O
domingo
9 de agosto, ás 19:00 horas, na clausura da XXXII Mostra da Olería de Buño, preséntase o Proxecto Barro, coa participación de Paco Souto e Rosalía Fernández Rial.
Arquivo da categoría: Poesía
A Seara, Moaña: intervención poética Ao Mar
I Roteiro poético-musical polo litoral de Arteixo
LugoPatrimonio homenaxea a Irene, irmá e albacea de Fiz Vergara Vilariño
Desde
Sermos Galiza:
“Cando a Fiz Vergara Vilariño lle faltou a voz, foi a súa irmá Irene quen lla cedeu. Albacea da memoria do poeta, Irene Vergara Vilariño finou o pasado mes de abril e catro meses despois, a asociación LugoPatrimonio rendeulle homenaxe en Santalla de Lóuzara cun acto ao que tamén asistiu a súa familia. Unha ofrenda floral e lecturas sobre Irene ademais de poemas relacionados de Fiz Vergara compuxeron a parte literaria e máis emotiva do acto no que interviñeron a súa filla María Celeiro Vergara e o presidente de LugoPatrimonio, Lois Diéguez.
“Batalladora incansábel polo noso idioma, cultura e nación, sen descanso e desde a grandiosa humildade que sempre a caracterizou. O seu sorriso e sosego ficarán connosco para sempre”, sinalan desde LugoPatrimonio.”
Melide: presentación de As margens do tempo, de Antom Laia
En Casa Alongos (Melide)
Betanzos: recital de poesía Cantar dos ollos, por Correa Corredoira
A Coruña: actividades literarias destacadas do mércores 5
O
mércores 5 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 18:00 h. Presentación do libro-disco Canta a lúa coas estrelas, con poemas de Rosalía Merlán musicalizados por Manoele de Felisa e ilustracións de Isa Albela. Publicado por Técnicas de Gramaxe.
– 18:00 h. Celia Díaz e María Seoane asinan exemplares de Velaí vai o papaventos, na caseta da Libraría Aenea.
– 19:00 h. Alfredo Conde asina exemplares de ColeccionAn, 69 poemas de amor, publicado por Trifolium.
– 19:00 h. Presentación dos libros Modelos de lingua e compromiso e A poesía oculta de Filgueira Valverde, publicados en Baía Edicións, coa presenza do encargado da edición do primeiro, Xosé Manuel Sánchez Rei, e o autor do segundo, Xosé Ramón Freixeiro Mato, xunto a Marica Campo.
– 19:45 h. Presentación de O álbum de Garrincha, de Beatriz Maceda Abeleira, publicado en Galaxia. No acto participan, xunto á autora, Laura Veleiro, Héctor Pose, o ex-futbolista Donato e Francisco Castro.
– 20:00 h. Chuches Amil dará un concerto do seu libro-disco Un conto ao revés, publicado en Galaxia.
– 20:30 h. Presentación de Xeixos, de Suso Lista, publicado por Embora.
– 21:15 h. Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro presentan a resolución do Premio Novo Xornalismo e do número de verán da revista Luzes.
A Coruña: actividades literarias destacadas do martes 4
O
martes 4 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Presentación de A horta sen químicos, de Xan Pouliquen, publicado por Baía.
– 19:30 h. Sinatura de Mercedes Leobalde, autora de Funambulistas, publicado por Xerais.
– 19:45 h. Presentación de A galera de Xelmírez, de Xabier Paz, publicado en Xerais, coa participación de Begoña Varela.
– 20:00 h. Concerto arredor de A gramola gominola, publicada en Galaxia.
– 20:45 h. Presentación-recital do novo libro de poemas A boca da terra, de Manuel Rivas, publicado en Xerais.
Helena Villar: “A poesía na infancia axuda ao coñecemento e fai mellores persoas”
Entrevista
de Carme Vidal a Helena Villar en Sermos Galiza:
“A Helena Villar gustoulle sempre que os nenos e as nenas reflexionaran sobre “as cousas”, tanto as tanxíbeis como as intanxíbeis e, desa vontade nace o seu novo libro As señoras cousas no que a escritora achega á infancia temas como o pacifismo, a igualdade ou o medo. “Dinme conta que compría meter contidos como estes de xeito lúdico e amable”, comenta Helena Villar, pedagoga ademais de escritora.
Confesa que sinte mágoa de que a infancia que goza dun pensamento rítmico, similar aos poetas, abandonen esas potencialidades por falta de uso. Contra iso, o achegamento á poesía tende a ser cunha rima forzada, que tanto disgusta á autora. “Moitas veces pénsase que a poesía para nenos ten que ser moi rimada e así fanse cousas “ripiudas”. Os nenos teñen que darse conta de que pode haber beleza e ritmo sen rima. Agora estou a preparar un material de apoio para que se traballe no ensino e se introduza á infancia na linguaxe poética”, informa a escritora.
Decálogo para ensinantes de poesía
Nese afán pedagóxico-poético, Villar ten escrito un decálogo dirixido a ensinantes de poesía. O primeiro dos mandamentos é claro: “Non matarás ao poeta que cada criatura ten cando nace”. O último “prohibirás por todos os medios que non saian rípios”. No medio, unha serie de consellos como evitar que as crianzas conten as sílabas dos versos cos dedos e aprendan a se adentrar na propia música dos poemas.
Que ventaxas ten achegar á cativada á linguaxe poética?, preguntámoslle a Helena e a resposta case non ten fin, tantos son os beneficios que ela atopa nese encontro a edade temperá coa poesía. “Consíguese prolongar o pensamento rítmico e devolver as aptitudes que trae con el; percibir a sonoridade e a linguaxe. O primeiro pensamento do neno é xogar poeticamente e iso logo pérdese. A poesía faino sensíbel, dálle riqueza expresiva e persoal, axuda ao coñecemento, completa unha educación máis integral e faino mellor persoa ademais de contribuír a facer lectores tamén de maiores”, di de corrido, sabedora por experiencia do acaído que é introducir á infancia no mundo da poesía. E para ela como creadora, que supón escribir para crianzas? “Unha maior liberdade de expresión, nada me permite xogar cunha fantasía tan tremenda”, responde.
Para a autora, trátase de introducir ás crianzas na “forma máis excelsa da linguaxe humana”. Recomenda tamén mesturar coa lectura de clásicos desde moi cedo, entrar no seu mundo creativo e contaxiarse da súa beleza. Ao seu ver, Rosalía é poeta acaída para esas primeiras idades, para deixarse engaiolar mesmo coa “Negra sombra”, poema considerado tantas veces complexo mais que, segundo di, pode ter un interesante aproveitamento na infancia. “Así como se fai a hora do conto en moitas aulas pódese tamén dedicar á poesía que non pode quedar á marxe do ensino”, defende.
Máis de vinte libros dedicou Helena Villar Janeiro ao público infantil. Comezou a escribir poesía para a infancia cando naceu a súa filla María. “Da mesma maneira que lle facía roupa, escribíalle poemas porque a nena tamén os necesitaba. Aquel primeiro Libro de María foi para min necesario. Que non faría para os meus nenos sendo eu poeta!” comenta Villar, daquela primeira experiencia á que seguiron moitas, provocadas maiormente por nenos e nenas próximas como lle acontece agora coa súa neta Helena para quen lle ten escrito un libro persoal, apegado á primeiro ano da súa vida. E a quen lle dedica este novo As señoras cousas.”



