“A escrita tamén tributa: algunhas chaves sobre a economía das autoras literarias”

Reportaxe de Irene Pin en Nós Diario:
“A profesionalización da literatura galega non ofreceu grandes avances durante as últimas catro décadas. É unha das principais conclusións que tira a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) do informe da primeira fase de elaboración do Libro Branco de Escritoras/es en lingua galega.
Só 6% das escritoras teñen como fonte única de ingresos a literatura. Isto non quere dicir que esta porcentaxe sexa a que consigan “vivir do que escriben”, nin moito menos, xa que no colectivo podemos atopar unha elevada proporción de persoas xubiladas ou no paro. O certo é que, de media, os ingresos medios por dereitos de autoría non chegan a 1.000 euros anuais e para 72% das autoras supoñen menos de 10% do seu total anual.
Aínda así, hai que declaralos e isto pode supor moitas dúbidas para as creadoras. Por iso, á primeira parte do informe, publicada a a semana pasada, incorpóranse agora dous textos que atenden a cuestións de carácter legal: “Dereitos, obrigas e relacións das escritoras e escritores coa Administración pública” e “A obra literaria e a propiedade intelectual”.
A súa autora, Ania González Castiñeira, asesora xurídica da AELG e de Centro Español de Dereitos Reprográficos na Galiza na Galiza, procura a través destes textos “ofrecer as ferramentas” para enfrontar as “inseguridades” que xorden cando o mundo da creación se enfronta á realidade do mercado e ao trato coas administracións. Como tributar a facenda? Que obrigas fiscais temos ao explotar economicamente unha obra? As respostas, que non son únicas, implican conceptos e relacións complexas. Por iso, o informe intenta “trasladar de maneira aberta un campo que forma parte da actividade artística”, mais que “non está na formación regrada ou xeral, e debería”, engade González.
Como sinalábamos, unha das cuestións habitualmente conflitivas, cando entran os cartos na ecuación, é como declaralos, algo que sempre hai que facer. A chave está en se a persoa realiza unha actividade de maneira “habitual” que supón a súa principal fonte de ingresos, definición que tampouco está exenta de discusións teóricas ou doutrinais, pois na linguaxe xurídica, “como ocorre no literario, o significado das verbas e expresións non é nunca neutro”.
Así, unha das situacións máis comúns é ter un traballo asalariado e dedicarse profesionalmente á creación literaria, situación na que adoita poder tributarse esta última como rendementos do traballo, se a explotación está cedida a terceiros terceiros (como unha editorial), mais non no caso da autoedición. Fronte a isto, quen teña a actividade literaria como única, verase na obriga de considerala como actividade económica e darse de alta como autónoma, pagando a cota á seguridade social, se ben os rendementos polos dereitos de autoría estás exentos de IVE.
Os premios literarios son tamén un terreo problemático. Xa sexa por descoñecemento ou perpetuando certas prácticas abusivas, enténdese con demasiada frecuencia como galardón a propia publicación do libro. De novo, aquí González destaca un conflito de linguaxe. “As administración ou as editoras confunden os conceptos polos que se pode remunerar a autora”, explica. As dotacións destes certames, que gozan de menos obrigas fiscais, camuflan moitas veces o que correspondería por anticipo dos dereitos de autoría.
Neste senso, González opina que non deberiamos chamar “premio” ao que supón un proceso de selección de manuscritos para seren publicados. “Secuestrar” desta maneira un concepto da cultura é conflitivo, pois pode deixar as autoras sen unha linguaxe técnica que lles permita negociar. Así, “é importante que o mundo da arte e o do mercado atopen un espazo común de entendemento”.
“Por moito que a literatura sexa un patrimonio inmaterial, ten que xerar rendementos económicos sobre a creadora cando esta é explotada por terceiros”, o que non exime da chamada relación paternidade (ou maternidade, como prefire González) que mantén o vínculo entre obra e creadora. Neste senso, o segundo dos seus informes dedícase a aclarar as persoas e roles que entran en xogo na creación e na explotación da obra literarias.
Cómpre diferenciar aí dous tipos de dereitos: os morais, que son irrenunciábeis e inalienábeis, protexen a relación entre obra e autora; os patrimoniais, tamén chamados económicos económicos, permiten á autora obter un rendemento pola explotación económica da obra (reprodución, distribución, comunicación pública…).
Un dato que chamaba a anterior do informe da AELG era a alta porcentaxe de autoras que aseguraban non asinar contratos: unha de cada tres persoas. Neste senso, González lembra que os dereitos “só se poden ceder por escrito”, mesmo no caso dos premios, onde semella que as bases xa implican a edición. “A Lei de Propiedade Intelectual exixe sempre a sinatura dun contrato”, insiste, que ademais ten regulados uns mínimos que, de non existir, fan que sexa nulo. Aliás, hai outros aspectos que de estaren mal recollidos “o fan anulábel”, engade, sinalando que se debe incluír a remuneración ou o número de exemplares de cada edición, datos moitas veces excluídos. Así, se ben a lexislación ofrece “liberdade de pacto entre as partes”, os acordos están “regulados no contido mínimo”.
Outro dos problemas máis habituais ten a ver coa duración máxima, 15 anos (10 se a remuneración é por tanto alzado ou pago único), ou coa confusión entre o anticipo (sobre a porcentaxe que se percibirá do dereitos) cun tanto alzado (modalidade que só se usa cando é difícil calcular os ingresos que se van obter, algo pouco habitual no eido literario). Por último, recorda que os contratos deben regular para que linguas e territorios, pois cando está sen especificar enténdense para o mínimo.
Aínda que González chama a atención sobre acudir a profesionais do dereito cando sexa preciso, algo que pode solucionar nunha única consulta anos de relacións, insiste en que as autoras deben ter coñecementos básicos sobre o ámbito. “É como ir ao médico”, afirma, algo que non quita saber sobre temas de saúde. “É moito máis complexo que a crear unha novela”, aclara ademais a avogada.
O informe procura axudar a evitar que se cometan erros por descoñecemento, algo bastante habitual no sector artístico en xeral, onde as creadoras constitúen o “elo máis feble”, opina González. “Sobreenténdese moitas veces a satisfacción por publicar”, comenta, sinalando a necesidade de tratar as creacións, aínda que non só, “como produtos culturais”. Neste senso, considera certa falta de especificidade sobre o seu tratamento fiscal, co tipo de actividades non ben definidas e sen adaptación real ao mundo da cultura, o que xera indefensión.”

