Entrevista
a Dores Tembrás en Sermos Galiza:
“- Sermos Galiza (SG): Por que Cronoloxía da Urxencia?
– Dores Tembrás (DT): Interesábame traballar o concepto do desexo, non como obxectivo senón determe no propio proceso e dentro del no que entendo como dous tempos, por unha banda a contención e pola outra a inminencia. Tentei escribir eses dous tempos do desexo a través dunha cronoloxía con tensións e distensións, co silencio como protagonista. Un desexo no que fala a muller, no que a figura da muller é fundamental.
– SG: Muller como voz poética ou tamén como referente?
– DT: Como voz poética mais no poemario aparecen tamén moitas mulleres diferentes, todas experimentan o desexo nestes termos. Para min era importante enfocar non só do desexo desde o punto de vista filosófico ou profundo senón tamén que se concretase en voces feminina, que coñecín e que me contaron. O desexo da palabra, do poema, de atopar o alento, o que determina o achádego do poema. (…)
– SG: Desde 2009 no que publica O pouso do fume (Espiral Maior), alén de O Peizoque Roque (Galaxia) para público infantil, non volve publicar. O mundo editorial está pechado para a poesía?
– DT: Neste caso din por fechado o poemario hai relativamente pouco. Paso moito tempo cos poemarios, pero si que é certo que a situación é terríbel. As circunstancias son tremendas e ao pulsar a opinión outros poetas de que para publicar parece que pedimos esmola. As editoriais pasan por momentos difíciles e compre buscar novas vías. A autoedición será un camiño que cada vez cobrará máis forza e tamén pequenas editoriais con proxectos arriscados. Mais son optimista porque creo profundamente na calidade da poesía galega.
– SG: Ten blog e páxina web, é a maneira de se achegar ao público lector?
– DT: Unha das maneiras é a edición dixital, a xente que publica directamente. Estamos a vivir un cambio de formato. Nese sentido síntome unha muller do meu tempo e gosto de estar en contacto coa xente que se interesa do que fago e recibir o seu feedback. (…)”.
Arquivo da categoría: Poesía
Lugo: actividades destacadas do sábado 18 e domingo 19 na Feira do Libro
Finaliza
a andaina deste ano a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior, de 11:30 a 14:30 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:
Sábado 18
– 13:30 h. Encontro de literatura fantástica con Contos Estraños e Urco Editora, coa presentación das obras O mundo secreto de Basilius Hoffman, de Fernando M. Cimadevila, Galiza mutante: Poder Nuclear, de Tomás González Ahola e As crónicas de Bran. A revolta dos mestres, de Xosé Duncan.
– 18:00 h. Contacontos: O Cullarapo Croque, de Miguel Ángel Alonso Diz, actividade organizada por por Nova Galicia Edicións.
– 19:00 h. As marionetas do mundo e os mundos de Barriga Verde. Charla coloquio sobre os títeres galegos realizada por Comba Campoy, investigadora sobre a tradición de títeres galegos e Anxo García, titiriteiro e recuperador do espectáculo de Barriga Verde.
– 20:00 h. Presentación do DVD – libro Morreu o demo, acabouse a peseta, publicados pola Asociación Cultural Morreu o Demo.
Domingo 19
– 19:00 h. Presentación do libro de poemas Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado pola editorial Redelibros.
– 19:45 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado pola editorial Redelibros.
A partires das 19:00 horas, os dous autores e José Estévez López, autor dos libros Fugaz coincidencia e Nair, asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.
