A Coruña: presentación de Animal Abismo, de Diana Varela Puñal

O venres 4 de marzo, ás 20:00 h., en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, preséntase o libro de poemas Animal Abismo, de Diana Varela Puñal, publicado en Espiral Maior. O acto, presentado por Dores Tembrás e Miguel Anxo Fernán Vello, consistirá nun espectáculo poético-musical a cargo do clarinetista Xocas Meijide, de Xulio López Valcárcel, dos propios presentadores e da autora.

A Coruña: VI Encontros Milpedras, recital simultáneo con poesía, música e fotografía

O venres 4 de marzo, a partir das 21:00 h., no Taller de Litografía Milpedras (Rúa Brasil, 3, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, desenvólvese a VI edición de Encontros en Milpedras, unha proposta de unión en diálogo libre, ao vivo, de poesía, música e fotografía. Actuarán recitando poemas Lucía Aldao, Olalla Cociña e Rosa Enríquez, en paralelo ás intervencións musicais de Alberto Laso e a propia Lucía Aldao, e a proxección de fotográfica por parte de Xiana de la Peña.

Moaña: presentación de De Castro e recital poético rosaliano

O venres 4 de marzo, ás 21:00 h., na Biblioteca Pública de Quintela (Moaña), presentación do libro De Castro, de Alberte Momán e Alba Méndez, promovido por A Porta Verde do Sétimo Andar. Ademais, recital poético rosaliano no que participarán: Asun Estévez, Lucía Novas, Daniel Costas, Alfonso Láuzara, Miguel A. Alonso, Neves Soutelo, Manolo Pipas e Anxo Ratel, e representando á Asociación de Mulleres de Moaña: Ana Blanco, Dora, Concha Trigo e Elisa.

Vigo: proxección de Translittera, de Rafael Xaneiro

O mércores 2 de marzo, ás 17:00 h., no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo (Rúa das Cantigas, s/n.), nas Lagoas-Marcosende, proxección de Translittera, de Rafael Xaneiro. Esta obra foi realizada durante as Xornadas de Novas Linguaxes Poéticas que tiveron lugar en Santiago, A Coruña, Vigo, Cecebre e Trasalba entre o 18 de novembro e o 3 de decembro de 2005, coa participación de Antón Lopo, Iván Prado, Carlos Santiago, Pepe Sendón, Yolanda Castaño, Rafael Xaneiro, Estevo Creus, David Creus, María Lado, Lucía Aldao, Manolo Cortés, Cristina F., Lomarti Adri, minus bálido, Ana Cibeira e Carlos Quiroga, entre outros.

A Coruña: representación de A illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro

O xoves 3 de marzo, ás 20:30 h., no Teatro Colón da Coruña, representarase a peza que a Compañía Inversa Teatro preparou a partir do libro A illa das mulleres loucas de Alfonso Pexegueiro. A obra é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. Vanesa Sotelo dirixe esta montaxe, con escenografía de Inversa Teatro, deseño de son de Berrogüetto e música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa) e coreografía de Vanesa Sotelo e María Caparrini.

Santiago: presentación do poemario Doce de Mon G. Buhigas

O mércores 2 de marzo, a partir das 20:00 h., na editorial Follas Novas (Rúa de Santo Domingo da Calzada, 1, entrechán) de Santiago de Compostela, preséntase o poemario Doce, de Mon G. Buhigas, publicado por Follas Novas Edicións. No acto intervirán Armando Requeixo, Luis Alonso Girgado, a ilustradora Inés Casas Maroto e o propio autor, tendo lugar a lectura dunha pequena selección de poemas do libro.