A Coruña: presentación de A bordo dun barco sen luces, de Luz Pozo

O xoves 1 de decembro, ás 20:00 horas, na Fundación Nova Caixa Galicia da Coruña (Cantón Grande 21-24, baixo), preséntase o libro A bordo dun barco sen luces. O mundo poético de Luís Pimentel, de Luz Pozo Garza, publicado en Alvarellos. No acto intervirán, xunto á autora, Román Raña, Olivia Rodríguez-Tudela, María Xesús Piñeiro e Henrique Alvarellos.

Marín: presentación de Sermos Galiza

A quinta feira, 1 de decembro, ás 20:30 horas, na Biblioteca Municipal de Marín, decorrerá o lanzamento público de Sermos Galiza en Marín. Participan neste acto Marga Romero, Francisco Carballo e Xosé Lois o Carrabouxo. A Asociación Queremos Galego Marín, organizadora do acto, agasallará os asistentes cunha actuación musical de Carmen Gallego, Laura Romero e César Loureiro.

Vigo: presentación de Vigo. A explosión dos ’80

O xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei), preséntase o libro Vigo. A explosión dos ‘80, con fotografías de Víctor de las Heras e textos de Fernando Franco, publicado en Xerais. No acto, en que participan Manoel Soto, Antonio Sangabriel, Nicolás Pastoriza, Fernando Franco, Víctor de las Heras e Manuel Bragado, terá lugar unha proxección de fotografías do libro cunha selección musical dos ‘80.

Baiona: presentación de Presos e prisións na Galicia de Guerra e Posguerra, de Domingo Rodríguez

O xoves 1 de decembro, ás 20:30 horas, na Capitanía Marítima de Baiona (Rúa Elduayen, 20, 1º andar), preséntase o libro Presos e prisións na Galicia de Guerra e Posguerra (1936-1945), do historiador Domingo Rodríguez Teijeiro, publicado en Galaxia.

Carballo: presentación de libros sobre a Costa da Morte

O venres 25 de novembro, a partir das 17:00 horas, na Librería Brañas (Gran Vía, 79) de Carballo, preséntanse as súas cinco últimas publicacións, enfocadas á divulgación do patrimonio cultural da Costa da Morte, do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte:
O hórreo atlántico e fisterrán. Cabazos e cabaceiras da Costa da Morte e Barbanza, de Xosé María Lema e Carlos F. Concheiro.
Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte, de Xosé María Rei Lema.
Textos literarios sobre a Costa da Morte, de Xosé María Rei Lema.
Iconografía xacobea nas igrexas e santuarios da Costa da Morte, de Xosé María Lema e Eva María López Añón.
Romarías da Costa da Morte, de Xan Fernández Carrera e Manuel Vilar Álvarez.
Vía Que pasa na Costa.

Santiago: presentación de Contos Estraños

O sábado 26 de novembro, no Tatooine Santiago Rock (Rúa República Arxentina, 48) de Santiago de Compostela, Contos Estraños presenta o seu proxecto editorial e tamén o primeiro número da súa colección Contos Estraños, co seguinte programa:
21:00-21:30 h. Presentación do proxecto.
21:30-22:30 h. Charla cos autores, preguntas e propostas, sinaturas.
22:30-04:00 h. Festa de disfraces.

Noia: festa anual da A. C. Barbantia, e entrega dos premios Sereos

O sábado 26 de novembro, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura Avilés de Taramancos de Noia, a Asociación Cultural Barbantia, en colaboración con La Voz de Galicia, a Deputación da Coruña e o Concello de Noia presenta un novo número do suplemento cultural A Voz de Barbantia e o Anuario de estudos do Barbanza 2011. Ao remate do acto, no que participan Manuel Cartea, Xesús Laíño, Javier Rodríguez e Rafael García Guerrero, entregaranse os Sereos, Premios Barbantia da Cultura, que este ano recaeron na Casa da Gramática, Paola García Paz e Eva Veiga.

Guadalajara, México: Vinte editoriais galegas expoñen libros na FIL

“As editoriais galegas expoñen os seus libros na FIL baixo as marcas Galicia e Galician Books e dentro do stand compartido pola Asociación Galega de Editores e a Xunta de Galicia. A Cámara de Comercio da Coruña apoia a presenza dos editores cunha misión, na que tamén viaxa a Secretaria Xeral Adxunta, Ana Agras Gómez. A FIL comeza o 27 de novembro e remata o 4 de decembro. Os organizadores do evento conseguiron que sexa a Feira do Libro máis importante de Lationoamérica e tamén difundir a idea de que a Cultura é a solución. Alemania é a cultura convidada desta edición. Desprázanse a Guadalajara: Francisco Villegas, de Cumio e Ellago; Benigno Paz, de KNS Ediciones; Ainhoa A. Borrás e Pedro López, de Ideas Propias, Atanasio Murillo e Manuel Conde, de Editorial Supérate; Xosé Ballesteros, de Kalandraka; Xosé Manuel Figueiras, de Distribucións Arnoia e Victor Cando de Librerías Nobel; Manuel Bragado, de Edicións Xerais e a secretaría técnica da AGE.  Dende a Consellería de Cultura desprázase o Director Xeral do Libro, Francisco López. Amosan os seus libros e novidades editoriais, Editorial Ideas Propias, Editorial El Patito, Baía Edicións, Kalandraka Editora, Ediciones del Viento, Embora Edicións, Editorial Supérate, MC Sports, Editorial Linteo, Edicións Espiral Maior, Biblos Clube de Lectores, Edicións Nova Galicia, Auga Editora, Editorial Galaxia, Ir Indo Edicións, KNS Ediciones, Editorial Everest Galicia, Edicións Xerais, OQO Editora e Edicións Toxosoutos. Disporán de stand propio na FIL: Kalandraka Editora, Editorial Ideas Propias, Distribucións Arnoia, Edicións do Cumio e Librerías Nobel.
Programa de actividades na FIL
O 27 e 28 de novembro a AGE manterá diversas xuntanzas con editores e axentes mexicanos. O 29 de novembro entrégaselle a Agustín Fernández Paz o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Está previsto que asistan o  Presidente da AGE e o Director Xeral do Libro. O programa Ecos de la FIL, consistente na presentación dos autores e as súas obras a colectivos educativos, contempla a participación de Rosa Aneiros e Marcos Calveiro, o día 30 de novembro na Asociación de Clubs de Lectura e na Escola Secundaria nº24. O día 2 de decembro estarán en na Sala de Lectura de Colima e no Colexio Alpes Cumbres. Ese mesmo día participará tamén en  Ecos de la FIL o autor premiado, concretamente na Preparatoria nº 2. Aneiros presentará a Fernández Paz na actividade El placer de la lectura, que terá lugar o día 30 de novembro. O día 1 de decembro os autores participarán nun encntro con nenos indíxenas da Serra de Durango, xunto á xornalista mexicana Lidya Cacho. Ese mesmo día e ás 6 da tarde, terá lugar Voces de Galicia, unha presentación da literatura galega na FIL.” Vía AGE.

A Coruña: presentación de Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá

O venres 25 de novembro, ás 20:30 horas, na Libraría Couceiro (Enrique Dequidt, 12) da Coruña, preséntase Dramatículas, de Afonso Becerra de Becerreá, publicado en Laiovento. No acto, acompañando ao autor, participa Francisco Pillado Maior e a actriz Luísa Merelas poñéndolle voz a unha das dramatículas.