A Rede Galega de Teatros e Auditorios achega a Narón a estrea de A carreta pantasma

Desde Agadic:
“O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres, ás 20,30 horas, a estrea de A carreta pantasma pola compañía Berrobambán dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O Padroado de Cultura naronés é unha das entidades locais asociadas a este circuíto de espectáculos da Xunta de Galicia.
A Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) encárgase da xestión desta rede, que se estende por 37 municipios de Galicia. No caso da programación desta primeira metade do ano en Narón, a Agadic e mailo concello realizan un investimento conxunto de 64.600 euros en 19 citas escénicas e musicais no Pazo da Cultura e no Auditorio Municipal.
Paula Carballeira protagoniza A carreta pantasma, un espectáculo de narración oral que forma parte, así mesmo, da carteleira do Festival Singular. A montaxe ofrece un exercicio de sinxeleza no que se procura a emoción a través do poder da palabra cun mínimo de artificios escénicos. Baseada no filme sueco do mesmo título, aborda a morte, o medo e a memoria a través de tres historias orais.
Outra das datas sinaladas na programación da Rede é o regreso de Ses a Narón, neste caso para presentar o sábado 12 de maio o seu último traballo discográfico, Readmirando a condición. Neste seu quinto disco, a bergantiñá ofrece unha canción de estrea e unha nova gravación, con arranxos e sonoridade máis potente, das once cancións do seu debut, que incluía éxitos como Tempestades de sal e Non son fada. A popular cantautora galega combina na súa música as letras de denuncia das desigualdades coas influencias do rock, o blues e os sons latinoamericanos.
Programación do semestre
A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios en Narón, que xa ofreceu oito espectáculo desde o mes de xaneiro, inclúe varias estreas teatrais recentes como A leituga (4 e 5 de maio), de Eme2, unha comedia tráxica sobre a familia e os asuntos non resoltos, protagonizada polos televisivos Antonio Durán “Morris”, Mercedes Castro, Federico Pérez, María Vázquez e Xosé Barato; e O servidor de dous amos (20 e 21 de abril), revisión que Talía Teatro fai do clásico da commedia dell’arte escrito por Carlo Goldoni. Ademais do teatro, o público naronés poderá desfrutar tamén da música de De Vacas (24 de marzo) e Treixadura (16 de xuño) ou de Outono (20 de maio), o espectáculo circense co que a compañía Pistacatro celebra o seu décimo aniversario. Tamén visitarán o Pazo da Cultura Teatro do Morcego conHouse desaforado (14 de abril) e Elefante Elegante con Patapapúm (15 de abril).”

Santiago: Escola de Escritoræs. Obradoiro de dramaturxia Textura e musculatura da escrita teatral, por Afonso Becerra

O Obradoiro de dramaturxia Textura e musculatura da escrita teatral, impartido por Afonso Becerra, cunha clase maxistral de AveLina Pérez, é unha iniciativa da Escola de Escritores da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.

Proposta
Converter a letra en movemento, encontrar o ritmo que canaliza o sentido da escrita. Traballar textos e texturas. Buscar as sensacións físicas e os efectos cognitivo-emocionais xerados pola escrita.
Exercicios sobre técnicas e metodoloxías centradas no lúdico, na configuración de situacións de acción e personaxes, na emerxencia de voces e na inscrición da oralidade, na direccionalidade das voces, nas cualidades sensoriais e atmosféricas producidas por distintos tipos de interacción verbal.
Obxectivar os criterios da beleza e do gusto respecto á escrita teatral.

Calendario e inscrición
Días: os sábados 3, 10 e 17 de marzo; 7, 14 e 21 de abril; e 5, 12, 19 e 26 de maio.
Horarios: de 11:30 a 13:30
25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
Inscrición, necesaria e gratuíta, en proxectoscultura@santiagodecompostela.gal
As prazas asignaranse por orde de solicitude.

O obradoiro desenvolverase na Sala Agustín Magán do Centro Sociocultural Santa Marta (Antonio Rama Seoane nº 6), de Santiago de Compostela.

Tabela dos libros. Marzo de 2018

Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Co primeiro luns de mes, chega a nova Tabela dos Libros que ofrece a lista de títulos que Francisco Martínez Bouzas, Inma Otero Varela, Mario Regueira, Montse Pena Presas e eu estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”

Vedra: XV Mostra de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia 2018

Manuel Lourenzo tráenos Suite Artabria

Desde Chamando á Terra, da Radio Galega:
“Un dos grandes autores do país, Manuel Lourenzo, en conversa con María Solar sobre Suite Artabria, premio Álvaro Cunqueiro. Comezamos cun cachiño do libro na voz de Pepe Carreira. A entrevista pode escoitarse aquí.”