Sarria: o 7 de maio entrega do Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño a Xerardo Quintiá

O sábado 7 de maio, a partir das 19:30 horas, no Hotel Alfonso IX de Sarria, celebrarase a festa da poesía coa entrega a Xerardo Quintiá o XI Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. No acto, organizado pola A. C. Ergueitos, participarán os membros do xurado Chus Pato, Xiana Arias, Baldo Ramos, Xermán Arias e María Casar, contando con Francisco X. Fernández Naval como mantedor e as actuacións do músico Manu Clavijo e o mago Carlos Coira.

A Coruña: presentación de Os trobadores de Occitania, de Darío Xohán Cabana

O xoves 14 de abril, a partir das 20:00 h., na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11, na Coruña), e con entrada libre até completar capacidade, preséntase o libro Os trobadores de Occitania, de Darío Xohán Cabana. No acto intervirán, acompañando ao autor, Martiño Cabana Otero e Xosé Luís Méndez Ferrín.

Santiago: presentación de Cambio de estrela, de Iria Anido Pedreira

O xoves 14 de Abril, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase o libro de poemas Cambio de estrela, de Iria Anido Pedreira, publicado en 3C3, onde os textos dialogan coas ilustracións de Xan Eguía. No acto intervirán Paula Toimil Mato, Antonio Puentes Chao e a propia autora. Haberá tamén unha actuación musical de Carlos Santos –cantautor e guitarra– e Lázaro Willman –violín–.

Vilaboa, Culleredo: Encontro coa poeta Pilar Pallarés

O mércores 13 de abril, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra (Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo), terá lugar un Encontro-homenaxe coa poeta Pilar Pallarés, no que intervirán, acompañando á autora, Celestino Poza, Miguel Anxo Fernán Vello e Carlos Pereira Martínez. No acto haberá unha actuación do “Dúo de guitarra e voz” do Conservatorio de Música de Culleredo, a cargo de Cristina López Fraga, voz, e Antía Seijas Vieites, guitarra.

Santiago: recital poético en conmemoración do 950º aniversario da institucionalización da primeira unión homosexual en Galiza

O mércores, cuarta feira, 13 de abril, ás 19:00 horas, na Cafetaría Airas Nunes (Rúa do Vilar, 17) de Santiago, terá lugar un recital, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, en colaboración co Colectivo Gai de Compostela e a asociación BOGA – Lésbicas de Galiza, que conmemora o 950 aniversario da institucionalización máis antiga dunha unión homosexual conservada en Galiza. No acto participarán Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Antía Otero, Antón Fortes, Asunción Arias, Carlos Callón, Carlos Lixó, Fran Cortegoso, Gonzalo Hermo, Gonzalo Vázquez, Lois Diéguez, Luís González Tosar, María Rosendo, Marica Campo e Rosa Enríquez. O lema da convocatoria é unha expresión latina que se encontra no documento de unión entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz: “in totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora”; isto é: “en todos os días e todas as noites, para sempre”.

Vigo: presentación de Recendos de aire sonoro, de Antonio García Teijeiro

O mércores 13 de abril, ás 20:00 h., na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Recendos de aire sonoro de Antonio García Teijeiro. Ao remate do acto, que contará coa participación de Fino Lorenzo, Román Raña, Paz Raña, Manuel Bragado e o autor, Miguel Castro tocará uns temas coa frauta.

Santiago: Homenaxe a Xosé Neira Vilas

Crónica posterior en La Voz de Galicia e Galicia Confidencial.

Eva Veiga: “A beleza irresistible”

