Mercedes Queixas: “Un pobo que acredita na súa cultura propia é un pobo con futuro de seu”

Entrevista de Yolanda NF a Mercedes Queixas en Tuplace:
“(…) – Tuplace (T): Que botas en falta por parte dos e das responsábeis polític@s en materia de promoción da literatura en galego? Que actuacións lles pedirías a medio e longo prazo?
– Mercedes Queixas (MQ): Estraño que a coñezan e, polo tanto, se orgullen e acrediten no enorme potencial da literatura galega. Non lembro ter escoitado nin visto que a lectura estea presente nos seus comunicados máis persoais, nas súas redes sociais, máis aló dos discursos oficiais programados. Se a lectura fixese parte do seu día a día convidarían a incorporala por mímese ao tempo de todas nós. Non hai como unha boa práctica para aplicar calquera teoría. É terríbel que o presidente da Xunta de Galiza non saiba mencionar correctamente o nome do poemario Cantares gallegos de Rosalía de Castro.
En absoluto se procuran acrecentar espazos de visibilidade da nosa literatura a través dos medios de comunicación de titularidade pública.
Non comprendo tampouco como non se está a desenvolver a Lei do Libro. Inexplicábel ou comprensíbel, dependendo da intención. Non son quen de comprender a importantísima mingua de compra de novidades literarias para dotar as bibliotecas públicas e permitir o acceso democrático á lectura, ao coñecemento.
Asistimos tanto en materia de lexislación cultural como lingüística, a esa concepción de seren estes ámbitos de segunda ou terceira, sobre os que se pode lexislar para atrancar o seu paso firme e imparábel. A cultura é un espazo vertebrador e cohesionador da sociedade, ao igual que a lingua de noso, mais non se está a entender así este patrimonio que nos fai ser parte singular dentro dunha colectividade multicultural e plurilingüe.
Se algún espazo cultural se pode considerar próximo a ese aínda procurado estatus de normalidade é a literatura galega, grazas a tantas creadoras que o ensancharon até chegar a todos os públicos, xéneros literarios, actualización de ferramentas e espazos de visibilidade etc. Mais non é suficiente, cómpre fidelizarmos lectorado e iso é imposíbel se o libro e a lectura non ocupa tempos e espazos de comunicación e socialización adecuados aos hábitos do presente.
En definitiva, falta moita vontade e compromiso para que a Administración galega asuma a súa responsabilidade á hora de visibilizar, apoiar, difundir e internacionalizar a literatura galega.
– T: Desde a Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega impulsades desde hai varios anos o Día de Rosalía cada 24 de febreiro (día de nacemento da nosa autora máis internacional). Como xurdiu esta fermosa idea e como ves ti, desde a Secretaría Xeral da AELG, a evolución e a acollida ao longo deste tempo?
– MQ: Sempre se recoñece Rosalía de Castro como a escritora máis popular da nosa xénese literaria. É a escritora que nos convoca a toda a sociedade. É certo e a mellor maneira de o comprobarmos foi dándolle á sociedade ideas para que a celebrase publicamente. Cumpría colocar esa data do 24 de febreiro no espazo público das nosas celebracións colectivas, como demostración de orgullo pola actitude, pensamento e obra literaria dunha autora pioneira que nos entregou todo con todo un tempo en contra.
A acollida non deixou de medrar ano tras ano desde 2010 e a memoria desta actividade, accesíbel desde a web da AELG, é espello fiel da implicación, e tamén do afecto, social, de persoas e colectivos que seguen a precisar ler e comprender Rosalía de Castro, mesmo agora en que se cumpren os 180 anos do seu nacemento. Unha obra como a súa que sobrevive ao tempo sen perder frescura só pode ser asinada por unha autora de altísima cualidade.
O feito de que a sociedade se autoorganice para celebrar este día de múltiples xeitos é unha satisfacción, mais tamén é a constatación da importancia de termos referentes que nos reconcilien ou reencontren connosco e coa nosa historia como galegas de nación. (…)
– T: Como ves a situación da cultura galega en xeral? E como profesional, da literatura en galego en particular?
– MQ: Véxoa como un espazo de resistencia proactiva, como un potencial creador e innovador con vontade de ser, un territorio común, integrador, inclusivo, que abrangue moitos territorios de expresión, desde o da evasión até o de formación do lectorado ou a configuración dunha voz social crítica baseada nos principios da xustiza e da igualdade. De sempre as escritoras e os escritores, a xente da cultura en xeral, foron voces marcadas polo seu compromiso social. Tamén agora segue a acontecer na literatura, na cultura galega, mesmo asumindo por iso censuras e vetos. Un pobo que acredita na súa cultura propia é un pobo con futuro de seu. (…)”

Victorino Pérez Prieto: “A perspectiva relixiosa desde Galiza é tolerante, aberta, antiautoritaria, coa presenza da muller…”

