Desde
OZOCOgz:
“Xa temos relatos gañador e finalista no VI Concurso de micro-relatos OZOCOgz.
Unha vez lidos, entregada a puntuación e feita a media correspondente da totalidade dos micro-relatos presentados a concurso polos/as membros do xurado e actuando como fedatario Eladino Cabanelas, en representación de OZOCOgz, resultaron gañador e finalista os seguintes relatos:
– 1º premio e gañador dunha camisola OZOCOgz e un vale por un xantar ou cea degustación, con produtos ecolóxicos da zona, para dúas persoas, na Taberna cultural A Arca da Noe, en Vilar de Santos – A Limia (Ourense), para o micro-relato NAS RANDEEIRAS, presentado co seudónimo MOURAZOS, baixo o que se agochaba o nome de Lucía Rodríguez.
– Finalista e gañadora dunha camisola OZOCOgz e un lote de libros doado pola Deputación de Ourense, o micro-relato A SALA, presentado co seudónimo LISA POE, baixo o que se agochaba o nome de Isabel Blanco.”
A Coruña: Gosto de vivir a poesía, recitado da obra de María Victoria Moreno
Compostela: presentación de A crueldade de abril, de Diego Ameixeiras
Escritora Galega Universal 2018: Isabel-Clara Simó
A
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans.
O Premio será entregado o día 19 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Con motivo da súa estadía, terá lugar un encontro cos medios de comunicación a sexta feira, venres, 18 de maio, a partir das 12:30 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela. Posteriormente, ese mesmo día 18, ás 19:00 horas, manterá un coloquio aberto ao público en xeral na propia Libraría, acompañada por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer e Hélia Correia.
Compostela: Gala do Libro Galego 2018, o 19 de maio
A
Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar o sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.
Con estes premios preténdese recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2017 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, xorden, en primeira instancia, das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.
Este ano os Premios da Gala do Libro Galego incorporan novidades en relación ás categorías a recoñecer: a anterior modalidade de literatura infantil e xuvenil dá lugar a dúas modalidades, e incorpóranse os premios á obra de divulgación, á banda deseñada e ao libro mellor editado.
En canto ás modalidades Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, Proxecto literario na rede e Xornalismo cultural, que, anteriormente premiaban o traballo realizado no ano previo, agora pasan a recoñecer a traxectoria de varios anos, valorándose, por tanto, a constancia ao longo do tempo nestes ámbitos.
Así pois, faise pública a relación de obras finalistas por cada modalidade dos premios.
OBRAS EDITADAS EN 2017
Ensaio e investigación
– Amada García e os seus arredores, de Bernardo Máiz Vázquez (Edicións Embora).
– Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos (Edicións Xerais de Galicia).
– Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento).
– Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama (Editorial Galaxia).
Divulgación
– Cociña galega tradicional, de Matilde Felpeto (Edicións Xerais de Galicia).
– Os nomes do terror: Galiza 1936, Xosé Álvarez Castro, Xosé Ramón Ermida Meilán; Eliseo Fernández e Xoán Carlos Garrido Couceiro (coordinadores), (Sermos Galiza).
– Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).
– Universo matemático. Das ideas e das técnicas, de Antom Labranha (Edicións Xerais de Galicia).
Narrativa
– Abadessa, oí dizer, de varias autoras (Através Editora).
– Um elefante no armário, de Teresa Moure (Através Editora).
– A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).
– O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro (Editorial Galaxia).
Infantil
– A batalla da pequena Chañan Curi Coca, de Rosa Aneiros, ilustrado por Almudena Aparicio (Edicións Xerais de Galicia).
– Bruxa e familia, de Paula Carballeira, ilustrado por Lucía Cobo (Oqueleo).
– A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).
– Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo, ilustrado por Berta Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
Xuvenil
– 22 segundos, de Eva Mejuto (Edicións Xerais de Galicia).
– Os arquivos secretos de Escarlatina, de Ledicia Costas, ilustrado por Víctor Rivas (Edicións Xerais de Galicia).
– Corredora, de María Reimóndez (Edicións Xerais de Galicia).
– Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).
Libro ilustrado
– O branco non pinta!, ilustrado por María Brenn, de Antía Otero (Apiario).
– As estrambóticas aventuras do Barón Münchhausen, ilustrado por David Pintor (Bululú Editorial).
– A horta de Simón, ilustrado por Rocío Alejandro (Kalandraka Editora).
– Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).
Libro de banda deseñada
– Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
– O Bichero (VII), de Luís Davila (autoedición).
– Fóra do mapa, de Emilio Fonseca (Deputación da Coruña).
– Licor café. 13 grolos da Nova banda deseñada galega, de varias-os autoras-es (Demo Editorial).
– Tonecho, de Xaquín Marín (Editorial Galaxia).
Iniciativa bibliográfica
– Anna Turbau. Galicia, 1975-1979, Anna Turbau (Consello da Cultura Galega).
– Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).
