A quinta feira 24 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), en Vigo, preséntase A Pena do Vigia, de José Alberte Corral Iglesias, publicado por Guímaro Editora. No acto, o autor estará acompañado por Carlos Garrido.
Un ano do pasamento de Xosé Neira Vilas
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Un ano do pasamento de Xosé Neira Vilas. Pode accederse ao vídeo aquí.”
Compostela: presentación de Protexer o invisible, de Xaime Toxo
O xoves 24 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Chan da Pólvora (Rúa San Pedro, 74), terá lugar a presentación do libro de narrativa Protexer o invisible, de Xaime Toxo, publicado pola Editorial Ancoradouro. No acto participan, xunto ao autor, Bieito Iglesias e Antón Sobral.
Marcos Pérez Pena: “Na prensa galega da Transición hai titulares que hoxe serían impensables”
Entrevista de Montse Dopico a Marcos Pérez Pena en Praza (foto de Xerais):
“”Malia todos os defectos que se poidan detectar na actuación dos medios galegos na Transición e todas as críticas que se lles pode e se lles debe facer, cómpre realizar un acto de recoñecemento ao labor que naqueles anos realizaron tantos profesionais, redactores, fotógrafos, impresores e directivos dos medios de comunicación. Cómpre facer, en xeral, un recoñecemento da profesión xornalística e unha reivindicación da súa función social e da súa autonomía e capacidade de influencia, que tanto parece asustar as propias empresas informativas e os grandes poderes públicos e privados. Durante a Transición houbo un número moi importante de xornalistas galegos que exerceron a súa responsabilidade social, exercendo de voceiros da cidadanía e de defensores da democracia e da xustiza fronte ás forzas reaccionarias”. O xornalista e investigador Marcos Pérez Pena remata con palabras coma estas o seu ensaio A prensa en Galicia na Transición, que vén de publicar en Xerais.
– Praza: O libro é a túa tese, supoño que adaptada. Por que escolliches o tema da prensa en Galicia na Transición?
– Marcos Pérez Pena: O libro é unha versión resumida da tese, si, con menos aparataxe teórica. Fíxenlle ademais algúns engadidos á tese, como algunhas entrevistas e unha introdución máis ampla sobre o contexto xeral. O punto de partida foi un TAD, -o que antes se chamaba Traballo Academicamente Dirixido-. Unha tesiña, que foi o inicio da tese. O meu director, Luís Álvarez Pousa, animoume a estudar esta parte da historia de Galiza e do xornalismo, que está pouco traballada. É un período que aos historiadores quédalles demasiado próximo e aos xornalistas quédalles demasiado afastado…
En España a Transición tampouco está ben estudada, pero si houbo un revival, nos 90, de libros, memorias persoais… Poden ser mellores ou peores, pero en Galicia é unha etapa moito menos estudada. Por iso tiven un dobre traballo: a análise da actuación da prensa neste período e en paralelo un labor que se cadra non me correspondía tanto, pero que había que facer para a tese, que é un relato da Transición en Galicia, da historia da Transición. O obxectivo era analizar a prensa e a súa estrutura, tan importante para explicar o presente. O dominio das grandes familias e empresas da comunicación españolas e galegas non se entende sen a Transición. (…)”
A Coruña: Simposio Manuel María, do 22 ao 24 de novembro
O Simposio Manuel María terá lugar do 22 ao 24 de novembro no Salón de actos da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11), na Coruña, con entrada libre e gratuíta ata completar aforo. A actividade está organizada pola Real Academia Galega coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
PROGRAMA
MARTES 22 NOVEMBRO
16:00 h. Inauguración.
16:30 – 17:30 h. Conferencia inaugural.
Darío Xohán Cabana | De Muiñeiro de brétemas a Advento: a progresión fulgurante.
17:30 – 19:00 h. Mesa de debate: obra poética.
Moderadora: Mercedes Queixas.
Marta Dacosta | Fixando a emoción.
Manuel López Foxo | A poesía última de Manuel María.
Rosalía Fernández Rial | Travesía até Mar Maior: contexto literario e biográfico do primeiro Manuel María.
19:00 – 19:30 h. Pausa.
19:30 – 20:30 h. Recital poético.
Entón fechei os ollos cara afora / e abrinos cara adentro.
Marica Campo | Marta Dacosta | Rosalía Fernández Rial.
Xulio López Valcárcel | Cesáreo Sánchez Iglesias.
16:30 – 17:30 h. Conferencia.
Camilo Gómez Torres | Manuel María: biografía e creación.
17:30 – 19:00 h. Mesa de debate: narrativa.
Moderador: Henrique Monteagudo.
Mercedes Queixas | A obra narrativa de Manuel María ou como contar a vida a través do río da escrita.
Carme Fernández-Pérez Sanjulián | Andando a terra ou a construción dun espazo simbólico.
Xosé Ramón Freixeiro Mato | A lingua na vida, na obra e no pensamento de Manuel María.
19:00 – 19:30 h. Pausa.
19:30 – 20:30 h. Relatorios:
Henrique Rabuñal | A historia inserida no teatro de Manuel María.
Montse Pena | Soñar sen cancelas: Manuel María e a construción dunha educación literaria en galego.
Xurxo Souto | Unha canción marabillosa, galega e panteísta.
16:30 – 18:00 h. Mesa de debate: poética e política.
Moderadora: Margarita Ledo.
Xosé Estévez | Manuel María e Euskal Herria.
Carlos Quiroga | Um poeta galego no fascínio de Portugal.
Pilar García Negro | A intervención pública de Manuel María: unha revisión.
18:00 – 19:00 h. Relatorios.
Antón Lopo | Nave espacial Xistral.
Xosé Lois García | As paisaxes identitarias na literatura de Manuel María.
Fina Casalderrey | Un muiñeiro de verbas no corazón da escola.
19:00 – 19:30 h. Pausa.
19:30 – 20:00 h. Proxección do documental Eu son fala e terra desta miña terra, de Margarita Ledo.
20:00 h. Clausura.
Antía Otero publica O cuarto das abellas
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Antía Otero publica O cuarto das abellas: ‘Quería abandonar o drama, non quería botar de menos, só quería contar que ese territorio está sendo abandonado’. Pode accederse á entrevista aquí.”
Bases do XXV Certame Literario A Pipa 2016, da Alta Montaña Luguesa
“A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá (CIF. G27441708), en colaboración coa RGT (Revista Galega de Teatro. ISSN1888-2412), convoca o XXV Certame Literario A Pipa 2016 da Alta Montaña Luguesa, nas modalidades de Dramaturxia breve, Poesía e Relato curto.
1. Temática.
O tema é libre. Non obstante valóranse positivamente as temáticas e argumentos relacionados co ámbito da Alta Montaña Luguesa en calquera das súas dimensións (territorial, social, paisaxística, cultural, antropolóxica, humana, histórica, etc. A súa riqueza léxica, a recollida ou recreación de lendas, contos, narracións, sucesos, versos, cantigas, parrafeos, diálogos e outras expresións autóctonas inéditas.)
2. Modalidades.
2.A.- DRAMATURXIA BREVE (máximo 10 páxinas. Formato documento Word ou Pdf.). Maiores de 18 anos.
2.B.- POESÍA (máximo 50 versos. Formato documento Word ou Pdf.).
CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos).
CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos).
CATEGORÍA Revista “A PIPA” para maiores de 18 anos.
2.C.- RELATO CURTO (máximo 5 páxinas por unha soa cara. Letra Times New Roman 12. Dobre espazo entre as liñas do texto. Formato documento Word ou Pdf.).
CATEGORÍA INFANTIL (Dos 8 ós 14 anos).
CATEGORÍA XUVENIL (Dos 14 ós 18 anos).
CATEGORÍA Revista “A PIPA” para maiores de 18 anos.
3. Os premios.
Para cadansúa MODALIDADE e categoría establécense 1º e 2º PREMIOS, mailos ACCÉSITS que o Xurado considere necesarios.