Entrevista a Victorino Pérez Prieto en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Como se pode desenvolver a Igrexa desde a realidade do país?
– Victorino Pérez Prieto (VPP): Levo moitos anos… máis de trinta, escribindo sobre a Igrexa galeguista; e teño escrito moitas veces que hai que distinguir entre Igrexa na Galiza e Igrexa galega. A primeira é a Igrexa universal que está en Galiza, ten os seus bispos, e desde os tempos dos Reis Católicos e da “doma e castración” maiormente veñen de fóra para impoñer aquí o xeito de fóra, e de aí a escasa afinidade co país. En cambio, a galeguista é unha Igrexa de Galiza, nacida en Galiza, defende a inculturación e interésase pola nosa realidade. Ten tamén unha historia moi rica, pero estes momentos non son os máis brillantes.
– SG: Por que cre que existe un desapego das persoas coa Igrexa?
– VPP: É un proceso que non é só galego. É a nivel mundial. As congregacións relixiosas que menos problemas de vocación teñen son as máis conservadoras. Agora temos un papa que cambiou o estilo dos dous anteriores e xerou unha gran simpatía social, pero hai toda unha reacción da Igrexa en contra incríbel. As forzas conservadoras cren que a apertura do papa vai acabar coa Igrexa, cando non é para nada así. Iría acabar coa Igrexa toda a merda da pederastia, a corrupción interna… A perspectiva relixiosa que formulamos desde Galiza é tolerante, aberta, dialogal, antiautoritaria, coa presenza da muller… (…)”

Lugo: presentación de Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo, de Xesús Alonso Montero

O xoves 23 de febreiro, ás 20:15 horas, na Librería Biblos (Rúa Salvador de Madariaga, 1), en Lugo, terá lugar a presentación do libro Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo, de Xesús Alonso Montero, publicado por Xerais. No acto acompañarán ao autor Claudio Rodríguez Fer e Manuel Bragado.

Saúda da Presidencia da AELG no acto central da AELG de celebración do Día de Rosalía de Castro 2017

Saúda da Presidencia da AELG no acto central da AELG de celebración do Día de Rosalía de Castro 2017.

“Queridas Amigas e amigos.
Representantes das institucións culturais, sociais e políticas da nosa Nación.

Vimos ao Panteón de Galegos Ilustres para honrarmos á nosa máis alta poeta ás portas do seu día, o Día de Rosalía de Castro. Vimos para a celebrar neste aniversario do seu nacemento; para reivindicar, un ano máis, un Panteón de Galegos Ilustres laico, de acceso público e que sexa o seu uso de titularidade publica.
Ano tras ano, temos que repetir esta situación, está anomalía histórica de ter que pedir permiso eclesiástico para poder acceder á tumba de Rosalía de Castro e lle traer flores, a un dos símbolos que acrisola aquilo que os galegos e galegas somos e soñamos ser; mais tamén de lle traer o noso afecto ao corpo mortal que aquí xace, humano.
Neste acto cívico de hoxe querémonos reafirmar ‑como fixemos hai sete anos ao celebrar o aniversario do traslado do seu corpo mortal a este lugar‑ na nosa condición de galegos e galegas conscientes. Hoxe apelamos con orgullo á súa figura.

Por toda a Galiza se celebran ao longo dos próximos días actos para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, ademais de propor a toda a sociedade, a todas as xentes de noso, que agasalle un libro en galego e unha flor. Na grande parte dos centros educativos celébranse actos, xa se comezaron a celebrar lecturas, concursos de videopoemas, autogravacións individuais, pequenas obras teatrais e todo o que o fermoso maxín creador que habita nos nosos escolares, coma nos anos anteriores.
Perto xa de sesenta concellos aprobaron en pleno o día de 24 de febreiro como o Día de Rosalía de Castro, e as deputacións provinciais de Lugo e a Coruña. Agardamos que pronto tamén sexa declarado polo Parlamento galego, ademais de xa formar parte do calendario do Libro e da Lectura da Consellería de Cultura.
Cada vez máis sectores da nosa sociedade se incorporan e nos convida a dicir alta e clara a mensaxe da nosa poeta nacional. Mensaxe que segue a estar vixente. A que asumiu como propia a voz das clases populares de noso, que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento liberador, como muller, como galega.

Rosalía, dende a soidade intransferible da súa experiencia poética, fai arder na súa obra a súa vida na chama da experiencia propia e colectiva de se pensar como parte do destino deste pobo, que cada día nace da ledicia e da dor.
Neste tempo de posverdade, é dicir, de enunciar sen pudor as máis obscenas mentiras para negar elementais dereitos humanos, precisamos da capacidade creadora de Rosalía de Castro. Creadora de futuro para a nosa mocidade.
A mocidade que deberá asumir os labores que nos garden da sobreexposición a procesos de asimilación cultural. Precisamos dunha mocidade que siga creando dende a súa propia contemporaneidade, asimilando e transformando en cultura galega todas as influencias da cultura universal. Para isto, a figura dunha poeta coma Rosalía de Castro é referencial e determinante, para nos mostrar o noso rostro, a imaxe non deturpada de nós propios.

Cando ollamos outros pobos, outras culturas, e como precisaron de xeracións para escribir o relato fundador da súa historia que sustentara os alicerces da súa identidade, ela, Rosalía, soia e sen arrimo, foi capaz de construír o relato fundador de todo un pobo. Deste anaco da humanidade que somos os galegos.
A obra de Rosalía de Castro fai iso: dános, aos galegos e galegas, un nome e rescátanos do anonimato da historia. Fainos visíbeis nun contexto construído por xeracións e xeracións. Intégranos como protagonistas na narración da nosa propia historia.
Celebramos que o aeroporto da capital da Galiza, leve o nome da nosa poeta nacional e felicitamos á corporación municipal do Concello de Compostela pola súa unanimidade arredor da nosa Poeta. Agardamos de todos os grupos políticos no Parlamento galego esa mesma unanimidade que ela convoca, para que demanden do Goberno galego o acceso e a apertura permanente desta casa común de todas as galegas e galegos.
Rosalía De Castro foi traída a Bonaval pola sociedade galega consciente daquel tempo, e será a conciencia do pobo galego quen a redimirá deste inhumano desterro interior.

Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Bonaval, 19 de febreiro de 2017″