O
domingo 11 de xuño, ás 12:00 horas, no Castelo de Santo Antón, o Grupo de Teatro da A. C. Alexandre Bóveda representará Palabras de víspera e outras pezas, de Álvaro Cunqueiro, baixo a dirección de Xoán Carlos Mejuto. Trátase dun espectáculo conformado por algunhas das obras de teatro breve que nos deixou o noso grande autor mindoniense. Nela, agrúpanse tres pezas que, pola súa disparidade, nos ofrecen unha mostra da versatilidade e riqueza do seu universo creativo. Está actividade forma parte do programa Artes pola Integración.
Xusto Beramendi, Medalla Castelao 2017
Desde
Sermos Galiza:
“O Consello da Xunta aprobou a concesión destes recoñecementos, que se entregarán o vindeiro 28 de xuño, a Xosé Ramón Gayoso, Cristina Pato, o Oceanográfico de Vigo, o Grupo Nove e Xusto Beramendi, quen consagrou a súa vida académica ao estudo das ideoloxías e o nacionalismo, de feito, entre as súas obras figuran estudos sobre as figuras de Vicente Risco, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, ademais do monumental ensaio De provincia a nación: Historia do galeguismo político. Este último valeulle o Premio Nacional de Ensaio 2008. Actualmente preside a xunta rectora do Museo do Pobo Galego do que foi cofundador. Ademais, é membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco. (…)”
San Cibrao: presentación de A Relixión do mar, de Xosé Iglesias
Redondela: actos destacados na Feira do Libro para o sábado 10 e domingo 11
O
domingo 11 de xuño finaliza a Feira do Libro de Redondela (na Alameda, con horario de 12:00 a 14:00 horas e de 18:00 a 21:30 h. o sábado e domingo), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para estes días:
Sábado 10
– 18:00 h. Presentación de Pituxa, a fantástica nena da caca de ouro, de Marcos López Concepción. No acto participan, xunto ao autor, Elena Becerra García, Lidia Nokonoko e Francisco Castro.
– 19:00 h. Presentación de Historias de galegos extraordinarios, de Salvador Rodríguez, publicado por Belagua.
Domingo 11
– 13:00 h. As Maimiñas presentan o seu novo libro-cd Volta, revolta e reviravolta, publicado por Galaxia, cun concerto en directo.
Crónica videográfica da II Gala do Libro Galego (II)
A
II Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 20 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe esta intervención:
– Premio á Escritora Galega Universal: Hélia Correia:
Semana do Libro de Compostela (Selic), actos destacados do venres 9
O
venres 9 de xuño continúa a Semana do Libro de Compostela (na Praza da Quintana, con horario de 11:00 a 23:00 horas), organizado polo Concello de Santiago, cos seguintes actos literarios destacados para este día dentro do seu programa:
– 18:00 h. Tradución das clásicas ao galego, de Mary Wollstonecraft a Virginia Woolf. Celia Recarey Rendo e Antía Veres.
– 18:30 h. Recital de poesía: Charo Lopes, Lupe Gómez, Rosalía Fernández, Marga Tojo e Antía Otero.
– 19:00 h. Marilar Aleixandre presenta Alí Babá, Morxiana e os corenta usureiros, publicado en Galaxia. Intervirán, xunto á autora, Ismael Ramos e Malores Villanueva.
– 19:00 h. Presentación cruzada das novas publicacións de Isidro Novo: David Cortizo, editor de Urco, quen presentará CO2, poemario publicado por Edicións Positivas, e Francisco Macías, editor de Positivas, presentará O tabú na traslenda, publicado no selo Alcaián de Urco.
– 20:00 h. Ariel Ninas e a sanfona: recital Entre baleas, poemas de Estevo Creus: Balea2, e Eduardo Estévez: Baleas.
– 20:00 h. Inma López Silva firmará exemplares de Aqueles días en que fomos malas, publicado por Galaxia.
Xurxo Souto recupera “momentos coruñentos”
Entrevista
a Xurxo Souto en Sermos Galiza:
“(…) Este sábado 10 na libraría Berbiriana ás 12 horas e a terza feira 27 na Suévia ás 20.30 horas, Souto convida de novos aos seus lectores a descubrir unha cidade inédita para os medios de comunicación: a Coruña como unha cidade atlántica (onde sopra o vento de Nova York), enxebre e cosmopolita; como unha pedra chantada no océano; como unha cidade que naceu do mar e no mar ha ter o seu futuro. Haberá contada que rematará con música, como é habitual cando Souto se embarca nunha nova aventura.
‘Contos da Coruña é un primeiro e único manual de épica cascarilleira. Nel Xurxo Souto proclama, por exemplo, que “non é que Coruña e Vigo sexan cidades irmáns, non, é que son a mesma cidade, desde os ollos do océano son dous pontóns de recalada dun mesmo porto”. Ocorre, explica, “que na Coruña non sabemos nada de Vigo e en Vigo non saben nada da Coruña. Eu tardei moitos anos en saber onde quedaba Coruxo ou Beade ou Teis, pero descubrín que Teis era igual que os Castros, que Beade é igual que Labañou e que Coruxo é igual que a Agra do Orzán. Pero non nos dan esa oportunidade, porque hai unha incomunicación total”. E a proba definitiva disto de que A Coruña e Vigo son as mesma cidade, afirma, “é que Abel Caballero quere ser Paco Vázquez”.
“Este libro saiu da miña inadecuación entre a realidade e a imaxe da cidade, monolingüe en cstelán, e eu non sentía iso”, explica. “Entón descubrín que fóra desa imaxe tópica da Coruña monolingüe, cidade-estado á marxe do resto do país, existe outra realidade, pero quero insistir en que esa imaxe triunfou mesmona xente máis competente, nos sisudos analistas do país”.
O que vía pola rúas, insiste o escritor, “é que ademais de ser a cidade con maior número de galegofalantes de todo o país, o mapa de Galiza está no plano da Coruña: a maior parte da xente da zona dos Castros son xente que veu da parte de Lugo; a Costa da Morte está na Agra do Orzán… e logo descubrín o mundo do mar”.
“Esta é unha cidade chantada no Atlántico pero ninguén che explica nada, edúcannos como terricolas”, quéixase. “Subimos ao alto da Torre e vemos mar, pero o mariñeiro está vendo o Carpancho, os Aberrecidos, o percebeiro ve os Coitelos de Terra, os Coitelos de Mar, o Gueivouteiro… é como unha cidade invisible que está diante de nós e que hai que compartir. Iso foi o que fixemos”.”