A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans reivindican o plurilingüismo como un patrimonio común

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans fan pública a declaración dispoñible nesta ligazón coa intención de contribuír a aclarar o debate público acerca da presenza das linguas na educación e no conxunto da realidade social. Nela advirten que, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o galego, o éuscaro e o catalán “precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán”. “O Estado español debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, defenden na primeira declaración conxunta da súa historia. Os tres organismos con responsabilidades oficialmente recoñecidas na defensa e promoción dos idiomas que representan reivindican o seu papel asesor das institucións do Estado e decláranse dispostos a contribuír a “unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas”.
As institucións asinantes entenden que, en coherencia co principio de autonomía, o réxime lingüístico do sistema educativo nas comunidades con idioma propio recoñecido oficialmente debe ser competencia exclusiva de cada unha delas, e que este “debe estar orientado a garantir unha competencia plena e igual en cada unha das nosas linguas e do castelán”. Porén, malia recolleren as regulacións autonómicas este obxectivo, a competencia en castelán está plenamente garantida polos distintos modelos que foron aplicados, mais non todos eles garantiron o mesmo fin para o catalán, o éuscaro e o galego. “Como demostran tanto os estudos e as avaliación máis solventes coma as diversas experiencias nas comunidades autónomas que teñen algunha destas linguas como propia, para asegurar o seu futuro en condicións de normalidade, o catalán, o éuscaro e o galego precisan dunha presenza reforzada no sistema educativo, que de ningunha maneira redundou nin vai redundar en menoscabo da competencia en castelán”, salienta o texto.
A Real Academia Galega, a Euskaltzaindia e o Institut d’Estudis Catalans, como institucións asesoras dos poderes públicos en asuntos referentes ás respectivas linguas, reclaman ser consultadas polas institucións do Estado e póñense á súa disposición. “É o noso ánimo contribuír a unha deliberación pública informada e racional, en beneficio do respecto mutuo e da convivencia entre as comunidades lingüísticas e os/as falantes das diversas linguas do Estado español, un Estado que debe considerar a diversidade lingüística como unha riqueza que cómpre preservar e non como un problema que hai que suprimir”, conclúen.”

Cesáreo Sánchez, presidente da AELG: “Sen condicións económicas dignas para o/a escritor/a, o sistema literario non é sostible”

Entrevista a Cesáreo Sánchez no Zig-zag de Televisión de Galicia:
“A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega prepara o Libro branco sobre a situación do sector literario galego. A día de hoxe é un colectivo masculinizado, pero as mulleres comezan a ser maioría entre as novas xeracións de autores.
A entrevista pode verse aquí.”

