Malpica: Cea das Letras, coa presentación de Amantes, de María Lado e As crebas, de Miro Villar, o 12 de novembro

O sábado 12 de novembro, ás 22:00 horas, na casa de turismo rural Casa Arpón (A Pontella, Malpica), terá lugar a Cea das Letras, na que se fallará o VI Certame de poesía erótica Illas Sisargas, e presentar o libro gañador da V edición, Amantes, de María Lado. O prezo da cea é de 25 euros, e é preciso anotarse previamente chamando ao número 675-607127. Os asistentes serán agasallados cun exemplar do libro.
Previamente, no salón de actos da Confraría de Malpica (Praza Anselmo Vilar Amigo, s/n.), ás 20:00 horas, preséntase o libro As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior.

Vigo: Mesa redonda de poesía, no VI Ciclo Escritoras/es na Universidade

O xoves 20 de outubro, ás 12:00 horas, no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a colaboración da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, continúa o VI Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, baixo o lema Literatura galega hoxe (alba de gloria ou solpor dos deuses): poesía, narrativa, teatro. Os escritores/as perante a crise, cunha Mesa redonda de poesía, coa participación de Marga do Val e Emma Pedreira, presentadas por Anxo Angueira.

Santiago: Olladas sobre o Museo, recital de poesía no Museo do Pobo Galego

O venres 21 de outubro, ás 20:00 horas, no Museo do Pobo Galego (Rúa San Domingos de Bonaval) de Santiago de Compostela, desenvólvese a quinta edición de Olladas sobre o Museo na que se convida a persoas de distintas disciplinas para que compartan a súa visión do Museo co seu público. A poesía vai ser, neste 2011, a forma en que o Museo será ollado e interpretado. Anxo Angueira (na voz do tamén poeta Brais González Pérez), Andrea Nunes Brións (na voz da tamén poeta Alicia Fernández), Silvia Penas, Séchu Sende e Xabier Xil Xardón farán dos contidos do Museo anacos de poesía, através do recitado en diferentes espazos da exposición permanente, de poemas creados para mostrar a súa ollada sobre o Museo. Esta actividade celebra tamén as Xornadas Europeas do Patrimonio, que desde 1991 a cidadanía de 49 países ven comemorando con visitas guiadas, itinerarios, exposicións, concertos e todo tipo de manifestacións culturais que achegan ás persoas ao patrimonio cultural. O espectáculo está patrocinado pola Concellaría de Cultura do Concello de Santiago de Compostela e ten aforo limitado. A entrada será libre ata completar o mesmo.

A Coruña: presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación

O xoves 20 de outubro, ás 20:00 horas, na Sala de prensa da Fundación Novacaixagalicia (Cantón Grande, 21-24), preséntase o libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación, publicado pola editorial Bubela, baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Ademais dos coordinadores da publicación, intervirá Mariña Pérez Rei e proxectarase unha videocreación poética de catro minutos de duración, obra de de Cristina Ferreiro Real. O acompañamento musical corre a cargo de Brais Morán (guitarra).

Traspediante baila o último poemario de Estevo Creus

Baleados é o nome do poemario que ultima Estevo Creus. Pero tamén a obra que inspira o primeiro traballo de Traspediante, unha compañía de danza contemporánea que se basea nese texto en Baleantes. “É unha peza multidisciplinar que mestura danza e teatro e traballa en interacción o corpo, cun software que fai en directo material visual” explica Marta Alonso, unha das coreógrafas deste proxecto. Un proxector iluminará e converterá as imaxes gráficas en riguroso dircto os movimentos das tres bailarinas desta novidosa aposta (Marta Alonso, Begoña Cuquejo e Paulina Funes).” Vía Cultura Galega.

Santiago: recital poético Picaversos, con Olga Novo, Martin Wu e Lupe Gómez

O martes 18 de outubro, a partir das 21:00 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela, e baixo o lema Ferid@s, chega a segunda sesión do ciclo de lecturas poéticas Picaversos. Os tres lectores convidados a continuar este ciclo de lecturas son Eva Veiga, Estevo Creus e Mónica de Nut, que ofrecerán ao público con textos propios e alleos baixo ese paraugas temático, intercalados con música. A entrada custa 2 euros.

Monforte: presentación da obra poética completa de Xosé Lois García

O martes 18 de outubro, ás 20:00 horas, na Galería Sargadelos (Praza de España, 2) de Monforte, preséntanse Por ninguén aloumiñada e No sangue dos bardos, os dous tomos que conforman a obra poética completa de Xosé Lois García, publicados en Toxosoutos. No acto, acompañando ao autor, participa Camilo Gómez Torres.

A Coruña: presentacións de O día que morreu Steve McQueen, de Kiko Neves, Desobediencia, de Rosa Enríquez, e Pegadas

O sábado 15 de outubro, ás 21:00 horas, no Centro Social Gomes Gaioso (Rúa Marconi, 9) da Coruña, terá lugar a presentación da novela O día que morreu Steve McQueen (unha novela de Xavi Ribak), de Kiko Neves, o poemario Desobediencia, de Rosa Enríquez, e o libro colectivo Pegadas, todos eles publicados por A Porta Verde do Sétimo Andar.

Moaña: tertulia poética sobre casa atlántica, casa cabaret, con María Lado

O venres 14 de outubro, a partires das 21:00 horas, na Lonxa Literaria (Centro Sociocultural Daniel Castelao, Quintela s/n.) de Moaña, terá lugar unha tertulia poética sobre o libro casa atlántica, casa cabaret, de María Lado, publicado en Xerais, coa presenza da autora.