Vigo: actuación de Xardín desordenado, no ciclo Mércores no Solpor

O mércores 17 de agosto, ás 20:30 h., no Verbum (Avenida de Samil, 17) de Vigo, no ciclo Mércores no Solpor, terá lugar a actuación de Xardín desordenado, composto por Santiago Ferragud (voz, guitarra), Marlene Rodrigues (voz) e Isaac Garabatos (guitarra), que musicou poemas galegos de distintas xeracións e estilos, acompañados por algún dos poetas escolmados.

Vilariño, Cangas: nova edición de A hostia en verso

O mércores 17 de agosto, ás 22:00 h., dentro do Festival Folk de Vilariño (na praia do mesmo nome en Cangas), terá lugar unha nova edición de A hostia en verso. No acto participan Daniel Landesa, Laura Sáez, Xabier Xil Xardón, Daniel Costas Currás, Nolim González e Ledicia Costas, exercendo como mestras de cerimonias María Lado e Lucía Aldao, tamén coñecidas como “as desolemnizadoras da poesía”. A música correrá a cargo de Mig Seoane. O enfrontamento será entre Protóns e Neutróns.

Ourense: recital poético de Celsa Barja

O martes 16 de agosto, a partir das 20:00 horas, na Asociación de Veciños O Vinteún (Rúa do Vinteún, frente ao Instituto) de Ourense, Celsa Barja dará un recital poético, conmemorando a súa iniciación no mundo da escrita poética, no que contará coa axuda dun membro do grupo de teatro “Tarumba” e dun estudante da ASAD de Vigo, e a presenza musical do cantautor Israel Díaz.

A Coruña: actividades do venres 5 na Feira do Libro

Estas son as actividades máis destacadas do venres 5 de agosto dentro da 40º edición da Feira do Libro da Coruña, nos Xardíns de Méndez Núñez, e que estará aberta até o 10 de agosto, con horarios de 11:00 a 14:00 h., e de 18:00 a 22:00 horas:

18:30 h. Presentación do libro infantil O espantallo, de Xosé Agrelo, publicado pola editorial Toxosoutos.
19:30 h. Presentación do libro Guerra civil. Que pasou en Galicia e en España, de Federico Cocho, publicado por Xerais. Xunto ao autor, participan Carlos G. Reigosa e Manuel Bragado.
22:30 h. Recital no Handicap Café (Rúa Salgado Somoza, esquina Curros Enríquez), na Coruña: A noite de poesía: Os fillos de Mary Shelley, coa participación de Yolanda Castaño, Luis Alberto de Cuenca, Luisa Castro, Pedro Ramos e Fernando Marías.

Vídeo do recital poético dentro do V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións

Vídeo co recital poético, coa participación de Arsenio Iglesias Pazos, Dores Tembrás, Gonzalo Hermo, Susana Sánchez Arins e David Rodríguez, que tivo lugar no V Encontro de escritores/as novos/as ante vellas preocupacións, celebrado na Coruña o 6 de novembro do 2010:

Acto conmemorativo do 50º aniversario do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño, o sábado 30 de xullo

O sábado 30 de xullo, ás 12:30 horas, no Cemiterio de Boisaca (diante da campa onde está soterrado o poeta) de Santiago de Compostela, terá lugar un acto conmeorativo do 50º aniversario do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño, organizado polo Centro PEN de Galicia, en colaboración co Concello de Santiago, Secretaría Xeral de Política Lingüística e Consellería de Cultura e Turismo, co seguinte programa:
– Palabras de presentación a cargo de Luís González Tosar (escritor e presidente do PEN Galicia).
– Intervencións de:
* Luciano Rodríguez. O pó dos días de Aquilino.
* Xurxo Martínez González. Pervivencia da poesía de Iglesia Alvariño.
* Xosé Luís Méndez Ferrín (Presidente da Real Academia Galega).
– Recital de poemas a cargo de: Miro Villar, Bieito Iglesias e Salvador García-Bodaño.
– Palabras de agradecemento de Aquilino Iglesia Ferreirós (fillo do homenaxeado).
– Ofrenda floral e interpretación da Marcha do Antigo Reino de Galicia.

Crónica posterior en Galiciaé.

Santiago: actos da Asociación Cultural O Galo para o luns 18 de xullo

O luns 18 de xullo, a Asociación Cultural O Galo súmase aos actos de lembranza desa data coas seguintes actividades:
– Ás 12:00 h., na Praza do Toural, conxuntamente co Equipo de Normalización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, exporanse algunhas das estampas de guerra de Castelao, no ano no que ademais celebramos o 125 aniversario do seu nacemento, exposición que se tentará manter na rúa até o domingo 24 de xullo.
– Ás 14:00 h., na Alameda de Santiago, terá lugar un acto de homenaxe popular apoiado polo Galo e o Ateneo de Santiago ás irmás Fandiño, ás Marías, como lembranza tamén a todas as persoas que sufriron a represión do fascismo desde o 18 de xullo do 36. Contarase con intervencións poéticas e musicais, ademais de coa presenza das flores de todas as cores que os e as asistentes levarán ás irmás Fandiño.