Manuel Rivas: “A verdade hai que imaxinala”

Entrevista de Ana Abelenda a Manuel Rivas en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Defende unha democracia afectiva [en Zona a Defender]. Que poder social e político ten o afectivo?
– Manuel Rivas (MR): O afectivo é o máis efectivo, aínda que o efectivo parece que é o que funciona como unha máquina. Pero, se nos movemos no afectivo, hai un respecto, un compartir. Non é un falso espellismo. Vémolo no libro Por que fracasan os países?, de Daron Acemoglu e James Robinson, que compara sociedades e ve por que unhas quedan no atraso. Falan de sociedades nas que predomina o círculo virtuoso e doutras de círculo vicioso. As primeiras son inclusivas. O exemplo sería a danesa, onde só unha parte menor da poboación é rica por herdanza. Hai fluidez social.
– LVG: Lanza unha pregunta directa: «Cando se fodeu o xornalismo?».
– MR: A maneira en que fala unha sociedade di como está, e o que vén. Hoxe a máxima prioridade é o cultivo ecolóxico das verdades. A mentira detéctase polo fume que bota. Podes detectar se alguén está mentindo polo tipo de fume que bota pola cabeza… O que temos que facer no xornalismo non é preguntar se chove ou non chove, senón saír fóra e ver se te mollas. O xornalismo é como saber facer os propios zapatos para andar, iso dicía Tolstói do escritor. Hai que coller desvíos, porque semella que todos imos pola mesma autoestrada. Hai que saber despistarse…
– LVG: Que palabra estamos a usar hoxe peor?
– MR: -Hai que preocuparse cando unha sociedade usa moito palabras grandilocuentes: patria, bandeira, inimigo… Pero as palabras son moi diferentes segundo o ton. As palabras queren dicir, pero ás veces están tan intimidadas… Os mellores momentos das palabras son cando unhas non mandan máis que outras, cando non discriminan bocas, cando están a gusto. ­Que envolves ti nunha bandeira? Que é ser patriota? Eu non concibo alguén que se diga patriota e descoñeza que árbores ten no seu país, que lingua fala. (…)”

O sector editorial aguanta posicións ante a pandemia: “hai oportunidades para saír reforzados desta crise”

