Parlamento das Letras: Manuel Núñez Singala

Entrevista de Armando Requeixo a Manuel Núñez Singala no seu blogue, Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Manuel Núñez Singala (MNS): A verdade é que non. E se os teño van cambiando ao longo do tempo. Por exemplo: hai moitos anos escribía a lapis, para poder corrixir con maior facilidade, hai xa moito tempo que uso directamente o ordenador o que me permite ter sempre un texto limpo. Normalmente escribo na casa, pero tamén aproveito o tempo en viaxes, vacacións e en lugares diversos. Podo escribir case en calquera sitio, cun mínimo de tempo e comodidade. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– MNS: Creo que lle faltan lectores. O índice de lectura en Galicia é aínda baixo en comparación coa contorna europea na que estamos, e a lectura en lingua galega máis aínda. Fáltalle tamén visibilidade; abonda con mirar os escaparates das librarías nas que con frecuencia está ausente ou recluído nun gueto. E tamén, o que ten moito que ver co exposto, un impulso institucional moito máis decidido.
Sóbralle complexo de inferioridade. (…)
– AR: ¿Cal é a túa valoración do noso presente literario?
– MNS: É incuestionable que o momento é magnífico. Nunca houbo tantos autores nin tanto recoñecemento, tantos lectores nin tantos títulos publicados, tantas bibliotecas nin tantos clubs de lectura. E todo iso malia unhas institucións que parecen empeñadas en poñer paus nas rodas a todo o sistema literario.(…)”

Morre Rosario Albán, impulsora do Centro de Estudos Galegos da Bahia

Desde Sermos Galiza:
“Rosario Albán era docente xa retirada do Instituto de Letras da Universidade Federal da Bahia, no Brasil. Foi alí onde, en 1995, fundou o Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas. Tamén ela estivo detrás do congreso Língua e inmigração na América Latina, organizado en 1996. Albán morreu esta semana.
“A Asociación Internacional de Estudos Galegos expresa o seu fondo pesar polo pasamento da profesora María del Rosario Suárez Albán”, di un comunicado, “queremos recoñecer a súa tarefa académica e a dinamización dos estudos culturais galegos no Brasil”. A asociación tamén lembra a homenaxe que, en 2015, lle rendeu a súa universidade. Celebraban os 40 anos da creación do primeiro Centro de Estudos Galegos na Bahia, antecesor do que a propia Albán puxo en marcha dúas décadas despois.
As súas investigacións inclúen ensaios como Ser galego na Bahia: onte e hoxe (1998), Os galegos baianos em Salvador (1998), A inmigración galega na Bahía (1989) ou A presença do Galego na Bahia (1989).
Galega de nación, graduada en letras vernáculas e mestre en portugués pola Universidade da Bahia -da que foi docente xa desde 1974-, a Asociación Internacional de Estudos Galegos salienta ademais “a súa dedicación constante ao fomento da Galiza no Brasil a partir tanto da actividade universitaria como da colaboración con institucións da colectividade galega”. “Desexamos que todo o seu esforzo teña continuidade polo ben da cultura e da lingua de Galiza”, conclúe.”

Comezou a XXXIV Semana de Teatro do Valadouro

Desde Erregueté:
“Onte comezou a XXXIV edición da Semana de Teatro do Valadouro coa actuación do grupo Os pícaros da Lagoa, que representou Asilo por compasión. Seis días de actuacións (do 1 ao 6 de setembro) coa participación de grupos locais de recente creación e grupos da bisbarra xa ben consolidados.
O ciclo continúará hoxe co grupo de teatro Lume Escénico, da Pontenova, coa obra O achado do castro, de Manuel Núñez Singala. Mañá, martes día 3, será a quenda do grupo Axóuxeres de Vilaronte coa peza Un divorcio no pobo, de Tito Casado. O mércores 4 será o grupo O Bordelo, de Cervo, o que represente Toluras de proveito, de Francisco Piñeiro. O xoves 5, Touporroutou, de Foz, chegará ao Valadouro con Comedia bífida, de Núñez Singala. E, para rematar, o venres 6, A Adala de Fazouro representará a obra O que armou unha zoca.
Todas as representacións son as 22:00 no salón de actos da Casa da Cultura e, como novidade este ano, a apertura da billeteira para a retirada das entradas, de balde, será ás 21:00.
A entrada é gratuíta ata completar o aforo disposto na sala.”

Salvaterra: 33 edición do Festival da Poesía no Condado

Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2019 para o 31 de agosto

O 31 de agosto finaliza a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 19:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

13:00 h. Presentación de Actrices secundarias, de Clara do Roxo, publicado pola Editorial Elvira, con Xabier Romero.
19:00 h. Concerto-presentación de Cantamos, de Luís Vallecillo, publicado por Guindastre Edicións.
20:00 h. Presentación de Soños de chicolate, de Antón Valcarce, publicado por Agrasar Editores.

5a Feira do Libro de Burela

Monforte: actos destacados da Feira do Libro 2019 para o 30 de agosto

O 30 de agosto continúa a Feira do Libro de Monforte (na Rúa do Cardeal), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 19:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Concerto-presentación de A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, publicado por Galaxia.
19:30 h. Arancha Nogueira asina O único lugar onde ficar inmóbil, publicado por Urutau e spleen en catro tempos, publicado por Toxosoutos, na caseta de Cartabón.
20:00 h. Presentación de Cotodamina, de Rafa Lobelle, publicado por Chan da Pólvora.
21:00 h. Presentación de O lugar que non hai, de Estevo Creus, publicado por Chan da Pólvora, con Antón Lopo.