Eva Mejuto: “Este premio pega o meu nome ao de Agustín e iso faime moi feliz”

Entrevista a Eva Mejuto no Diario de Pontevedra:
“”Onde caben catro é, en realidade, o lema que lle puxen á historia para participar no certame. A min gustaríame que o libro se publicase co título As aventuras de Keco e Kika“, explica Eva Mejuto (Sanxenxo, 1975). A escritora, afincada en Pontevedra, vén de gañar o VIII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade, que convocan o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), o Concello de Vilalba (Lugo) e Edicións Xerais. O xurado premiou o seu traballo “por poñer en valor os animais de compañía como parte da vida familiar”, porque o humor “ten un papel moi decisivo” e porque está escrita “con dúas voces”, as dos dous cans protagonistas alternadas, o que o converte “nun libro interesante para a educación literaria dos máis pequenos”.
– Diario de Pontevedra (DP): Que historia é a que conta en Onde caben catro?
– Eva Mejuto (EM): A de dous cans que viven en Valdepegas, un barrio moi semellante a un de Pontevedra que se chama Valdecorvos, onde vivo eu e onde pasean os meus cans. Aquí temos a dúas rapazas que son parella e viven neste barrio cun can e cunha gata. O can é un can xa vello que vive moi acomodado na casa, ata que un día chega outra cadela que vén rescatada dunha situación complicada. Entón aquí temos a voz narrativa de Keco, o can vello, que vai contando desde a súa perspectiva o que está pasando na casa, a chegada deste outro animal que lle quita o protagonismo e as ‘chuches’, e a voz narrativa de Kika, a cadela nova, que chega a este novo fogar con toda a enerxía e toda a ilusión. O libro baséase na contraposición destas dúas voces narrativas.
– DP: Vostede ten tamén dous cans, Neko e Mica. Canto deles hai nesta historia?
– EM: Pois a verdade é que case todo é real porque esta historia parte precisamente da vivencia de ter na casa estes dous animais. Evidentemente, as persoas humanizamos os cans, porque forman parte dos nosos vínculos, dos nosos afectos e, ao final, acaban tendo reaccións case de seres humanos. Si, esta historia ten moito que ver coa miña vida, co espazo no que vivo e coa miña familia humana e animal. A maiores, a min aquí había varios temas que me apetecía tratar. Un era o do maltrato animal e como lles afecta ese sufrimento ao seu comportamento. E o outro era o das redes de afectos e as familias diversas. Non é o tema central do libro, pero está aí.
– DP: Que supón recibir un premio co nome de Agustín Fernández Paz?
– EM: Para min é algo moi especial. Eu non lin a Agustín Fernández Paz de nena, porque aínda non tiña escrita a súa obra. Pero despois, xa adulta, en todo o traballo que desenvolvín dende o mundo da edición e como escritora, a súa obra estivo presente. Nun momento dado tiven a oportunidade de coñecelo de preto nunha viaxe á Feira do Libro de La Habana en 2008, cando Galicia foi país convidado. Descubrir a súa maneira de pensar, o profundo respecto que tiña pola rapazada como lectorado e a súa sensibilidade, marcoume moito. Así que, aínda que non o lin cando tocaba, si que me serviu para facerme unha composición do que debía ser a literatura infantil e xuvenil. Aprendín moito del. Un premio sempre é un apoio, sempre é un azo, pero que ademais leve o nome de Agustín faino de verdade especial. Permíteme pegar o meu nome ao seu e isto é algo que me fai moi feliz. E penso que a el tamén lle tería gustado. (…)”

Ferrol: xornada de portas abertas do Obradoiro creativo de poesía tradicional Eu cantar cantar cantei…, o 2 de novembro

O Obradoiro creativo de poesía tradicional Eu cantar cantar cantei…, impartido por Antón Cortizas Amado e cunha sesión especial con Ricardo Casás e Xurxo Souto, é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Asociación Veciñal de Canido e o Concello de Ferrol.

A poesía naceu da oralidade e da socialización, e grazas á tradición hoxe somos quen de cantar do xeito que colectivamente somos. No ano próximo o día das letras galegas estará dedicado á poesía de tradición oral; nós, que tamén somos tradición, sacaremos á luz a melodía e a beleza das palabras que levamos dentro. E farémolo convertendo o noso nome en metáfora e a nosa voz en melodía, e brincaremos coas palabras utilizando a ferramenta das nosas mans e da música que nos mergulla no humilde mar da nosa esencia.

A sesión especial, coa presenza de Richi Casás e Xurxo Souto, terá lugar o sábado 2 de novembro, de 11:00 a 13:30 h. na Biblioteca do Centro Cívico de Canido, en Ferrol (Rúa Poeta Pérez Parallé).

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.