Compostela: Voces a Castelao

A Fundación Castelao celebra o martes 7 de xaneiro, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela, o acto Voces a Castelao, polo LXIV cabodano da morte (en 1950) de Daniel Castelao.

O programa é o seguinte:
– Saúda de recepción ao acto.
– Música de Raúl Galego: O gaiteiro nubeiro.
– Voces acompañadas polas músicas de Mini e Mero:
* Lorena Rei.
* Sofía Sánchez-Brunete Facal.
* Génesis Andreina Toárez Rosado.
* Carlos Negro.
* O Leo.
* Antía Otero.
* Anabel Montouto.
* Marcos Borrageros.
– Clausura o acto o presidente da Fundación Castelao, D. Carlos Mella Villar.

A Coruña: recital de Fran Alonso e Antoine Cassar no Ciclo Poetas Di(n)versos

O luns 30 de decembro, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Fran Alonso e o poeta maltés Antoine Cassar. Máis información aquí: Poetas di(n)versos decembro 2013.

Becerreá: actividades do 25 aniversario da A. C. A Pipa

Arteixo: macro-recital poético na Libraría Á lus do candil

O venres 27 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Á lus do candil (Rúa Historiador Vedía, 3, baixo) de Arteixo, terá lugar un macro-recital poético aberto a quen desexe participar, baixo o título A poesía é o grande milagre do mundo. Participan: Iolanda Aldrei, Marica Campo, Maria Dovigo, José Estévez, María José Fernández López, Alfredo Ferreiro, Adela Figueroa, Modesto Fraga, Xosé Iglesias, Verónica Martínez DelgadoAlberte Momán, Ramiro Torres, Luís Valle e Ramiro Vidal Alvarinho.

A Coruña: IV Día Lugrís, o sábado 21 de decembro

O colectivo In Nave Civitas Lugrís, a Asociación Cultural O Mural e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega convocan o IV Día Lugrís para lembrar e honrar a memoria de Urbano Lugrís.

O programa (aínda provisional en canto ás horas) é o seguinte:
18:00-18:45 h. (No adro do Museo de Belas Artes da Coruña) xuntarémonos para decorar paraugas con motivos mariños e lugrisáns cos que logo percorreremos as rúas coruñesas.
19:00-19:45 h. (A recalada do mural) Recepción poética do mural de Urbano Lugrís Vista da Coruñá 1830, que o Museo de Belas Artes exhibirá por vez primeira ao público ese día.
20:00-21:00 h. (Manifestación atlántica) Cos paraugas decorados abertos e desde o Museo de Belas Artes da Coruña á praza Sellier (Rúa Real, Obelisco, Cantóns, Rúa Estrela, Rúa Manteleria, Rúa Santo André e Praza Sellier) percorrendo algúns dos lugares da vida do gran artista do mar, visitando os murais que se conservan e o grafiti que fai un ano fixo Outón na rúa Manteleria.
21:00-22:00 h. (A habitación do vello mariño) Praza José Sellier: recital artístico na memoria do Noso Señor Lugrís.

Convídase a todas as persoas a participar en calquera ou todos os actos organizados para ese día.
Acudan cos seus paraugas, pinturas, buguinas, vieiras e o espíritu morno e mítico da obra de Urbano Lugrís.

Medre o mar!

Lugo: edición número 34 da revista oral O pazo das musas

O xoves 19 de decembro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 34 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre.
Este número estará dedicado a lembrar a figura de Agustina Otero, coñecida tamén como Carolina Otero ou A Bela Otero, con motivo de cumprírense 150 anos do seu nacemento. Despois dunha nenez tráxica no seu Valga natal, Agustina conquistará o París galante de finais do s. XIX e principios do XX (o da Belle Époque) como estrela do Folies Bergère. Bailarina, cantante, actriz e cortesá; unha fermosísima muller, amante de homes influíntes (Guillermo II de Alemaña, Nicolás II de Rusia, Leopoldo II de Bélxica, Alfonso XIII de España, Eduardo VII do Reino Unido…). Foi inmensamente rica e morreu case centenaria e pobre (pois era moi afeccionada ao xogo) en Niza, onde está soterrada. Para achegarnos a unha muller tan controvertida e polémica contamos coa colaboración de Alicia Fernández, Marica Campo, Encarna Lago, Noemí López, Paula Cabaleiro e Noa Persán, que nos achegarán os seus particulares retratos da artista con poemas, semblanzas e homenaxes artísticas. Mais na revista, desta volta, recrearemos o ambiente parisino da Belle Époque e convertiremos o Refectorio nun cabaret cos decorados, músicas e personaxes de entón. Unha recreación na que renacerá a Bela Otero con todo o seu esplendor grazas ao traballo do Grupo de Teatro Palimoco e a Aula de Teatro da USC. Un espectáculo total que, en confianza, non debera deixar pasar.

SUMARIO DO NÚMERO 34

A Aula de Teatro USC-Lugo e Palimoco Teatro (coa colaboración de Yuri Sidar) presentan: A muller máis femosa do mundo.

1.- Bonsoir Mesdames et Monsieurs, bienvenues au le spectacle plus grand dun monde (5′).
2.- Benvida, por Antonio Reigosa (2’).
3.- Pola muller máis fermosa do mundo! (brinde) (1′).
4.- Unha mirada densa, por Alicia Fernández (10’).
5.- Pola vida (1’).
6.- Bela sen palabras, vídeomontaxe de Noemí López (4´).
7.- Por Agustina Carolina (13´).
8.- La Bella Otero: te espero … / al capitán Centella … , por Encarna Lago e Paula Cabaleiro (10’).
9.- Polas xoias (13’).
10.- Lectura de poemas de Alicia Fernández (A expulsada) e Marica Campo (As catro lúas de Agustina-Carolina) (6’).
11.- Non vai máis! (4’).
12.- O Poder do Abismo, vídeomontaxe de Noa Persán (3‘).