Anxo Angueira: “A de Cantares é unha Rosalía de alborada”
Entrevista
a Anxo Angueira en Radiofusión:
“Un século e medio despois e séguese a revelar inesgotable. “Cómpre lelo en claves distintas ás que se veu lendo, porque para nada é folclórico nin costumista”, explica Anxo Angueira, autor dunha nova edición crítica de Cantares Gallegos que vén de editar Xerais co gallo do 150 aniversario da publicación dos poemas que alumearon o Rexurdimento das letras galegas. “Rosalía era unha intelectual do seu tempo. Utiliza os cantares como un vestido, como un disfrace para lanzar o seu pensamento social, político, crítico e feminista, que é o importante”, abunda o tamén presidente da Fundación que preserva o legado rosaliano. En conversa con Radiofusión, Angueira resolveu que en Cantares Gallegos Rosalía “fala dun novo tempo, di “fóra a noite”, que acabaron os séculos escuros”, chama a vivir unha nova etapa con esperanza e, ao cabo, “esa é a mensaxe final do libro e que debemos recoller tamén nestes tempos nosos de tribulacións”. (…)”
A entrevista pode escoitarse completa aquí.
Taboleiro do libro galego (IX), por Ramón Nicolás
Desde
o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Velaquí os libros galegos máis vendidos na última quincena segundo os datos ofrecidos por dezaseis librarías galegas: Casa do Libro de Vigo, Á lus do candil, Librouro, Andel, Couceiro, Pedreira, Cartabón, Aira das Letras, Trama, Torga, O Pontillón, Paz, Libros para Soñar, Sisargas, Lila de Lilith e Livraria Suévia. A todas elas a miña gratitude.”
NARRATIVA
1º-. Faneca Brava, de Manuel Portas. Edicións Xerais.
2º-. Infiltrados, de Alfonso Eiré, Biblos e Ese mundo que teño de meu, de Álvaro Cunqueiro, Editorial Galaxia.
3º-. Os fillos do mar, de Pedro Feijoo, Edicións Xerais.
4º-. Morgana en Esmelle, de Begoña Caamaño, Editorial Galaxia.
5º-. En vías de extinción, de María Reimóndez, Edicións Xerais.
POESÍA
1º-. Monicreques, de Xosé Costas Currás, Pen Club.
2º-. Breizh, de Miro Villar, Toxosoutos.
3º-. Cantares gallegos, Rosalía de Castro, Edicións Xerais (ed. Anxo Angueira).
ENSAIO-TEATRO
1º-. Obras completas I, de Roberto Vidal Bolaño, Positivas.
2º-. Tastarabás, de Antón Cortizas, Edicións Xerais.
3º-. Un chapeu negro e un nariz de pallaso, Montse Pena e Gonzalo Enríquez, Galaxia.
4º-. Do estigma á estima, de Valentina Formoso, Edicións Xerais.
5º-. Cantares gallegos hoxe, de Pilar García Negro, Alvarellos Editora.
INFANTIL-XUVENIL
1º-. Xogos musicais, de Luís Prego, Edicións do Cumio.
2º-. Chamádeme Simbad, de Francisco Castro, Galaxia.
ÁLBUM ILUSTRADO
1º-. A nena e o grilo nun barquiño, de Magín Blanco, Fol Música.
2º-. A galiña roxa, Pilar Martínez e Marco Somà, Kalandraka.
3º-. Rosa Caramelo, Adela Turín, Kalandraka.
BANDA DESEÑADA
1º-. Ardalén, de Miguelanxo Prado, El Patito Editorial.
2º-. Palestina, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.
3º-. Goražde, zona segura, de Joe Sacco (tradución de Rafael Salgueiro), Rinoceronte.
O Temple, Cambre: 150 anos de Cantares Gallegos
A Coruña: acto de asignación do nome do poeta palestino Mahmud Darwix a unha aula da Escola Oficial de Idiomas
O
mércores 15 de maio, ás 18:30, na Escola Oficial de Idiomas (Rúa Pepín Rivero, 1) da Coruña, descubrirase a placa que dá o nome do poeta palestino Mahmud Darwix á aula 21 da EOI, nunha iniciativa conxunta do Departamento de Árabe da E. O. I. da Coruña e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O acto contará coa presenza de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, e de Celeste Seoane Míguez, Xefa do Departamento de Árabe da Escola Oficial de Idiomas da Coruña, e no mesmo contarase cun recitado da poeta Yolanda Castaño.
Mahmud Darwix estivo en Galicia no ano 2006 para recibir o Premio da AELG Escritor Galego Universal na súa primeira edición.
