculos, todos, entre as palavras. (…)”
Entrevista a Darío Xohan Cabana sobre a Antoloxía poética de Manuel María
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Darío Xohan Cabana é o responsable da edición e limiar da Antoloxía Poética de Manuel María, publicada por Galaxia. “Advento é un deses libros grandes da poesía galega, un libro excepcional”. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Faktoría K reedita Rigorosamente humano
Desde
o Diario Cultural da Radio Galega:
“Faktoría K reedita Rigorosamente humano, de Manuel Álvarez Torneiro, libro de poemas co que o autor gañou o Premio Esquío en 1995. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
A Coruña: María Lado e Lucía Aldao presentan Pendanca e oso
O
venres 12 de febreiro, a partir das 20:30 horas (apertura de portas), na Nave1839 (Estación de Trens, s/n), na Coruña, Lucía Aldao e María Lado, Aldaolado, estrean o recital Pendanca e oso, unha fábula aldaolado sobre o amor. A entrada custa 5 euros.
A Coruña: presentación de Entremeses, de Álvaro Antelo
Xerardo Quintiá: “A de Man de Camelle é unha historia de procura dunha liberdade absoluta e radical”
Entrevista
de Montse Dopico a Xerardo Quintiá en Praza:
“(…) – Praza (P): Por que decidiches escribir unha novela sobre Man de Camelle [O viaxeiro radical]? Foi despois da súa morte, polo do Prestige?
– Xerardo Quintiá (XQ): Porque me parecía unha historia moi atractiva, a partir da cal se pode falar de moitas cousas. Ademais, despois da súa morte, Man podía quedar ademais un pouco no esquecemento. Sempre quixen coñecelo, ir visitalo, pero non o fixen. Cando foi o Prestige mesmo estiven traballando como voluntario naquela zona, pero non cheguei a coñecelo. Foi despois do seu pasamento cando decidín escribir esta historia. Nun principio foi bastante difícil porque non sabía desde que perspectiva tratalo. Escribín uns poucos folios e despois tardei anos en retomala. Quixen achegar o que puidera. A historia de Man dá para moito. Fixéronse máis cousas: unha web, unha casa-museo, hai un documental.. É un tema que pode tratarse desde moitas perspectivas. (…)
– P: (…) Ao perigo de que non resulte verosímil. De que o personaxe non resulte real.
– XQ: O máis difícil, en realidade, non foi iso. Foi afastarse dos clixés que había sobre el: o tolo de Camelle que se bañaba espido e ía con taparrabos… Claro que tamén quixen darlle profundidade, emotividade, para que resulte veraz, verosímil. (…)
– P: Gañaches o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Fornelos&Fornelos, segunda fundación. Un libro no que está moi presente a procura do lugar, como en O viaxeiro radical.
– XQ: Fornelos & Fornelos ía ser, en principio, unha triloxía. Pero vai ser máis. Un corpo poético co que vou seguir mentres poida. Fornelos&Fornelos, primeira fundación e Fornelos&Fornelos, segunda fundación, son parte dun mesmo proxecto, nese sentido. É a constatación do lugar, a evocación do lugar, un intento de salvar o lugar a través da palabra. (…)
– P: Fala tamén da poesía como un xeito de salvarse da indixencia. Ten algo metaliterario.
– XQ: Si, a poesía pode ser un xeito de salvarte, de todas esas indixencias que cito, a través da palabra, do idioma. Mais tamén é un intento de salvar un mundo que se extingue a través da palabra.
– P: Iso estaba se cadra máis presente na primeira parte. O rural que esmorece. Tamén porque estaba máis a infancia.
– XQ: Este libro evoca, non é que fale da desaparición do rural. É un canto a algo que xa non existe, cunha vertente aquí si existencialista, non existencial. Si que é verdade que na primeira parte estaba máis a infancia. Este segundo é máis reflexivo, como dicía.”
