Artigo en Sermos Galiza:
“A Erregueté Revista Galega de Teatro chega cargada de sorpresas no número 88, que acaba de saír á rúa. Erregueté adica o apartado Temas ao Teatro das Irmandades da Fala por mor do centenario da súa fundación. Ademais, este número conta cun avance de información sobre eventos destacados das artes escénicas dedicado ao Festival Escenas do Cambio e coa recuperación do espazo En Danza, no que destaca a colaboración co proxecto TRC Danza e a publicación en papel dos seus Pre-Textos.
Na sección Escena Aberta aparecen diversos aniversarios coma os trinta anos da compañía Matarile ou os vinte e cinco que celebrou o FIOT de Carballos en 2016. Alén diso, configuran un conxunto de conversas con responsábeis de diversos proxectos escénicos co obxectivo de facer memoria en colectivo. Un dos contidos estrela deste número 88 é a edición en galego de As cancións que lles cantaban aos cativos, coa que Raúl Dans gañou o XXIV Premio Sgae de Teatro Jardiel Poncela.
Por outra banda, no espazo de Espectáculos pódense atopar as análises das montaxes de Tartufo, do CDG; O tolleito de Inishmaan, de Contraproducións e Get Back, de Eme2. En Libros destaca a crítica que Afonso Becerra fai de Voaxa e Carmín, texto gañador do Premio Abrente de Textos Teatrais 2015, da autoría de Esther F. Carrodeguas.
“Aínda que o outono deste 2016 deixa corazóns baleiros coa perda de creadores imprescindibles como seguen a ser, a través da súa obra, Fran Pérez «Narf» e Dorotea Bárcena, desde a Erregueté non nos resignamos á súa desaparición definitiva e escribimos coa súa lembranza as páxinas necesarias para que non esvaeza o seu amor pola escena nin o seu traballo entregado, dedicado e resistente. Un traballo que vén a ser o de dúas xeracións diferentes construíndo necesidades para ser necesarias”, explica Vanesa Sotelo, directora da revista.
RGT é unha publicación trimestral dedicada á difusión das artes escénicas. A Asociación Cultural Entre Bambalinas é a responsábel da edición. O prezo é de 6 euros.”
Arquivo da categoría: Revistas
Dispoñible a Axenda Feminista 2017 do Observatorio da Mariña pola Igualdade. Galegas en leiras de mar e terra
Como vén sendo habitual por estas datas, o Observatorio da Mariña pola Igualdade vén de editar a Axenda Feminista 2017 que xa está dispoñible en diferentes puntos de venta.
Non podía faltar este clásico do Observatorio que xa vai pola súa séptima edición e que, un ano máis, escolle a 12 mulleres para protagonizala. Se en anos anteriores a Axenda Feminista se centrou máis en ámbitos cultuais e se dedicou ás músicas, escritoras, teatreiras, poetas ou científicas galegas, para este 2017 que está a piques de comezar o Observatorio quere valorar e visibilizar o traballo de 12 mulleres que traballan no sector primario, unha por cada mes do ano. Mulleres que dan nome á axenda, Galegas en leiras de mar e terra dende os seus proxectos vitais e laborais traballan a terra e o mar de Galiza para alimentarnos.
Para o Observatorio da Mariña pola igualdade é un orgullo contar con Marta Juncal, bateeira de Vilanova de Arousa; Xulia Bande, viticultora de Leiro; Nieves Medina, conserveira de Xove; Eva Beres, queixeira de Ordes; María del Carmen Suárez, percebeira de Corme-Ponteceso; Anxos Orgueira, produtora de Palas de Rei; Carmen Abad, mariñeira de Xove; Nieves Fernández, gandeira de Viana do Bolo; Beatriz Molanes, redeira do cerco de Cangas; Mercedes Alonso, gandeira de Cotobade; Carmen Formoso, mariscadora de Carnota e Clara Basanta, gandeira de Trabada.
A Axenda Feminista 2017 modifica este ano o formato de axendas anteriores: tamaño A5, tapa branda, goma para pechala e unha cinta para marcar a páxina desexada. O deseño das tapas correu a cargo da deseñadora Mónica Justo, e que se basea na figura de Maruxa Mallo, a cal protagoniza o día das Artes Galegas o 1 de abril de 2017.
O prezo da axenda son 13 euros (ás persoas socias o Observatorio lles financiará unha parte, quedando a axenda a un prezo reducido para el@s de 11 euros) e pódese atopar nos seguintes puntos de venta:
– Ribadeo: Libraría Casa das Letras.
– Foz: Libraría Bahía.
– Burela: Libraría Espacio Lector Nobel.
– Viveiro: Libraría Porta da Vila.
– Vilalba: Papelería Pergamino 2.
– Lugo: Libraría Trama.
– Santiago de Compostela: Libraría de mulleres Lila de Lilith.
– A Coruña: Livraria Suévia.
– Vigo: Libraría Andel.
– Allariz: Aira das letras.
– Pontevedra: Libraría Paz.”