– Colección Biblioteca de Teatro, Chévere (Kalandraka Editora).
– Mulleres bravas da nosa historia (Urco Editora).
Tradución
– A hora de espertarmos xuntos, de Kirmen Uribe, traducido por Isaac Xubín (Edicións Xerais de Galicia).
– Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).
– O rapaz que nunca existiu, de Sjon, traducido por Elías Portela (Rinoceronte Editora).
– Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob, traducido por Samuel Solleiro (Aira Editorial).
Poesía
– Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
– Cervatos, de Lucía Novas (Kalandraka Editora).
– Culpable, de Eli Ríos (Edicións Xerais de Galicia).
– Na casa da avoa, de Marta Dacosta (Editorial Galaxia).
Teatro
– Marcha fúnebre para un monicreque, de Roi Vidal (Xunta de Galicia/Baía Edicións).
– Na butaca. Fantasía Nº 3 en Dor Maior, de Esther Carrodeguas (Editorial Galaxia).
– Río Bravo, Chévere (Kalandraka Editora).
– Suite Artabria, de Manuel Lourenzo (Edicións Xerais de Galicia).
Libro mellor editado
– Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).
– Baixo as mesmas nubes, de Elga Fernández Lamas (Edicións Embora).
– Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).
– Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).
– Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren (Kalandraka Editora).
PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS
Iniciativa cultural ou fomento da lectura
– Biblioteca Neira Vilas de Vigo.
– Chan da Pólvora (proxecto de libraría e edición).
– Clube de lectura feminista Libraría Lila de Lilith/Plataforma de Crítica Literaria A Sega.
– Viñetas desde o Atlántico.
Proxecto literario na rede
– BiosBardia, dirixida por César Lorenzo Gil, https://biosbardia.wordpress.com/
– Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, https://cadernodacritica.wordpress.com/
– Criticalia, de Armando Requeixo, http://armandorequeixo.blogaliza.org/
– Galicia Encantada. Enciclopedia de fantasía popular de Galicia, dirixida por Antonio Reigosa, https://galiciaencantada.com/
Xornalismo cultural
– Ana Romaní
– Daniel Salgado
– Montse Dopico
– Montse Pena Presas
A Coruña: crónica fotográfica do Paseo pola Coruña Literaria con Siro López
Estas son algunhas das fotografías do Paseo pola Coruña Literaria, que tivo lugar o sábado 12 de maio. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.
Convocado o 12º Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña
Padrón: entrega do Pedrón de Ouro a Carlos García Martínez, a título póstumo
Compostela: A árbore que miras, acción poética con Estevo Creus e David Creus
Versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza inauguran en Fonseca o Xardín das Pedras que Falan
Desde
o Concello de Santiago:
“O xardín de Fonseca é, dende o 14 de maio, o Xardín das Pedras que Falan, un proxecto impulsado polo escritor Suso de Toro que se converte en realidade da man do Concello e da Universidade de Santiago. A grande espiral de pedras que lle renderá homenaxe ao feito literario comezou con tres pezas que levan gravados os versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza.
A inauguración do Xardín das Pedras que Falan estivo presidida polo alcalde, Martiño Noriega, e polo reitor en funcións da USC, Juan Viaño. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira; a viúva de Seamus Heaney e a propia Luz Pozo Garza encargáronse de descubrir as primeiras pedras, en presenza do autor do proxecto, Suso de Toro, e da concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. (…)
Rosalía de Castro foi a autora elixida para a primeira pedra do “Xardín das Pedras que Falan”. O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, foi o encargado de descubrir a peza, que ten gravados os versos “Dende aquí vexo un camiño / que non sei a donde vai; / polo mismo que n’o sei / quixera o poder andar”.
A segunda pedra da espiral do xardín está asinada por Seamus Heaney. O poeta irlandés era amigo persoal de Suso de Toro, e ambos tiñan falando moito do proxecto do Xardín das Pedras que Falan. A súa viúva, Marie Heaney, foi a encargada de descubrila, para ler os versos “The dotted line my father’s ashplant made / On Sandymount Strand / Is something else tide won’t wash away”.
Luz Pozo Garza destapou a terceira das pedras do Xardín das Pedras que Falan, cos seus versos “Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz, Amor. / Vida. Morte.”
O próximo, Antonio Gamoneda
O Xardín das pedras que falan estará formado por versos ou liñas inéditas de autores e autoras, aos que se lles pedirá que se comprometan a non publicar esas palabras, cando menos en vida. Os textos irán gravados en pedras de granito que formarán unha grande espiral no xardín, partindo dunha peza inicial con versos de Rosalía. Instalaranse, de xeito progresivo, unhas 40 rochas en total. Aínda así, dende o principio vese a dimensión da obra, porque os lugares que ocuparán as pedras estarán xa sinalizados cuns discos de granito. Está previsto que a cuarta pedra sexa colocada o 4 de xuño por Antonio Gamoneda, que estará en Santiago para participar na SELIC.”













