Arquivo da categoría: Teatro
Radiocrítica do 20-01-2014, por Armando Requeixo
Desde
o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Velaquí a primeira Radiocrítica do 2014, emitida o pasado luns día 20 de xaneiro en Ames Radio (107.2 FM). Nesta ocasión, falei con Nazaret López sobre o Desertstorm. II de Laura Luna e José María Picón (I, 2’34); a peza de teatro infantil O refugallo de Paula Carballeira (I, 7’12 e II, 0’00); a tradución do Ulises de James Joyce (II, 5’01 e III, 0’00); o ensaio Presenza dunha Ausencia de Anxo Rei Ballesteros (III, 1’41) e mais a novela A lúa da colleita de Anxos Sumai (III, 5’00).”
Poesía, teatro clásico e música en Romano, de Lino Braxe
Roi Vidal: “Non arriscar fai que moita xente acabe asociando teatro galego a humor chocalleiro”
Entrevista
de Montse Dopico a Roi Vidal en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Por que chamas Teatro a un libro de poemas que non ten moito que ver co teatro?
– Roi Vidal (RV): Pois, unha, para que me fagades esa pregunta, por xogar e por provocar unha interrogación, claro. E tamén porque son teatreiro, ademais de poeta, polo que xogo co meu mundo, co que teño máis cerca. Dábame certo morbo chamar Teatro a un libro de poesía. Pero o certo é que , segundo eu o vexo, o libro si que ten moito que ver co teatro. (…)
– MD: O Ano Vidal Bolaño favoreceu avances mais quedan cousas por facer. Que balance xeral podes facer del?
– RV: O meu balance do ano Bolaño é moi negativo. Só se fixo o obrigado, e a maioría das cousas partiron de iniciativas demasiado achegadas a RVB, como o CDG, ou as compañías Antroido e Teatro do Aquí. En xeral, a profesión non se sentiu moi identificada. A excepción de cousas como a Santa Bolaña, que saca o teatro á rúa e o mete nos bares. Algo que me gustou moito, máis que toda esa vacua parafernalia das celebracións institucionais, é o feito de que a Asociación de Veciños As Brañas de Andrés, do barrio de Vista Alegre, lle pedise ao concello de Santiago poñerlle o nome de Saxo Tenor á praciña na que está a casa onde naceu meu pai. Quero velo como un síntoma de que a sociedade, polo menos a compostelá, ao contrario do que acontece co campo cultural, si toma a Vidal Bolaño como algo propia a reivindicar. E agora que se acabaron os fastos, o camiño debe ir por aí. De abaixo arriba, que é como se constrúen os mellores edificios. (…)”
Raúl Dans: “O verdadeiramente tráxico sería deixar de intentar unha e outra vez que todo funcione”
Entrevista
de Montse Dopico a Raúl Dans no Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Como en Chegamos despois a unha terra gris, en Unha corrente salvaxe hai unha relación construída desde a mentira e un segredo que se quere agochar. Volves a vellos temas, mais algo mudou no xeito de contalos, non si?
– Raúl Dans (RD): Todos agochamos algo, todos temos segredos. Todos temos unha face escura que non queremos que ninguén vexa, que nin sequera nós queremos ver. Pero ás veces sucede que esa face oculta acaba facéndose visible. Esa é a idea de inicio de Unha corrente salvaxe. Con esta obra quixen explorar ese momento, o momento no que se ilumina a zona de sombra dun ser humano sobre o que pensabas que o sabías todo e cambia a perspectiva que adoptaras para observalo e xulgar os seus actos.
Supoño que si, que os temas son os de sempre: a forza do destino, o fracaso, a procura da felicidade… Pero aquí quería sobre todo contar unha historia que enganchase, e que todas esas reflexións e todos ese temas quedasen nun segundo plano. Sempre tento facelo así, por outra banda. Gústame que o discurso e o pensamento queden diluídos na trama, procuro ser o máis sutil que podo nese aspecto. (…)
– MD: Un mosquito de nome Henri é, contas no propio libro, unha promesa que lles fixeras ás túas fillas… hai anos. Como foi enfrontarse a unha historia para público infantil?