Nado en Birwa, aldea de Galilea (Palestina), pasa alí a súa infancia até 1948, data en que a súa familia é forzada ao exilio no Líbano. Cando os seus pais tentan retornar a ela é para constatar que a súa aldea foi destruída e substituída por unha colonia xudaica. Diríxense entón para Dayral-Assad, onde viviron en semiclandestinidade.
Este home, que non pertenceu a ningún partido político, que venerou a patria, tornouse o portavoz de todo un pobo, alén do seu mellor representante no mundo.
Foi o fundador e director dunha das principais revistas literarias árabes, Al-Karmel, cuxos arquivos foron destruídos polo exército israelí, no cerco a Ramallah.
Mahmud Darwix é un dos máis grandes poetas árabes contemporáneos. Soubo mesturar a beleza do verbo e a profundidade do sentido. Soubo describir o sufrimento palestino, mais tamén a determinación do seu pobo a opoñerse, sobrevivir, ser. Recoñecido como a voz da Palestina, a súa pluma soubo deseñar o contorno dos soños e as aspiracións do pobo palestino.
Os seus poemas cruzaron rapidamente as fronteiras palestinas. O poema “Identidade” converteuse nun himno cantado en todos os países árabes. É coñecida a intensidade da súa poesía, constantemente preocupada pola exploración das posibilidades rítmicas e melódicas da lingua árabe. Do mesmo modo, coñecedor da lingua hebrea, a súa poesía alberga constantes referencias á Biblia, ao Corán ou Exipto, e apréciase unha notábel carga simbólica e unha fundamental preocupación estética. Este poeta tendeu coa súa obra pontes entre ámbitos culturais de diversa natureza que habitualmente permanecen arredados uns doutros.
Soubo cantar o amor, a resistencia, o sufrimento e a esperanza, e resumirá en 2002, durante a segunda Intifada, a capacidade de resistencia dos palestinos con estas palabras: «Sufrimos dun mal incurábel que se chama esperanza.»
Faleceu o 9 de agosto de 2008.
A Coruña: presentación das novas edicións de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro
O
xoves 16 de maio, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntanse as edicións de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro publicadas por El Patito Editorial e Edicións Xerais. No acto participan os seus editores respectivos, Pepe Barro e Anxo Angueira, xunto a Felipe Senén e Fausto Isorna.
Lugo: actividades destacadas dos días 16 e 17 na Feira do Libro
A
Feira do Libro de Lugo continúa as súas actividades (na Praza Maior, de 11:30 a 14:00 horas e de 17:30 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados nestes dous días:
Xoves 16
– 19:00 h. Presentación do libro+cd+dvd De roda en roda. Música e danzas do mundo, de Suso Cancela, Pilar Sampil e Javier Jurado, publicado por Galaxia. Participarán no acto Francisco Castro e Pilar Sampil. Ao remate, haberá unha demostración de danzas do mundo a cargo de bailadores e bailadoras á que poderá sumarse todo o público que o desexe.
– 20:00 h. Presentación do libro As lambetadas dos Larpeiros, publicado por Galaxia, coa participación de Merche Rodal, autora do libro, Xosé Cermeño e Francisco Castro, representante da editorial.
Mércores 17
– 18:00 h. Festa poética Xistral. Recitado de poemas e lecturas de Roberto Vidal Bolaño a cargo de poetas colaboradores da revista Xistral e outros poetas lugueses. O acto terá lugar no Salón de Plenos do Concello, co acompañamento musical de zanfona, a cargo de Mini.
– 18:00 h. Actividade infantil. Ana Carreira representa Touporroutou, baseado na obra de teatro infantil de Roberto Vidal Bolaño.
– 19:00 h. O escritor Antonio Reigosa, presenta o seu libro O aprendiz de home do saco, publicado por Xerais. Xunto co autor, participará no acto Manuel Bragado, director xeral da editorial.
– 20:00 h. Presentación do libro Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro, do escritor Ramón Nicolás, publicado por Xerais. Participarán no acto Luís Ferreiro, fillo do escritor, María Reimóndez, Manuel Bragado e o autor do libro.


