Roteiro “Eu non nacín en vila nin ciudade”: Pondal na Coruña, guiado por Manuel Ferreiro, o 22 de novembro

Destacado

O Roteiro “Eu non nacín en vila nin ciudade”: Pondal na Coruña, é unha iniciativa da AELG, desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

O Roteiro será guiado por Manuel Ferreiro. Nas súas palabras: “A partir da tumba de Eduardo Pondal, no cemiterio de Santo Amaro, iremos á rúa Juana de Vega, onde na pensión La Luguesa viviu o poeta os derradeiros anos da súa vida coruñesa. Finalmente, perante o busto do bardo bergantiñán nos xardíns, poderemos concluír este breve percurso pola Coruña pondaliana.”

Terá lugar o domingo 22 de novembro de 2026, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será a porta principal do Cemiterio de Santo Amaro. A asistencia é gratuíta. Non é precisa inscrición previa.

Crónica fotográfica do Roteiro literario Unha lebre entre semáforos, guiado por Dores Tembrás

Estas son algunhas das fotografías do Roteiro literario Unha lebre entre semáforos, guiado por Dores Tembrás, celebrado o pasado 8 de novembro. A crónica fotográfica completa (obra de Beatriz Maceda Abeleira) pode verse aquí. Esta é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.

Roteiro literario por Carballo, con Rosalía Fernández Rial, o 21 de novembro

Destacado

O Roteiro literario por Carballo, guiado por Rosalía Fernández Rial, é unha iniciativa da AELG, subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Carballo, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

– O roteiro presencial terá lugar o sábado 21 de novembro de 2026, a partir das 11:30 horas, tendo como punto de encontro inicial o cruzamento da rúa da Lagoa coa rúa Vila de Negreira en Carballo.

A asistencia como público é libre e gratuíta, non precisando inscrición previa.

Xunto á autora, participarán tamén no roteiro o escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello, a investigadora Laura Barral e a regueifeira Lupe Blanco. En palabras de Rosalía Fernández Rial: “Tratarase por tanto dun percorrido coral que intentará transformar a visión que os paseantes teñen sobre o Anllóns, co fin de concibir o río como un suxeito con dereitos coma un igual e superando as visións antropocéntricas do mundo que tanto mal fixeron á natureza.”

A autora elaborará un texto escrito máis completo sobre o roteiro, que estará dispoñíbel na páxina web da AELG nos seguintes meses.

Lugo: Xornada Saudade de Ramón Piñeiro

Roteiro Unha lebre entre semáforos, guiado por Dores Tembrás, na Coruña

O Roteiro Unha lebre entre semáforos, iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña, que pretende dar a coñecer as cidades e vilas do país da man das nosas escritoras e escritores, que exercen de guías tomando como base obras propias ou alleas vinculadas a eses espazos. Deste xeito, posibilítase que a cidadanía goce persoalmente dos espazos físicos na súa relación coa memoria literaria.

O presente roteiro será guiado por Dores Tembrás. En palabras da autora: “Unha lebre entre semáforos é a proposta para pasar xuntas unha mañá de domingo. Un percorrido a través dos poemas e as rúas que me sitúan na miña chegada á Coruña con sete anos. A palabra dará conta do encontro cun espazo urbano por veces hostil, pero tamén de fascinio e aprendizaxe. Vides camiñar comigo?”

Terá lugar o domingo 8 de novembro de 2026, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña. O punto de saída será a porta da entrada ao Parque de Santa Margarita desde a Ronda de Nelle. A asistencia é gratuíta. Non é precisa inscrición previa.