Entrevista a Eva Veiga en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Coa poesía, e só coa poesía, es capaz de sentir outra vez a plenitude das tardes de cando eras nena?
– Eva Veiga (EV): As persoas que somos -eu digo afortunadamente- de aldea temos seguramente máis ocasión de experimentar nalgún momento a comuñón coa natureza que é, ao meu parecer, o máis semellante a un éxtase; é dicir, un intre de absoluta plenitude. E esta entrega que acontece con certa facilidade cando somos nenos, diminúe segundo nos imos adulterando. E é mágoa porque significa un vínculo profundo e indestrutible coa vida. Lembro, especialmente, certas tardes de outono: o aire como se movese unha luz de mel, o rumor seco do millo, unha humidade case imperceptible e anunciadora de tormenta; e aquel arrecendo a cocedura de pan nos fornos… E, en efecto, só na poesía podo reencontrarme con esa experiencia, case irresistible, da beleza. (…)
– GH: Que importancia ten a música para ti? Todo o que nos rodea na vida ten un ritmo propio?
– EV: Si, a música é esencial. Todo é vibración. O que vive soa. E o ritmo é o que compón, en última instancia, as formas da vida, da arte. Non en balde xa vai para 8 anos que formo parte, xunto aos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, do Grupo Ouriol realizando dentro e fóra de Galicia espectáculos poético musicais. Do mesmo xeito, son parte integrante do grupo musical e interpretativo Mon Santiso e Cia. Durante o proceso que durou o meu transplante de medula e a súa convalecencia, a música acompañoume e ata coido que foi fundamental na miña recuperación. Se escoito algunhas pezas podo volver revivir aqueles momentos nitidamente. Porén, eu non podería vivir sen o silencio.

Celanova: En defensa do Poleiro. Encontro nacional de escritoras e escritores no IES de Celanova

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convoca os escritores e escritoras galegas á participación activa no acto que se celebrará o vindeiro sábado 9 de abril no IES de Celanova. En palabras do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez: “defendermos a memoria material do país, o patrimonio artístico que fai agromar unha literatura propia, é fin fundacional e obriga moral desta Asociación.”
Non é esta a primeira actuación de compromiso conxunto da AELG coa Plataforma en defensa do Poleiro, que constituíu unha proclama unánime no libro En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova reclama o uso público do mosteiro de Celanova. Mais entendemos que é preciso continuarmos manifestando o noso apoio explícito coa sociedade e mais co ensino público galego, á vista do nulo avance neste tempo que garanta que o instituto de Celanova poida continuar no mesmo lugar: o mosteiro de Celanova.
Lembrámosvos que a corporación municipal —coa complicidade do goberno actual da Xunta de Galiza— pretende, aducindo vagas e contraditorias xustificacións, espoliar un ben senlleiro do patrimonio de todos, representado polas dependencias do mosteiro de Celanova que acollen as aulas do instituto.
Nas instalacións deste edificio, que é un dos emblemas da historia e da cultura de Galiza, fórmase o alumnado dunha ampla área xeográfica. Mercé ao investimento continuado de fondos públicos, é exemplo da adaptación dun edificio histórico aos máis modernos usos educativos, avalados tanto en resultados académicos como en acondicionamento arquitectónico e tecnolóxico, polo que a tentativa de pór en mans privadas un edificio de titularidade pública —destinado ao mellor uso que se lle pode dar, a formación de toda a mocidade da bisbarra— é un atentado perpetrado dende as premisas neoliberais.
Agora cómpre amosarmos novamente a nosa solidariedade con esta causa, que é de todos, participando no acto que se vai celebrar o 9 de abril nas aulas do instituto, co seguinte programa:

ENCONTRO NACIONAL DE ESCRITORAS E ESCRITORES GALEGOS NO IES DE CELANOVA

Sábado 9 de abril, ás 12:00 h., no Instituto de Celanova.
Organizan: IES de Celanova / Plataforma en defensa do uso público do mosteiro de Celanova / Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

– 12:00 h. Biblioteca:
* Acollida aos/ás participantes.
* Doazón de exemplar(es) da obra de cada escritor/a para a biblioteca do instituto. Saúdo de cada escritor/a.
* Interpretación musical a cargo de alumnado do centro.

– 12:45 h. Percorrido guiado polas dependencias do instituto.

– 13:15 h. Claustro do Poleiro:
* Exposición pictórica da serie Paisaxe calcinada, de Mané Boán.
* Mostra de traballos do alumnado dos centros de ensino da bisbarra relativos á promoción do uso do idioma galego. Está organizada pola Coordinadora comarcal de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da comarca de Terra de Celanova – Baixa Limia.

– 13:30 h. Recitado de poesía galega, diante da entrada do instituto, perante o busto de Celso Emilio Ferreiro, a cargo de escritores e escritoras participantes no acto.

– 14:30 h. Xantar.

O acto contará coa presenza dos escritores e escritoras Ramón Nicolás, Manuel  Vidal Villaverde, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Lois Antón Pérez, Sulma Arias, Henrique Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas Zas, Xerardo Méndez Álvarez, Jorge Emilio Bóveda Álvarez, Xosé Benito Reza, Baldo Ramos, Ramón Caride e Carlos  Negro. Pódense ver as adhesións ao acto aquí.

