María Peinado: “Non ten sentido unha axuda á produción se despois a compañía non ten funcións”

Entrevista de Ernesto Is a María Peinado en Erregueté:
“Teatro da Ramboia vén de acadar o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais con O meu Mundo non é deste Reino, “unha proposta de gran coherencia co universo dramático do poeta lugués”, segundo a resolución do xurado. A compañía, formada por María Peinado, Fran Lareu e Anxo García, estreará a obra no próximo mes de novembro con deseño de iluminación de Germán Gundín e técnica de Roi López. A propia María Peinado, directora da montaxe, explícanos en detalle como vai esta nova posta en escena dunha das pezas fundamentais da literatura dramática en lingua galega.
– Erregueté (E): Cal foi o punto de partida do proxecto?
– María Peinado (MP): O proxecto xorde coa vontade de continuar coa experiencia iniciada por Anxo García con Teatro da Ramboia, aló polo 2012. Persegue o obxectivo de xerar un espectáculo multidisciplinar, contrabandeando ideas e imaxes a través das fronteiras existentes entre o teatro de marionetas e outras expresións artísticas. Fran Lareu e eu mesma sumámonos ao equipo coa idea de xerar unha liña de creación que mesture a tradición e a contemporaneidade. Xa traballaramos xuntos os tres noutras ocasións e apetecíanos moito poñer en pé un novo proxecto. Queriamos partir dun autor galego e mentres buscabamos un texto dramático, anunciouse o I Certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Anxo xa coñecía a Farsa de Bululú. Encantounos e pareceunos a oportunidade e o contexto perfecto para afondar en todo o anterior.
– E: O meu Mundo non é deste Reino vai mesturar teatro actoral con monicreques. De que xeito convivirán estas dúas linguaxes na escenificación?
– MP: En realidade, a convivencia destas dúas linguaxes en escena non é algo novidoso. Son moitas as compañías de dentro e fóra do país vinculadas ao teatro de obxectos que teñen traballado isto mesmo ao longo da súa traxectoria. O meu Mundo non é deste Reino explorará os límites entre unha linguaxe e outra, tanto a nivel espacial coma interpretativo. O teatriño expándese e os manipuladores asumen distintos roles dentro da propia dramaturxia. Penso que o propio conflito actor-manipulador, lonxe de ser conflitivo, é algo que de feito ofrece moitísimos xogos escénicos. A importancia non reside tanto no como, senón en seguir a incidir no feito de que o teatro de marionetas admite perfectamente esta vertente. (…)”

Crónica videográfica da Gala do Libro Galego (I)

A Gala do Libro Galego 2019, actividade conxunta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 11 de maio de 2019, en Santiago de Compostela.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

– Entrega do Premio na categoría de Ensaio e Investigación: Común temos a patria. Biografía dos irmáns Villar Ponte, de Emílio Xosé Ínsua e Xurxo Martínez González (Edicións Xerais de Galicia).

– Entrega do Premio de Tradución: A señora Dalloway, de Virginia Woolf, por Celia Recarey Rendo (Irmás Cartoné):

– Entrega do Premio á Obra de Divulgación: Castelao na arte europea, de Siro López (Garañón Editora):

Os Premios Xerais 2019 fallaranse o sábado 7 de xuño. Nesta edición compiten un total de 92 obras

“Os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres 31 de maio. Os premios serán fallados o sábado 7 de xuño.
O xurado da XXXVI edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e no que concorren 44 obras, está formado por: Ana Belén Moreda (profesora), Carlos Feijoo (avogado), Helena Torres (xestora cultural), Nuria Vil (poeta), Ana Abelenda (xornalista) e o profesor, crítico e escritor Ramón Nicolás que actuará como secretario do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XI edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 20 obras, está formado por: Javier Balea (divulgador científico, creador de “Moléculas en galego”), María Cerdeira González (estudante de Ciencias da Educación), David Díaz Díaz (profesor de Lingua galega e literatura, coautor de “Bolboretas no bandullo”), Tensi Gesteira Estévez (responsable do blog “Lecturafilia”), Olga Nogueira (profesora de Lingua galega e literatura)  e a profesora da Facultade de Ciencias da Educación da UVigo e crítica Isabel Mociño González, que actuará como secretaria do xurado, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
O xurado da XXXIV edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e no que concorren 28 obras, está formado por: Sabela Fernández Trelles (profesora e asesora en Educación Infantil e Primaria), Sira González Rodríguez (bibliotecaria), María Jesús Iglesias García (profesora de Educación Infantil e Primaria), Ángel Iglesias Mariño (profesor e membro de Espazo Lectura), Andrés Meixide Gayoso (deseñador gráfico e ilustrador) e o crítico e escritor Miguel Vázquez Freire que actuará como secretario, en representación de Xerais, con voz e sen voto.
Os tres xurados determinarán as obras finalistas na súa primeira reunión, o venres 31 de maio, e as gañadoras, na segunda, a celebrar en xuño.
Como o pasado ano a festa de entrega dos galardóns terá lugar no mes de outubro coincidindo coa aparición dos libros editados das obras gañadoras.”