Cada premio consiste nunha estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e a correspondente acta ou título acreditativo.
A Asociación Cultural A PIPA DE BECERREÁ non descarta que os traballos premiados poidan ser publicados en formato dixital e/ou en soporte de papel, a través dos medios dos que dispón.
Na modalidade de DRAMATURXIA BREVE, ademais da estatuíña de cerámica de Sargadelos con placa inscrita, un lote de libros, e a correspondente acta ou título acreditativo, o premio tamén inclúe a publicación das pezas galardoadas na RGT (Revista Galega de Teatro. ISSN 1888-2412)
4. Cerimonia de Entrega de Premios.
A Entrega de Premios terá lugar o 28 de decembro de 2016 ás 19:00 h. na Casa de Cultura de Becerreá, no marco da XXV NOITE POÉTICA.
(A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá non se compromete a envíar os galardóns ás persoas premiadas. Os galardóns deberán ser recollidos polas persoas premiadas, ou por outras nas que deleguen, durante estas dúas xornadas de entrega sinaladas ou nun prazo máximo que conclúe na data de presentación dos traballos da edición seguinte deste Certame. De non ser así o agasallo outorgado á persoa premiada pasará a formar parte dos fondos da Asociación Cultural A Pipa de Becerreá.)
5. Presentación e Prazo.
5. A.- Cada participante poderá presentar un só traballo inédito por cada MODALIDADE (POESÍA, UN RELATO BREVE, UNHA DRAMATURXIA BREVE) en LINGUA GALEGA, axustándose á extensión e formato que se indican no apartado 2 destas bases.
5. B.- Os traballos deben ser enviados por correo electrónico, no que se acheguen dous documentos en formato Word ou Pdf:
Un documento co POEMA, o RELATO ou/e unha DRAMATURXIA BREVE anónimos. O título do devandito documento debe ser o mesmo que o do traballo que se presenta a concurso, por exemplo:
DRAMATURXIA. O INCERTO SEÑOR DON HAMLET
POESÍA ADULTOS / XUVENIL / INFANTIL. FOLLAS NOVAS
RELATO ADULTOS / XUVENIL / INFANTIL. Á LUS DO CANDIL
Noutro documento deberán aparecer, xunto ao título do POEMA, RELATO ou/e DRAMATURXIA BREVE, os datos da/o autor/a (nome e apelidos, data de nacemento, enderezo postal, teléfono de contacto. Tamén se pode incluír un breve currículo), indicando, ademais, a(s) MODALIDADE(S) e CATEGORÍA na que participan. Este segundo documento debe levar o mesmo título do traballo que se presenta a concurso máis a palabra “datos”. Por exemplo:
DRAMATURXIA. O INCERTO SEÑOR DON HAMLET. DATOS
POESÍA ADULTOS / XUVENIL / INFANTIL. FOLLAS NOVAS. DATOS
RELATO ADULTOS / XUVENIL / INFANTIL. Á LUS DO CANDIL. DATOS
5. C.- O prazo de admisión de correos electrónicos rematará o 15 DE DECEMBRO de 2016 ás 24 h.
5. D.- Os traballos deben enviarse ao enderezo electrónico: certameapipa@gmail.com
6. O Xurado. O Fallo.
Nas MODALIDADES DE POESÍA E RELATO BREVE, o Xurado estará composto pola Xunta Directiva da Asociación Cultural A PIPA de Becerreá, que tamén poderá convidar a algún profesional do mundo do Ensino, da Literatura e das Artes.
Na MODALIDADE DE DRAMATURXIA BREVE, o Xurado estará composto por membros do Consello de Redacción da RGT (Revista Galega de Teatro. ISSN 1888-2412) ou as persoas nas que deleguen.
A Asociación Cultural A Pipa de Becerreá (CIF. G27441708) emitirá unha acta coa resolución do Xurado.
O fallo farase público a través dos medios de comunicación, no blog de A Pipa de Becerreá, na súa páxina de Facebook, e tamén se transmitirá persoalmente ás persoas premiadas a través do correo electrónico e de chamada telefónica.”
