Xerardo Quintiá gaña o VII Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey

Desde Sermos Galiza:
“O poemario presentado baixo o título Fornelos & Fornelos: terceira fundación, de Xerardo Quintiá, é o gañador da VII edición do premio de poesía Manuel Lueiro Rey, promovido polo Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coa colaboración da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe e Edicións Xerais.
Un total de 41 traballos presentáronse a esta sétima edición. O xurado resaltou o bo nivel dos orixinais recibidos, así como a súa diversidade tanto estilística coma temática.
O xurado estimou que o poemario gañador constrúe un “universo lírico enraizado na mellor tradición literaria occidental sen allearse das vizosas raíces do noso herdo poético”. Destacou tamén “a súa sólida arquitectura, a forza das imaxes e o celmoso do seu léxico”. (…)”

“Aínda que non sexa 17 de maio, hoxe é un Día das Letras Galegas”

Desde o Concello de Carballo:
“”Está contento, don Alfredo?” A pregunta retórica do profesor e historiador Xan Fraga á escultura do Fillo Ilustre de Carballo non precisaba resposta, pero, onde queira que estea, Alfredo Brañas seguro que contestou que si. Aínda que se lle levan dedicado moitas homenaxes, placas, un cruceiro, un instituto e unha rúa, como lembrou o alcalde, Evencio Ferrero, o acto deste venres 11 de xaneiro foi moi especial, porque conmemoramos o 160 aniversario do nacemento no noso concello do autor de El Regionalismo.
Á súa obra e á súa importancia tanto política coma literaria aludiron dun xeito reiterado os convidados á celebración, dende o propio Xan Fraga, cronista “oficioso” de Carballo, ata o presidente da Real Academia Galega, Víctor Fernández Freixanes, e o ex presidente, historiador e gran estudoso da figura de Alfredo Brañas, Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Os actos comezaron na Alcaldía cunha recepción oficial na que participaron, ademais do Padroado Alfredo Brañas en pleno, representantes dos grupos políticos da corporación municipal e os alcaldes de Malpica, Ponteceso e A Laracha. Freixanes asinou no Libro de Honra do Concello de Carballo e foi agasallado por Evencio Ferrero co noso xa representativo carballo de Sargadelos.
A continuación, a comitiva desprazouse ata a rúa Coruña. Xunto á estatua do escultor César Lombera e a casa natal de Alfredo Brañas celebrouse outro dos actos da xornada: unha ofrenda floral acompañada coa interpretación do Himno Galego por parte de antigos membros do grupo de gaitas do Centro Cultural Alfredo Brañas e un breve recitado a cargo dunha alumna e da directora do instituto que leva o seu nome.
Dende alí, e tras unha rápida visita guiada por Xan Fraga ao exterior da casa, a música acompañou a autoridades, convidados e veciñanza que se sumou á celebración ata o Casino de Carballo, escenario da interesantísima conferencia “Alfredo Brañas, unha memoria viva”.
Como apuntou o presidente da Real Academia Galega, é importante poñer en valor a figura de Alfredo Brañas, e a xornada de onte foi unha demostración da importancia que a súa figura ten para o noso concello e para Galicia. Por iso, como tamén dixo Freixanes, “aínda que non sexa 17 de maio, hoxe é un Día das Letras Galegas”.”

Compostela: actividades arredor da exposición Castelao maxistral

Na Cidade da Cultura de Galicia continúase no 2019 coas actividades que están a arroupar e dinamizar a exposición Castelao maxistral, mostra que permite contemplar por vez primeira en Galicia a A derradeira leición do mestre, lendario cadro visitado xa por máis de 20.000 persoas. Deste xeito, o 17 de xaneiro esperamos contar contigo nun programa de actividades que poñen o foco no exilio, que marcou o artista e intelectual galeguista e a tantas e tantos do seus coetáneos, xa que foi nesta circunstancia cando pintou o óleo que artella o relato da mostra.
Así, no Museo Centro Gaiás celébrase ese día, ás 20:00 horas, un concerto da Real Filharmonía de Galicia (RFG) que, baixo o título Os camiños de Castelao, ofrece un repertorio centrado nos países que percorreu na diáspora e no exilio o artista de Rianxo (máis información aquí). E previo a esta actuación, organizouse un encontro con persoas refuxiadas e exiliadas en Galicia, en colaboración con Aministía Internacional (toda a información sobre esta actividade, aquí).

Vídeos dos proxectos resultantes do Obradoiro de dramaturxia A palabra na dramaturxia posdramática, impartido por Afonso Becerra

Xa están na web da AELG os vídeos das 4 pezas dramáticas resultantes do Obradoiro de dramaturxia A palabra na dramaturxia posdramática, impartido por Afonso Becerra, proxectos colectivos de creación que se levaron a escena nunha mostra final aberta ao público que tivo lugar o 22 de decembro.
Unha iniciativa da Escola de Escritoras e Escritores da AELG co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago.

Proxecto 1. Con Raquel Castro, Carlos Labraña, Sonsoles Cordón Troncoso e Andrea Dunia Díaz Casal:

Proxecto 2. Con José Breijo Vidal (Topo), Ana Fernández Sánchez, Ana Rosa Pavón Grande:

Proxecto 3. Con Gonzalo Castro Martínez, Yelena Molina, Fiz Patiño (Xiba), Paula Sanmartín Juncal:

Proxecto 4. Con Teresa Moure, Iria Fernández Sobrado, Ismael Enrique Gil Candal: