“Palmira G. Boullosa, in memoriam”, por Manuel Bragado
Desde
Brétemas, de Manuel Bragado:
“Soubemos da noticia do falecemento de Palmira González Boullosa o pasado 9 de febreiro e da preparación dun acto de lembranza para o vindeiro mes de maio. Mestra, escritora e lectora letraferida, Palmira foi unha das pioneiras esquecidas da Literatura Infantil e Xuvenil galega, tanto polo seu traballo como folclorista. moi atenta a recuperación da tradición oral, coma polas súas sorprendentes novelas de fantasía, na mellor tradición artúrica. Deuse a coñecer cos seus volumes de folclorista para os picariños, Adiviñas (1985), Mentiras (1986), Arrolos (1986) e ¿Quen panda? (1986), publicados por Galaxia na súa colección Tartaruga, que tanto e tanto utilizamos nas nosas clases de Preescolar de finais dos oitenta. Gañadora da segunda edición do premio Merlín pola novela A princesa Lua e o enigma de Kián (Xerais, 1988), á que seguiu Brandón, fillo de Ferreol (Xerais, 1993), traballaba devagariño en Brixit e Xenevra, co que remataría a triloxía, que bautizou de Cumiodouro.
Xaora, en Xerais lembraremos sempre a Palmira por Cando o rei por aquí pasou (1997), un libro fermosísimo (hoxe unha auténtica alfaia de bibliófilos), no que antologou os seus cadernos de folclore galego de toda unha vida e ilustrou con fermosas mariquiñas da que era coleccionista. Sabemos que deixa un extraordinario romanceiro galego inédito, que non quixo publicar, desque algún crítico dubidou da existencia do xénero na nosa lingua. Poeta serodia, en 1992 obtivo o Premio Eusebio Lorenzo Baleirón por Asoladamente, o teu nome. Comprometida sempre coa renovación pedagóxica, foi, xunto a Mari Luz Liste, fundadora do Colexio Andersen e profesora do centro até 1987, onde puxo en práctica boa parte das súas ideas educativas sobre a lectura. As súas guías de lecturas para o Nadal constituíron un modelo de colaboración do centro educativo e as familias no fomento da lectura. Mestra das pombas e das palabras, nunca esqueceremos as súas frecuentes preguntas reflexións nas nosas presentacións en Librouro ou na Casa do Libro. Lembrarémola con saudades. Con todos os abrazos para as súas fillas.”
Compostela: Poesía en Feminino
Bandeira: presentación de Nordeste, de Daniel Asorey
Bases do XVII Premio Fiz Vergara Vilariño, 2017
A Coruña: presentación de Onde ferve o amor por Galiza. Correspondencia do galeguismo do exterior con Sebastián Martínez-Risco, de Xosé Ramón Freixeiro Mato
Compostela: “A poesía é o gran milagre do mundo: voces e direccións da lírica galega actual”, conferencia de Armando Requeixo
Carballo: Faladoiro coas Guerrilleiras
Compostela: presentación de Poemas de Amor en Outono, de Toño Núñez
O
xoves 9 de marzo, ás 20:00 horas, na Chan da Pólvora (Rúa de San Pedro, 74), en Santiago de Compostela, Toño Núñez presenta o libro Poemas de Amor en Outono. Acompañarano Armando Requeixo e Nacho Alonso. Tamén recitarán os poetas Antom Laia, Ánxela Gracián, Eva Xanim, Iolanda Aldrei e Xesús Manuel Valcárcel. O cantautor Miguel Alonso dará as notas musicais.
A Coruña: presentación de Da identidade à norma, de Vítor Vaqueiro e Nicolás Xamardo
A
quinta feira 9 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Lume (Rúa Fernando Macías, 3), na Coruña, Vítor Vaqueiro presenta o libro Da identidade à norma, editado por Laiovento, da que é autor xunto con Nicolás Xamardo. No acto participa, xunto ao autor, Pilar García Negro.