Ingravidez, por Rosalía Fernández Rial
Xosé Luís Axeitos: “De Catro a Catro é unha homenaxe ao mundo do traballo, un poemario social”
Entrevista a Xosé Luís Axeitos en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste, rianxeiros os tres. Era esa a súa única coincidencia? Cal era a súa relación?
– Xosé Luís Axeitos (XLA): O título da palestra (‘Relacións entre os irmandiños Manuel Antonio, Dieste e Castelao‘) non o puxen eu (rí), para comezar, Dieste nin sequer militou nas Irmandades da Fala. Agora ben, o título serve para ver como nunha vila se establecen as relacións coas Irmandades da Fala, cales son as dinámicas, que son diferentes ás das cidades ou vilas grandes. Como son nunha vila como Rianxo, onde a xeración de Manuel Antonio e Rafael Dieste o contacto que ten é con Santiago. Castelao é outra cousa, era xa un home consolidado, comezaba ter unha proxección pública a través dos seus debuxos, onde xa comezaba a perfilar algo no que sería un mestre: é un dos que mellor manexa a ferramenta política comunicativa co pobo galego.
– SG: Hai unha relación, unhas ideas comúns mais tamén unhas diferenzas…
– XLA: Os tres desde as súas respectivas perspectivas entenden de forma diferente o concepto de pobo, iso é algo que os diferenza. Castelao ten unha visión máis tradicional, ve o pobo como depositario das esencias, dos valores da nación. Manuel Antonio discrepa, para el o pobo non é o depositario último da vontade da nación, non lle dá esa fe que si lle dan os da Xeración Nós. E despois está Dieste, para quen o pobo é unha mitificación, unha idealización constante. Na década dos 20 para Rafael Dieste o pobo era o pobo galego mais na década dos 30 pasa ser o pobo castelán. É un paso que deu, el cría en facer compatíbel o galeguismo co sentimento de España, algo que Manoel Antonio sempre lle reprochou. Podemos ver como nunha vila pequena se daban interpretacións diferentes, mesmo diverxentes a respecto destas cuestións. (…)
– SG: Vas publicar en breve a biografía de Manuel Antonio, que vén por o ramo á Obra Completa (Prosa, Poesía, Epistolario) que saiu nestes anos. Aínda non está todo dito sobre o rianxeiro?
– XLA: De Manuel Antonio hai moitas cousas que non sabiamos. Nesta biografía hai moitos datos, eu non tento dicir “isto é así” senón que expoño os datos para que o lector faga a súa propia interpretación. Hai elementos, como as axendas ou os seus diarios de navegación, que ao telos en conta axudan a ver Manoel Antonio desde outra dimensión. Nos diarios de navegación el anota o seu día a día a bordo e vemos que De Catro a Catro cobra unha nova dimensión, como unha homenaxe ao mundo do traballo, un poemario social. Se a Machado e os seus poemas sobre o campo castelán se inclúen na poesía social, por que non pode ser poesía social Manoel Antonio? Outra dimensión é o tempo verbal dominante nos 19 poemas dese libro, que é o tempo verbal futuro, e o futuro é o tempo do nacionalismo, o nacionalismo que non acata o presente.”
Ditame do I Certame Literario-Pedagóxico Lorenzo Varela, de Monterroso
Desde La Voz de Galicia:
“A coruñesa Cristina Souto foi a gañadora da primeira edición do certame Lorenzo Varela na súa modalidade en lingua galega. O segundo premio correspondeu ao vigués Ramón Nicolás Rodríguez, que obtivo 700 euros, e o terceiro á santiaguesa Esperanza Luz Mariño.
O xurado estivo composto por Miguel Rico, Xesús Alonso Montero, Gregorio Fente, Juan Fernando Salgado, Carlos Vázquez e Francisco Pardo.
Nesta primeira edición do certame literario presentáronse dous traballos na categoría de poesía en castelán e once na de galego.”