– RD: Non foi unha promesa exactamente. Eu nunca expresei cando eran pequenas esa vontade de escribirlles algo para elas. Pero leslles contos todas as noites e ves canto lles gustan esas historias de outros. E sentes algo de envexa. Como escritor, quererías ser ti quen enchese por completo eses momentos felices, non ter que compartilos con outra persoa, co tipo que escribiu o conto que lles estás a ler. Resulta un pouco doloroso que as túas fillas citen a Roddy Doyle e a Roald Dahl como os escritores da súa infancia, en lugar de citarte a ti. Hai uns anos presentóuseme a oportunidade de cambiar esa situación. Carlota e Ángela eran xa mozas. O caso é que unha tarde a miña filla Ángela lle puxo nome a un mosquito que andaba sobrevoando as nosas cabezas, e empezamos os tres a tirar do fío. E logo retáronme a que escribise toda a historia dese mosquito de nome Henri. Foi unha experiencia moi divertida. (…)”
A Coruña: estrea de Romano, obra de Lino Braxe, representada por Espello Cóncavo, o venres 17 e sábado 18
O
venres 17 e o sábado 18 de xaneiro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, a Compañía de teatro Espello Cóncavo estrea a obra Romano, escrita por Lino Braxe. Interveñen os actores Miguel Pernas, Xosé Vilarelle e Manuela Varela, contando nesta estrea coa colaboración de Antonio Simón, Laura Sarasola, Sabela Amado e Felipe Cotelo. A música en directo corre a cargo da trompista Alma Sarasola e a mezzosoprano Rita Gasalla.
Compostela: Implícate 2014
Roi Vidal fai balance do Ano teatral de Roberto Vidal Bolaño
Becerreá: actividades do 25 aniversario da A. C. A Pipa
Lugo: edición número 34 da revista oral O pazo das musas
O
xoves 19 de decembro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 34 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre.
Este número estará dedicado a lembrar a figura de Agustina Otero, coñecida tamén como Carolina Otero ou A Bela Otero, con motivo de cumprírense 150 anos do seu nacemento. Despois dunha nenez tráxica no seu Valga natal, Agustina conquistará o París galante de finais do s. XIX e principios do XX (o da Belle Époque) como estrela do Folies Bergère. Bailarina, cantante, actriz e cortesá; unha fermosísima muller, amante de homes influíntes (Guillermo II de Alemaña, Nicolás II de Rusia, Leopoldo II de Bélxica, Alfonso XIII de España, Eduardo VII do Reino Unido…). Foi inmensamente rica e morreu case centenaria e pobre (pois era moi afeccionada ao xogo) en Niza, onde está soterrada. Para achegarnos a unha muller tan controvertida e polémica contamos coa colaboración de Alicia Fernández, Marica Campo, Encarna Lago, Noemí López, Paula Cabaleiro e Noa Persán, que nos achegarán os seus particulares retratos da artista con poemas, semblanzas e homenaxes artísticas. Mais na revista, desta volta, recrearemos o ambiente parisino da Belle Époque e convertiremos o Refectorio nun cabaret cos decorados, músicas e personaxes de entón. Unha recreación na que renacerá a Bela Otero con todo o seu esplendor grazas ao traballo do Grupo de Teatro Palimoco e a Aula de Teatro da USC. Un espectáculo total que, en confianza, non debera deixar pasar.
SUMARIO DO NÚMERO 34
A Aula de Teatro USC-Lugo e Palimoco Teatro (coa colaboración de Yuri Sidar) presentan: A muller máis femosa do mundo.
1.- Bonsoir Mesdames et Monsieurs, bienvenues au le spectacle plus grand dun monde (5′).
2.- Benvida, por Antonio Reigosa (2’).
3.- Pola muller máis fermosa do mundo! (brinde) (1′).
4.- Unha mirada densa, por Alicia Fernández (10’).
5.- Pola vida (1’).
6.- Bela sen palabras, vídeomontaxe de Noemí López (4´).
7.- Por Agustina Carolina (13´).
8.- La Bella Otero: te espero … / al capitán Centella … , por Encarna Lago e Paula Cabaleiro (10’).
9.- Polas xoias (13’).
10.- Lectura de poemas de Alicia Fernández (A expulsada) e Marica Campo (As catro lúas de Agustina-Carolina) (6’).
11.- Non vai máis! (4’).
12.- O Poder do Abismo, vídeomontaxe de Noa Persán (3‘).