Artigo de Iago Codesido en Galicia Confidencial:
“(…) Aínda cos palitativos impulsados polo Goberno, o 2020 quedará como un ano negro para boa parte do tecido produtivo galego, e, en particular, para aqueles sectores directamente golpeados polas restricións sanitarias: hostalaría, turismo, etc. Neste aspecto, o caso das editoriais eríxese como un exemplo atípico, porque o dano foi de segunda man. As principais editoras de Galicia recoñecen ter pasado -se ben con certos matices- un ano malo, e orixe hai que buscala, din, no peche imposto ás librarías.
O papel das librarías é, de feito, o único factor constante no caos que supuxo o 2020 para o sector. Co aninovo aínda no retrovisor, as conclusións das principais editoriais galegas resultan borrosas: sobe o interese polo libro á vez que baixa a facturación, a compra online gaña forza, pero tamén a adquisición de proximidade… neste barullo, as editoras só se poñen de acordo no fracaso da campaña de primavera, que coincidiu cos meses do confinamento.
“Foi un parón de 3 meses”, resume Henrique Alvarellos, cabeza da editorial homónima e presidente da Asociación Galega de Editoras. Alvarellos, como a maioría do sector, decidiu aprazar as publicacións previstas para a primavera ante a evidencia de que, co peche das librarías –e os colexios–, non ían ter saída. O mesmo fixeron en Galaxia e Xerais para “non condenar á irrelevancia” a eses títulos, en palabras de Fran Alonso, director da última.
A seca que asfixiu o sector nos meses de reclusión chegaría á súa fin co verán. O desconfinamento de xullo abriu de novo as portas das librarías, e o curso de novidades literarias volveu fluír; iso si, cun caudal máis ben baixo. As presentacións, principal motor para moitos destes títulos novidosos, quedaron reducidas a actos moi puntuais. “Coas limitacións non pode haber máis de 5 ou 10 persoas, co cal é un esforzo e un risco que non paga a pena”, valora Alonso.
Aínda coas librarías a medio gas, a repunta da segunda metade do ano serviu para salvar os mobles. Dende a AGE cuantifican a baixada da facturación nun “15 ou 20%” con respecto ao anterior. As cifras son malas pero dan pé a unha sensación de alivio. “Antes do verán pensabamos que ía ser moitísimo máis grave”, explica Alvarellos. As restricións da corentena perfílanse así como o grande golpe ao sector editorial, circunstancia coa que se amosa moi crítico Afonso Ribas, director de Laiovento. “Non había razón para pechar as librarías cando os quioscos, nos que tamén vendían libros, seguían abertos”, subliña.
Non todas as editoriais galegas viviron esta épica en dous actos perfilada pola cesura do desconfinamento. As casas cun grao de especialización maior transitaron os seus propios camiños, máis proveitosos. En Hugin e Munin, selo dedicado exclusivamente a traducir obras da alta literatura estranxeira, non ocultan que 2020 foi un ano incluso bo. “Tamén tivemos esa paraxe forzada no trimestre do confinamento, pero, ao final, rematamos cunhas vendas superiores ao 2019”, explica o seu fundador Alejandro Tobar.
Parello foi o caso de Através, única empresa de Galicia que edita cunha normativa reintegracionista. No prelo da AGAL vencellan os bos resultados do ano pasado ao recoñecemento recibido por Carvalho Calero –pai das teses lusistas– no Día das Letras Galegas. “Se comparamos con 2019, os meses que seguiron á pandemia foron moito mellor que outras veces”, explica Teresa Crisanta, codirectora.
Queda claro que non todo no ano editorial da pandemia foi malo. A crise, co seu caos inherente, trouxo tamén un abano de oportunidades, que emerxeron no desorde á espera de seren aproveitadas por alguén con visión empresarial. A maior parte destas potencialidades sitúanse no mercado online, proveitoso nivel de vendas pero como escenario para novas estratexias de promoción.
Neste último aspecto destacan as iniciativas impulsadas por Xerais ou a propia Através, que están a probar sorte con presentacións en streaming. O auténtico salto, porén, produciuse no eido da facturación, en moitos casos disparada nos meses do confinamento. Hugin e Munin, que viña de estrear web “o mesmo día que nos confinaron”, logrou elevar un 400% a súa facturación online, segundo datos do seu fundador.
O incremento, se ben quizais máis suavizado, foi unha constante no conxunto do sector, de acordo con Alvarellos. Con todo, explican, o salto cuantitativo experimentado nos meses de reclusión segue a ser insuficiente para compensar a caída da actividade presencial. “A venda online e electrónica de libro galego é case testemuñal, unha cousa moi residual”, explica Francisco Castro, director de Galaxia.
Aínda que o ano 2021 –polo menos ata a ansiada inmunidade de grupo– se prevé igualmente duro, sobre as editoras galegas cae unha raiola de esperanza que abre a porta a un futuro máis proveitoso. Á parte das posibilidades achegadas polo soporte online, o conxunto de editores consultados conveñen que a pandemia, cos seus tempos mortos, obrigou a enfrontar unha reflexión colectiva da que, sinalan, a lectura sae reforzada.
“Teño a impresión de que a cultura foi unha balsa estupenda para un momento así”, reflexiona Alejandro Tobar a respecto dos días máis duros do confinamento. No sector editorial ven este “retorno ao libro”, en palabras de Alvarellos, como un dos factores que permitiron recuperar parte das cifras perdidas nos meses do verán. “Penso que o sector editorial foi o menos danado dentro do sector cultural”, destaca ao fío Afonso Ribas.
O obxectivo dos editores galegos, pois, pasar por facer desta faísca unha fogueira para non ceder o terreo conquistado nos longos e vertixinosos meses da covid. Máxime ás portas dun 2021 que se presenta como unha travesía polo deserto capaz de poñer a proba os proxectos máis sólidos. Alvarellos, presidente da AGE, pono en claro cun chamamento a todo sector: “temos que ser capaz de consolidar todo o gañado na pandemia”.”

Crowdfunding para Ana e as súas irmás, de Álex Mene

Desde a plataforma Lánzanos:
“Que?
Ana e as súas irmás xermolou coma unha homenaxe á comedia dialogada de Woody Allen. O título fai referencia á longametraxe Hannah and her sisters. Mais as intencións non sempre están en relación directa cos obxectivos acadados e, no proceso de escritura, o argumento foi transformándose de tal xeito que perdeu o diálogo e case toda a comedia.
A protagonista desta historia, Ana, naceu con espiña bífida e serios danos no ril. O libro comeza no momento en que recibe a chamada para someterse ao segundo transplante. Mentres vai camiño do hospital, a ambulancia convértese nun faro que alumea a negrura da noite e as lembranzas da protagonista. Para enfrontarse a esa batalla, Ana conta cunha arma poderosa: o amor incondicional das súas irmás.

Quen?
Do Peirao é unha editora con vontade de cambio, de publicar obras pouco convencionais pero de indudable calidade, con novas e frescas ideas como é a de empregar unha campaña prevenda para promocionar cada título cando esta aínda se atopa en proceso de edición.

Hoxe presentámosvos a Álex Mene.
Os programas de Félix Rodríguez de la Fuente abríronme os ollos ao mundo que me rodeaba. Descubrín que existían moitos máis animais dos que eu podía imaxinar. E, así, decidín o que quería ser de maior: zoólogo. Pero non deses que andan só con cans e gatos, senón dos que cazan serpes xigantes en selvas amazónicas, estudan o hábitat do lobo estepario e seguen as pegadas do oso panda até a profundidade dos bosques de bambú.
Despois, licencieime en Ciencias da Información, doutoreime en Belas Artes e non parei de escribir até hoxe. No ano 2018 publiquei o álbum ilustrado A raíña das tortas na colección Verdemar da editorial Alvarellos. Con Indómita e a semente da inmortalidade gañei o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil Muíño do Vento, libro publicado pola editorial Bululú. En 2020 obtiven o 3º premio no Certame de narracións breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira (Foto de familia). E, no ano 2021, publico Ana e as súas irmás na editorial Do Peirao.
«Ana e as súas irmás é un libro que fala da verdadeira natureza da amizade e do amor. Dese amor que damos e que se converterá no único rastro que deixamos: o legado que permanecerá tras o nosos pasos.
A protagonista vai debullando os episodios da súa vida nunha especie de conxura contra as barreiras que provoca a diferenza, desafiando calquera atranco e apostando pola ledicia.
O libro pasea polo drama que latexa en toda comedia e polo humor que agroma de toda traxedia. Ana ensínanos, a través da súa experiencia vital, en que consiste a valentía».

Por que?
E por aquí unha mostra do que atoparedes nas súas páxinas:
«Os meus pais coñecíanse de vista das festas e romarías da contorna. El traballaba dende os trece anos no matadoiro do Porriño. Tiña unha bicicleta vella que utilizaba sempre para desprazarse pola vila e, ao rematar a xornada laboral, pasaba devagar por diante da casa da miña nai. Ela, que a esa hora estaba cosendo e remendando diante do comercio, nos soportais, paraba enfeitizada ao que escoitaba o renxer da bicicleta, que seica emitía un ruído tal que máis parecía unha traca das festas ca outra cousa. Nese intre, Gloria pegaba un chimpo e saía a fume de carozo para velo pasar. Ficaba engaiolada co seu ollar cravado no del, perdida no reflexo do seus ollos. Aquel goce tan penetrante outorgaba á escena unha cadencia moi lenta mentres, pola contra, os latexos do seu corazón acelerábanse até deixala sen alento. Evaristo pedaleaba fachendoso diante da miña nai fitándoa tan intensamente que máis dunha vez estivo a piques de chocar coas columnas do soportal, comer dun bocado o capitel románico, perder os dentes e poñerlle unha accidentada fin a un idilio apenas comezado. Entrementres, a miña avoa Mercedes, e madrastra da miña nai, berráballe: “Gloria, pasa para dentro xa e ten un pouco de decencia, que non quero nin que mires para ese morto de fame”. Pero ela non era quen de deixar de facelo, de ollar para aquel cabaleiro andante que no canto de corcel tiña unha bicicleta enferruxada. Sucumbía, enfeitizada, perante a forza dos ollos negros daquel vampiro misterioso que, en troques de voar, levitaba enriba de dúas rodas que xemían por un amor mal engraxado. O mesmo ruído que tempo despois faría o primeiro aparello ortopédico co que puiden camiñar. Esas casualidades son os elos dunha cadea sonora que me acompañará ao longo da miña vida».

Ademais…
Sabemos que son tempos difíciles, tamén nós os sufrimos, e pode que non te atopes en disposición de apoiarnos co teu mecenazgo nestes momentos… pero agardamos que se esto te chegou ao alma, incluso se tal vez coñeces en persoa ao autor, trates de difundir esta campaña (facebook, twitter, blogger, boca-orella… ) para que academos a nosa meta e Álex Mene vexa publicada a sua obra.”