Quiosco: Murguía, Revista Galega de Historia, 33
Desde Cultura Galega:
“O documento que recolle a expulsión de Xosé Velo do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL) é o contido que leva á súa capa o número 33 de Murguía, Revista Galega de Historia, que xa está á venda. Canda a isto, o volume achega artigos destacados como un texto inédito de 1936 que amosa o apoio da Dereita Galeguista ao Plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galiza dese mesmo ano. A “intentona republicana” de Crecente do 1905, a partir da figura de Marcelino Gómez Arias ou o Antón Alonso Ríos agrarista son algúns dos contidos da nova entrega. Canda a isto, o investigador Prudencio Viveiro analiza a prensa e a edición de libros entre a colectividade galega emigrada na Arxentina, mentres Xosé Estévez rememora as súas viaxes e a relación co poeta Manuel María, homenaxeado no último Día das Letras Galegas. Unha entrevista con Manuel Gago, director de Culturagalega.gal e comisario da exposición Galicia 100 do Consello da Cultura Galega ou as habituais recensións de lanzamentos editoriais completan a entrega.”
Vigo: presentación da nova revista de estudos galegos Kallaikia
A quinta feira 1 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), en Vigo, preséntase a nova revista de estudos galegos Kallaikia. No acto interveñen Jorge Rodrigues, Carlos Garrido e Carlos L. Bernárdez.
Porto do Son: presentación do Anuario de Estudos do Barbanza 2016 e entrega dos Premios Barbantia da Cultura 2016, o sábado 3 de decembro
Os premiados deste ano, segundo o escrutinio dos votos das socias e socios, son:
– Premio Barbantia á Traxectoria Cultural no Barbanza 2016: Maxi Olariaga.
– Premio Barbantia á Iniciativa Cultural no Barbanza 2016: Museo do Mar de Noia.
– Premio Barbantia da Cultura Galega 2016: Quico Cadaval.
Comunicarlles tamén que ese mesmo día, ás 14:30 h., faremos un xantar de confraternidade nun restaurante de Porto do Son. Para acudir ao xantar, é necesario anotarse antes do 30 de novembro no mail: barbantia@barbantia.org ou contactar co coordinador de Barbantia.
Boiro: presentación de A ferida do vento, de Antón Riveiro Coello
A Revista Galega de Teatro anova o equipo, o deseño e o seu nome
Desde a Asociación de Actores e Actrices de Galicia:
“A Revista Galega de Teatro saca á súa rúa o seu número 87 e faino estreando deseño, nome e equipo. O acto de presentación do novo número terá lugar o xoves 17 de novembro ás 20:30 horas na Sala Ártika de Vigo (Avenida da Beiramar, 113).
O evento contará coa intervención do novo equipo de dirección, formado por Vanesa Sotelo (Directora), Manuel Xestoso (Subdirector) e Roberto Pascual (Secretario), xunto coa presenza de Antón Lamapereira, Presidente do Consello Editorial da publicación, e do Deputado Provincial de Cultura, Xosé Leal. A creadora María Roja completa o programa da presentación coa intervención Facerse a morta no medio do corredor. Ao finalizar, servirase un viño para brindar pola ocasión acompañado por unha actuación musical sorpresa.
A Revista Galega de Teatro estrea equipo, deseño e nome sen renunciar á esencia dun proxecto que naceu hai máis de trinta anos. Así, a RGT transformada en erregueté mantén as súas seccións habituais recuperando a sección de Banda Deseñada con “A Pataca Quente de Rubina Kenéve” e incorporando un novo espazo de creación baixo o nome de “Ruxerruxe”. Dedicado á Dramaturxia Galega, entre os contidos destacados deste número 87 atópanse a entrevista co director teatral Oskaras Korsunovas e a edición en galego de A obediencia da muller do pastor, de Sergio Martínez Vila, gañador do XL Premi Born de Teatre.
A RGT é unha publicación trimestral dedicada á difusión das artes escénicas e está editada pola Asociación Cultural Entre Bambalinas.”
Vigo: presentación do número 65 da Revista Galega de Educación
Compostela: “Panorama das iniciativas culturais galegas na rede”, o 8 de novembro, no Consello da Cultura Galega
Desde o Consello da Cultura Galega:
“A cultura e os contidos culturais son un eixe central do consumo e do uso de Internet na actualidade, tanto en Galicia como noutras partes do mundo. O abaratamento de custos e as facilidades de acceso posibilitan que, nos últimos anos, observemos en Internet un importante incremento de cibermedios e servizos culturais iniciados con accións de emprendemento por individuos ou pequenos equipos que exploran un espazo non só de lectores, senón de sustentabilidade económica e social.
Esta xornada quere ofrecer unha visión actual das iniciativas culturais na rede en Galicia, coñecer os mecanismos que empregan para o seu funcionamento e contextualizala no ámbito internacional.
Para isto contaremos coa presenza dos investigadores João Canavilhas, da Universidade da Beira Interior, Håkan Casares (Consello da Cultura Galega), Alberto Marinelli (Università da Sapienza, Roma) e Andreu Casero Ripollés (Universitat Jaume I, Castellón), de representantes de experiencias galegas sostibles (Praza Pública, Galicia Confidencial, Sermos Galiza, Campo Galego, Teo Vivo, Que pasa na costa) e unha panorámica de revistas culturais dixitais da man de Alfredo Ferreiro (Palavra Comum), Lara Rozados (A Sega) e Daniel Lavesedo (GZ Música).”
O programa completo pode descargarse aquí. Máis información e inscrición, nesta ligazón.