Faleceu Xan Cejudo

Desde Erregueté (foto: Tamara de la Fuente – AAAG):
“Xan Cejudo (A Coruña, 1947), actor, director e autor teatral faleceu o 27 de setembro, segundo se acaba de saber. Cunha ampla traxectoria na escena teatral galega, a súa carreira profesional comezou a mediados da década de 1960 co grupo “O Facho”. Tras traballar con diferentes compañías, en 1984 comezou a colaborar co CDG tanto interpretando como dirixindo diferentes producións.
Cejudo facía parte da xeración de actores que puxo en pé o teatro profesional en Galicia e actuou en espectáculos do CDG, Teatro Circo, Teatro Tranco, Malbarate Teatro, Matarile ou Factoría Teatro (Tio Vania, con dirección de Cristina Domínguez, obra pola que se lle concedeu o Premio de Teatro María Casares ao mellor actor en 2006).
Cejudo actuou tamén en A noite vai coma un río (1986), O mozo que chegou de lonxe (1988), O incerto señor Don Hamlet (1991), A fiestra valdeira (1994), O Mariscal (1994), Xelmírez ou a gloria de Compostela (1999), Si o vello Simbad volvese ás illas, Rosalía (2001), Seis personaxes á procura de autor (2005), Illa Reunión (2006) ou Noite de Reis (2007).
Dirixiu máis de vinte pezas, entre elas, A Pousadeira e A Burla do Galo, Códice Clandestino -pola que recibiu o Premio Compostela ao Mellor Director-, Galimatías ou a coprodución entre o CDG e a compañía O Moucho Clerc DaVinci levaba razón.
Tamén foi profesor de teatro no Liceo Angloespañol de Madrid nos anos oitenta. No medio audiovisual producíu unha curtametraxe en 1975. Así mesmo, traballou como actor e guionista en longametraxes desde a segunda metade dos 90, e como intérprete en series de ficción da TVG a fins desta década.
Recibiu diversos premios como actor e director de teatro, entre eles, o Premio Maruxa villanueva; o Premio María Casares ao Mellor Actor por Tio Vania en 2006 e ao Mellor Actor secundario en 2008 polo seu traballo en Noite de Reis; e, en 2011, o Premio de Honra Marisa Soto.”

A Coruña: presentación de Cabalos salvaxes transparentes na noite, de Ronsel Pan

O sábado 29 de setembro, ás 20:00 horas, na Fundación Luís Seoane (Rúa San Francisco, 27), na Coruña, Ronsel Pan presenta o poemario Cabalos salvaxes transparentes na noite, publicado por Letra de autor.

A Coruña: entrega de diploma ad honorem a Pilar García Negro na XVII Asemblea da AMIT

O 28 de setembro, ás 12.30 horas, no Paraninfo da Universidade da Coruña (Rúa da Maestranza, 9), terá lugar a entrega do diploma ad honorem a Pilar García Negro, no marco da XVII Asemblea da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT).

Premios da Cultura Galega 2018

Desde a Xunta de Galicia:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convocou en 2018, mediante a orde do 3 de maio de 2018, os Premios da Cultura Galega para o ano 2018, con oito modalidades para distinguir a excelencia no traballo nos diferentes ámbitos culturais.
– Premio Cultura Galega de Letras: Xosé María Álvarez Cáccamo.
– Premio Cultura Galega de Artes Plásticas: Luz Darriba.
– Premio Cultura Galega de Artes Escénicas: Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT.
– Premio Cultura Galega de Música: A Roda.
– Premio Cultura Galega de Audiovisual: Festival de Cans.
– Premio Cultura Galega de Lingua: Antón Santamarina.
– Premio Cultura Galega de Patrimonio Cultural: O Sorriso de Daniel.
– Premio Cultura Galega de Proxección Exterior: Ramón Villares.”