Salvaterra: XXIX Festival de Poesia no Condado

2015-08-27_cartaz_festival_da_poesia“A Sociedade Cultural e Desportiva (SCD) do Condado organiza o XXIX Festival da Poesia. Um programa multidisciplinar no que todas as actuaçons e invervençons vam estar vertebradas polo protagonismo das pessoas Migrantes. O XXIX Festival da Poesia no Condado será nos dias 4 e 5 de setembro em Salvaterra de Minho.
Baixo o lema Migrantes participam diferentes iniciativas e projetos sobre a emigraçom e a imigraçom. A SCD do Condado apresenta múltiplas manifestaçons culturais e sociais relacionadas com a defesa dos direitos das pessoas migrantes e com a denúncia das causas deste fenómeno (económicas, políticas, pessoais). O Festival da Poesia quere ser um ponto de encontro para a defesa da liberdade de todas as pessoas a traspassar fronteiras e do direito coletivo dos povos a se relacionarem em igualdade. (…)
A sexta-feira, 4 de setembro, às 22:00 horas, começa a Noite nas Minas. Abre-a o poeta e tradutor Isaac Xubín, que recitará os textos do escritor basco Joseba Sarrionandia. (…) A parte musical estará protagonizada polo Cuarteto Caramuxo.
O sábado, 5 de setembro, às 18:00 horas, Xurxo Souto falará do seu livro Contos do mar de Irlanda, onde trata outro jeito de migraçom temporal, o das pessoas embarcadas. (…)
E às 20:00 horas inicia-se o prato forte do encontro: o Festival Poético e Musical. Apresentado por Esther Carrodeguas, abre-o Miguel Fernández, do Foro Galego de Inmigración, lendo o limiar que preparou para a Antologia Poética do XXIX Festival da Poesia. No apartado de poesia, a SCD do Condado contará com Alba Cid, Augusto Fontám, Alexandre Ínsua, Lara Rozados, Isabel Blanco-Rivas, Rosalía Morlán, Eduard Velasco e Mª José Fernández, ademais dos bascos Jon Benito e Xabi Borda e do português Alexandre Sá. (…)”

Compostela: Rosalía de Castro, protagonista da programación de setembro na Cidade da Cultura

Desde81f63de9ba61376bcaf29ee5eec5bb0e_M Fervenzas Literarias:
“A Biblioteca e Arquivo de Galicia, sitos na Cidade da Cultura de Galicia, pon en marcha a súa nova programación para setembro que estará marcada pola figura senlleira de Rosalía de Castro.
A Biblioteca recupera para o 8 de setembro o concurso Textos e Pretextos, unha batalla literaria entre dous equipos para saber quen é o que mellor comprende as páxinas dun libro. Tras formar dous grupos, ambos os dous lerán o mesmo libro e farán cada un unha batería de preguntas que deberán propor cada grupo ao outro. O moderador pode intervir con preguntas propias a cada un dos equipos e guialos no modo de proceder: o ‘porqué’ dalgunhas preguntas, conclusión ás que chegaron, pareceres, alternativas… O concurso, para nenas e nenos de 8 a 12 anos, arrancará ás 17.00 h. e é de balde mais é preciso inscribirse previamente.
Tras este primeiro achegamento á literatura, o 14 e 15 de setembro realizarase unha xincana na que superar toda unha serie de retos. En Rosalía na voz da xente, e a través dunha posta en escena teatral e con formato de xincana, unha serie de personaxes debidamente caracterizados da época da autora propóñenlle aos participantes pequenos retos para resolver un grande enigma. As probas están relacionadas coa vida e figura de Rosalía de Castro. A actividade é de balde previa inscrición e que, aínda que é para todos os públicos, os menores de seis anos deberán estar acompañados dun adulto.
A programación da Biblioteca de Galicia para este mes de setembro complétase co concerto Rosalía entre outras, a cargo da formación musical Xardín Desordenado. Este concerto especial terá lugar o sábado 19 de setembro no auditorio da Biblioteca a partir das 19:00 h., con entrada libre. Nel, os músicos de Xardín Desordenado interpretarán algúns temas baseados na obra Cantares Gallegos de Rosalía de Castro xunto a outros baseados en textos de seis poetas galegas de distintas xeracións: Olga Novo, María do Cebreiro, Pilar Pallarés, Luisa Castro, Marta Dacosta e Cristal Méndez Queizán. Antes de interpretar cada canción explicarase brevemente á traxectoria da autora, o contido do libro e o valor primordial do poema.”