A HISTORIA

O Mosteiro de San Salvador de Celanova, fundado en 936, suma na actualidade máis de século e medio de uso público. Tras a desamortización de Mendizábal, pasou a mans do Concello. No século XIX albergou dúas escolas de primaria. Os Padres Escolapios fundaron tamén alí un colexio que chegou a ter 200 alumnos. En 1975, o concello cedeu parte do mosteiro ao Ministerio de Educación para crear o Instituto de Celanova. O claustro e a veciñanza opóñense ao traslado do centro e a que no mosteiro se constrúa un Parador Nacional de Turismo, como está en proxecto.

Crónica posterior en Xornal.

A Coruña: recital de Eduard Escoffet e Estevo Creus no ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 11 de abril, ás 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, prosegue o Ciclo de Poetas Di(n)versos, iniciado en novembro de 2009 baixo a dirección de Yolanda Castaño, no que ten lugar un recital poético dobre entre unha voz en galego e outra en calquera das outras catro linguas da Península, coa presenza de dous representantes da poesía máis experimental que se produce hoxe en día nos extremos do norte peninsular:
Eduard Escoffet, nado en 1979 en Barcelona, é poeta e axitador cultural. Practicou diversas vertentes da poesía (visual, escrita, oral, instalación, performance), sempre cun espírito experimental e de investigación. As súas influencias van dende a poesía sonora dos anos cincuenta á poesía catalá medieval, pasando polo text/sound sueco, a poesía concreta e a experimentación do barroco español. Nos últimos anos tense centrado no traballo oral e sonoro. Á parte dun intenso movemento dentro da escena contracultural de Barcelona, ten presentado o seu traballo en festivais e programacións doutras cidades de España e sobre todo no estranxeiro: Italia, Francia, Bélxica, Alemaña, Portugal, Arxentina, Estados Unidos, China, Chile, República Checa, Nicaragua e República Dominicana. Por otra banda, dirixiu o festival internacional de polipoesía PROPOSTA (Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona, 2000-2004) e comisariou, xunta a Eugeni Bonet, un ciclo de cine letrista para o MACBA (Museo de Arte Contemporánea de Barcelona). Actualmente colabora, entre outros, co festival Yuxtaposiciones (Casa Encendida, Madrid) e codirixe o Festival Internacional de Poesía de Barcelona. Tamén exerceu como asesor de política cultural. Ademais, traballa na súa tese doutoral sobre literatura barroca en Barcelona. Non fai libros.
Estevo Creus naceu en Cee en 1971, deuse a coñecer como poeta nos anos 90 no seo do Batallón Literario da Costa da Morte e foi membro fundador da editorial de poesía Letras de Cal e mais do grupo de teatro Talía. Como poeta debutou con Poemas da Cidade Oculta (1996), ao que seguiu Areados (1996), gañador do Premio Miguel González Garcés da Deputación da Coruña. Tres anos máis tarde sae do prelo Teoría do Lugar, grazas ao Premio Eusebio Lorenzo Baleirón, e en 2003 un novo libro, Decrúa, faise co Fiz Vergara Vilariño. En 2007 concibe e publica xunto a David Creus Facer merzbau, un proxecto que acolle textos, videocreación e performance, e, máis tarde, ve a luz Máquina ou Móbil (2009). Por último, O libro dos cans, que se publicara orixinalmente no ano 2000, reedítase en 2010. Tamén ten publicados os relatos E a catro patas quilómetros, recollido na publicación dos Premios Pedrón de Ouro (1994) e Alguén matou a Bambi, compilado en Historia da Pusilaminidade e catro contos máis (1996). Ademais, colaborou como músico en espectáculos de danza como: Cos pés na terra -do grupo de teatro D2- e diferentes propostas escénicas da compañía de danza contemporánea Traspediante.
Será unha nova oportunidade libre e gratuíta de coñecer de primeira man algúns dos mellores autores/as das literaturas peninsulares, comprobando a proximidade, a conexión e a calidade da boa poesía contemporánea. Ao termo do acto, presentado pola directora do ciclo e poeta Yolanda Castaño, Escoffet e Creus poderán asinar exemplares da súa obra. Esta iniciativa de periodicidade mensual e impulsada pola Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, continuará de xeito estable ata ao mes de maio. Neste arquivo en .pdf pódese descargar máis información: Programa DinVersos Abril 2011.