Marcos Abalde: “Temos o deber da rebelión, de non dominar nin deixar que nos dominen”

EntrevistaMarcos Abalde de Montse Dopico a Marcos Abalde en Praza:
“”Hai que alimentar a rebelión, a desobediencia, a insubmisión, para parar a roda do mal, da infamia”. Iso di Marcos Abalde. E diso falan os seus dous últimos libros, Exhumación (Xerais), IV Premio de Poesía Manuel Lueiro Rei, e Oenach (Espiral Maior), XIV Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Antes destes dous poemarios, coñeciámolo polas súas pezas de teatro. Mais as temáticas son as mesmas. Como erguer a fraternidade no medio da depredación. Falamos con el das dúas últimas obras e recuperamos partes dunha conversa anterior sobre a súa creación teatral.
– Praza: O xurado dixo de Oenach que era unha adaptación dun mito clásico á realidade histórica e social galega. Coma Exhumación, é un libro sobre a opresión. Como toda a túa obra.
– Marcos Abalde: A opresión, a dominación, é o tema que máis me preocupa, si. A dominación en todos os aspectos: entre pobos, linguas, clases sociais, entre homes e mulleres… Non sabería explicar moi ben as diferenzas, nese sentido, entre Oenach e Exhumación. Son as mesmas obsesións… Se cadra porque é o tema que nos urxe resolver. Non podemos caer no fatalismo de que non hai saída á explotación do home polo home. Na historia as cousas foron mudando e hai esperanza de seguir mudando a sociedade. A idea de que a fin da historia é o capitalismo liberal é unha superstición. (…)”

A Escritora na súa Terra: Helena Villar Janeiro. Rianxo, 2016. Crónica videográfica (III)

O sábado 25 de xuño tivo lugar unha nova edición de O/A Escritor/a na súa Terra, dedicada neste 2016 a Helena Villar Janeiro, en Rianxo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa do acto, da que destacamos hoxe as seguintes intervencións:

Intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG:

Laudatio: Marica Campo:

Entrega da Letra E e resposta á laudatio por Helena Villar Janeiro:

Ledicia Costas e Ramón Nicolás entran na lista de honra do IBBY

DeLedicia CostassdeRamón Nicolás Cultura Galega:
“O International Board of Books for Young People, IBBY, facía pública esta semana a lista de honra coa que, cada dous anos, esta prestixiosa organización recoñece as mellores publicacións internacionais dedicadas aos lectores máis novos. Entre os 173 libros seleccionados e todo o mundo inclúense dous nomes galegos. Por unha banda a entidade recoñeceu a obra Escarlatina, a cociñeira defunta
 de Ledicia Costas. Editada por Xerais con ilustracións de Víctor Rivas, a obra xa fora galardoada co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e co Premio Lazarillo. No apartado de recoñecementos á tradución, o IBBY recoñeceu o traballo que realizou Ramón Nicolás na versión galega o libro Bisa Bea, Bisa Bel da brasileira Ana Maria Machado que publicou Galaxia.”

Manuel María narrador, por Armando Requeixo

ArtigoArmando Requeixo 2015 de Armando Requeixo en Criticalia:
“(…) Deixando á parte as prosas infantoxuvenís e algún relato solto que publicou nos anos noventa, o groso da súa obra narrativa concéntrase nun período de vinte anos, que vai dende os comezos dos cincuenta ata os anos inmediatamente anteriores á chegada da Democracia. Neste tempo apareceron catro historias no volume colectivo Presencia de Curros y Dª Emilia (1951) ás que sumou outras tres para compor Contos en cuarto crecente (1952). Logo viñeron outros dous relatos longos dados á luz en Grial en 1965 e 1966 e, finalmente, o libro O xornaleiro e sete testemuñas máis (1971).
Na Posguerra a narrativa galega triangulou en tres vértices: a prosa realista, a fantástica e o cambio de ritmo que achegou a chamada Nova Narrativa Galega. A escrita de Manuel María responde, en maior ou menor medida, dependendo dos casos, a algunha destas tendencias. Mesmo por veces hibridou nalgún libro varias ou todas elas. Por tanto, o de Outeiro de Rei foi un narrador do seu tempo, sensible ás modulacións literarias que naquela altura se conformaron.
En síntese, poden distinguirse tres etapas no Manuel María narrador: unha primeira que iría dende os inicios en 1951 ata andados os anos sesenta; unha segunda que coincide cos comezos dos setenta e unha derradeira etapa con historias aparecidas nos noventa. (…)
En conclusión, pode afirmarse que a obra narrativa do autor é unha faceta de relevo no conxunto da súa escrita, pois ofrece unha variedade de fórmulas ben estesa na que predominan temas como o amor, o universo da infancia, a comuñón do ser humano cunha paisaxe e unha terra vitais e, ante todo, o compromiso social, adapte este os subtemas concretos do mundo da emigración, da crítica ao caciquismo ou de calquera outro abuso de poder. Canto á técnica, as preferencias pasan polo acusado lirismo, o gusto pola prosopopea e a fábula e mais o emprego do recurso epistolar. E por remate, salienta tamén o autobiografismo que percorre e informa moitas das súas historias, cheas de elementos reais ficcionados ou, por veces, reproducidos máis testemuñalmente, elementos todos que confirman o interese do Manuel María narrador.”