Vigo: recital de poesía e música Vigo en verso

O martes 1 de marzo, entre as 20:00 e as 21:30 horas, na Casa Galega da Cultura (Praza da Princesa) de Vigo, terá lugar o recital de poesía e música Vigo en verso. A cidade como factoría poética, presentado por Marta Dacosta, e coa presenza das poetas Ledicia Costas, Cruz Martínez e María Lado, acompañadas pola actuación musical de Maica Álvarez. O acto está organizado pola Asociación Cultural O Castro.

Celanova: presentación de Poemas alumeados, de Luís Seoane

O venres 25 de febreiro, ás 19:00 h., na Casa dos Poetas (R/ Curros Enríquez, 37) de Celanova, preséntase o libro de artista Poemas alumeados, que recolle poemas de Luís Seoane con debuxos de artistas plásticos contemporáneos, publicado por Figurandorecuerdos Edicións), que conta coa edición de Rosa Espiñeira e limiar de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Convocado o XII Premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores

O Concello de Mondoñedo, co patrocinio da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, co afán de estimular a creación poética entre os mozos/as, convoca o XII Premio de Poesía Díaz Jácome para novos creadores, coas seguintes

BASES

– Primeira. Poderán optar ó premio tódalas persoas, de idade non superior a trinta anos, calquera que sexa a súa nacionalidade.
– Segunda. Os poemas serán orixinais e inéditos, escritos en galego, non premiados noutros concursos en data anterior ó fallo do Xurado. O incumprimento dalgunha destas condicións nas obras premiadas significaría a anulación das adxudicacións, procedendo o Xurado a formular de novo as propostas de adxudicación ou declarado deserto o premio.
– Terceira. As composicións terán unha extensión máxima de 150 versos, o tema e o metro queda a elección do compositor.
– Cuarta. Deberán presentarse tres orixinais en tamaño DIN A4 mecanografados a dobre espazo.
– Quinta. Os orixinais non poderán ir asinados nin levarán inscrición algunha que puidera suxerir o nome do autor, sendo presentados cun lema e título. En sobre aparte e cerrado, constará o lema e o título no exterior, e no interior o nome e apelidos do autor, domicilio, teléfono, poboación de residencia, declaración formal de que a obra é inédita, fotocopia do DNI polas dúas caras ou no seu defecto fotocopia do libro de familia na folla correspondente á persoa que se presenta a concurso e incluirase tamén unha breve nota biográfica do autor e o título do poema. O Xurado poderá eliminar por defecto de forma as obras presentadas que non se axusten ó disposto nesta base.
– Sexta. O prazo de admisión de orixinais remata o día 1 de xullo do ano 2011, considerándose incluídas neste prazo as obras que enviadas por correo ostenten o mataselos de orixe con esta ou anterior data. As obras deberán enviarse ó seguinte enderezo:
* Concello de Mondoñedo, Praza do Concello, 1. C. P.: 27740, Mondoñedo (Lugo)., coa indicación: XII Premio de poesía Díaz Jácome para novos creadores.
– Sétima. O Xurado que estará composto por tres persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, emitirá o seu fallo en setembro de 2011. A decisión do Xurado darase a coñecer nos distintos medios de comunicación e a mesma será comunicada ós autores seleccionados mediante correo certificado. A entrega do premio terá lugar nun acto público organizado polo Concello de Mondoñedo no mes de outubro. No caso de que as obras presentadas non acadasen o nivel esixible a xuizo do Xurado para a obtención dos premios ou non tivesen a categoría suficiente, poderán declararse desertos.
– Oitava. Este concurso consta de tres premios:
* Primeiro premio: 1.500 Euros, Placa e Diploma.
* Segundo premio: 600 Euros, Placa e Diploma.
* Terceiro premio: 300 Euros, Placa e Diploma.
– Novena. Os orixinais que obteñan premio pasarán a integrar o fondo do patrimonio da Biblioteca Pública Municipal Pena Trapero de Mondoñedo, podendo ser editadas pola mesma ou polo Concello de Mondoñedo, sen necesidade do permiso do autor ou autores, aínda que sempre se terá en conta que nunca perderá os seus dereitos.
– Décima. O importe do premio enténdese íntegro e, polo tanto, suxeito a retencións a conta, derivadas da aplicación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
– Undécima. As obras non premiadas serán destruídas xunto ás plicas, non admitíndose peticións de devolución.
– Duodécima. O fallo do Xurado é inapelable, os concursantes aceptan integramente estas bases así como canta decisión adopte o Concello de Mondoñedo para que as mesmas poidan ser interpretadas e aplicadas.”

Publicadas a Poesía completa de Lois Pereiro e unha biografía e antoloxía a cargo de Marcos Calveiro

Edicións Xerais publica a Poesía completa de Lois Pereiro, que se publica por primeira vez reunida e editada por Ana Acuña, e Lois Pereiro. Náufrago do paraíso. Biografía e antoloxía, a cargo de Marcos Calveiro.

Vigo: presentación de En defensa do poleiro

O xoves 24 de febreiro, ás 19:30 h., na Casa do Libro (Rúa Velázquez Moreno, 27) de Vigo, preséntase o libro En defensa do Poleiro, publicado por Toxosoutos, libro colectivo, iniciativa da Plataforma en defensa do uso público e educativo do mosteiro de Celanova, que contou coa colaboración da Asociación de Escritores en Lingua Galega e no que participaron máis de 60 escritores galegos. Intervirán: Alfonso Eiré, Anxo Angueira, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Vilanova, Rafael Laso, Ramón Nicolás, Xesús Alonso Montero, Xosé María Álvarez Cáccamo e Xoán Carlos Domínguez Alberte (coordinador).

A Coruña: presentación de Rúa da Cancela, de Eli Ríos e Eduardo Estévez, e posterior recital poético

O xoves 24 de febreiro, a partir das 20:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Real, 56) da Coruña, preséntase o libro Rúa da Cancela, de Eli Ríos e Eduardo Estévez, obra gañadora do IV Premio de poesía erótica Illas Sisargas, e publicada pola A. C. Caldeirón. Posteriormente, terá lugar un recital de poemas dos/das autores/as gañadores/as dos consecutivos premios de poesía erótica Illas Sisargas, coa participación de Eli Ríos, Alberte Momán, Lino Braxe, Emma Pedreira, Paco Souto e Paco de Tano.

Ferrol: presentación de Lidia Senra Rodríguez. A historia dun liderado entrañable, de Tareixa Ledo, tras o acto de lectura de textos de Rosalía

O xoves 24 de febreiro, ás 19:00 h., na Galería Sargadelos (Rúa Rubalcava, 30-32, esquina Rúa María) de Ferrol, terá lugar o acto de Lectura simultánea da textos rosalianos organizado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, presentado por Rosa Méndez e no que lerán un poema de Rosalía: Elia Rico Lagarón, Xosé Leira e Rosa Martínez Dios.
Ás 20:00 h., preséntase o libro de Tareixa Ledo Regal, Lidia Senra Rodríguez. A Historia dun liderado entrañable, publicado en Laiovento. No acto acompañará a autora Teresa Martínez, da Asociación Cultural Fuco Buxán.