O 14 de marzo, ás 19:30 horas, no local social da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, terá lugar a presentación do caderno A necesidade de termos un feminismo galego, de Margarida Corral, obra que se suma á colección Ideas Impresas da Fundación Galiza Sempre. No acto de presentación estará acompañando á autora Vitoria Louro. Para asistir, cómpre inscribirse mediante este formulario.
Arquivo da categoría: Sociedade
Ferrol: “50 aniversario das mobilizacións operarias (e sucesos) de Ferrol”
Ferrol: presentación de A Galiza feminista, de Miriam Couceiro Castro
A Coruña: Homenaxe ás vítimas do franquismo no Portiño
Compostela: Xornada “Representacións e identidades na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”
Conferencia en liña “A homosexualidade na poesía medieval ibérica: expresións e ocultacións”, por Carlos Callón
A Coruña: presentación de Acoso e demolición do sistema público de ensino, de Xosé Ramón Branco Buxán
O 31 de xaneiro, ás 19:30 horas, na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º), na Coruña, preséntase o libro Acoso e demolición do sistema público de ensino. Covid-19: causa ou escusa?, de Xosé Ramón Branco Buxán, publicado por Laiovento. No acto participará, ademáis do autor, o exreitor da UDC Xosé Luís Armesto. As persoas interesadas deben inscribirse previamente aquí.
A Coruña: presentación de Vivas e libres
O Día de Rosalía pasa a celebrarse o 23 de febreiro
Desde a Fundación Rosalía (foto da Fundación):
“A Fundación Rosalía de Castro convocou esta mañá a diversas entidades culturais e educativas relacionadas co Día de Rosalía para acordaren que as celebracións deste aniversario pasen a ter lugar desde este 2022 o día 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora.
Acudiron á convocatoria da Fundación Rosalía na Casa-Museo representantes de entidades relacionadas co Día de Rosalía, como o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez; Xosé Lastra, presidente de Nova Escola Galega; Dores Silveira, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega [de forma virtual] ou Olimpio Xiráldez e Erea Estévez Campos, da Asociación de Gaiteir@s Galeg@s. Tamén participaron representantes institucionais, como Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Lorena Couso, concelleira de Cultura de Padrón; ou Mercedes Rosón, concelleira de Cultura de Santiago [de forma virtual]. Asemade, asistiu á xuntanza Sagrario Abelleira, investigadora que realizou o achado documental que demostra, entre outros feitos relevantes, que Rosalía de Castro naceu o día 23 de febreiro.
A Deputación da Coruña, cuxo deputado de Cultura, Xurxo Couto, non puido asistir por cuestións de axenda, manifestou o seu apoio á decisión tomada.
O Día de Rosalía converteuse nos últimos anos nunha das datas máis importantes do calendario cultural galego. Comezou sendo unha data celebrada e reivindicada pola AELG para logo conseguir unha presenza destacada no mundo escolar. Posteriormente chegaría a súa extensión a outros sectores máis amplos da sociedade e, ao mesmo tempo, a confirmación institucional. “
Trasladan ao Courel os restos do poeta Uxío Novoneyra
Desde Nós Diario:
“Os restos mortais do poeta Uxío Novoneyra (Folgoso do Courel, 1930 – Compostela, 1999) descansarán para sempre no Courel, após seren trasladados esta sexta feira desde Lugo até “a horta da súa casa”, como pedira.
Así o manifestaron no acto de despedida celebrado no cemiterio de San Froilán, onde a súa familia recitou versos do poeta: “Vido visto ben Santiago / i esa cuestión non resolta / fago camiño de volta / camiño de volta fago. / Camiño de volta fago / volvo do cabo do Mundo. / Terra só en ti fúndome: / é a certeza que trago”.
Após máis de vinte anos en Lugo, os restos do poeta galego descansarán en Folgoso do Courel, na súa casa, como era o seu desexo.
“O meu pai era un namorado de Lugo, era de Lugo, eu son de Lugo… pero o pediu facer o camiño á inversa: De Santiago ao Courel pasando por Lugo”, afirmou Uxío Novo, fillo do homenaxeado.
A familia quixo cumprir co desexo de Novoneyra e, tras ler varios dos seus poemas, co himno galego de fondo, describiu o seu novo lugar de descanso.
“Estará na horta baixo terra, como el quería, rodeado de rosas, de follas de castiñeiro de verdade e tamén de bronce”, dixo a súa familia.
Así, despois de dúas décadas “rodeado dos seus amigos” Pimentel, Ánxel Fole e Álvaro Gil, entre outros, Uxío Novoneyra chega ao final do seu traxecto e descansará, para sempre, na súa casa, rodeado dos seus familiares.”







