Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Xerais publica O día que choveu do revés, de María Canosa e Dani Padrón. A entrevista pode verse aquí.”
Agroterror con Botana, Duncan e Rodrigues
Entrevista en Lermos.gal a David Botana, Xosé Duncan e Roberto A. Rodrigues:
“(…) – Lermos.gal (L): Xa sabemos que o número de lector*s en galego é moi reducido e que librarías, bibliotecas, crítica e demais organismos do mundo literario enfócanse principalmente nos contidos das dúas grandes editoriais… Sería unha tolería soñar cunha serie de novelas de ‘agroterror’ cando mesmo a fantasía o ten realmente difícil?
– Roberto Rodrigues (R. R.): Nada é imposible. Pero hai que ter en conta que publicar ten un prezo, económico e de tempo. Penso que para que un proxecto así saia adiante hai que lle botar moito altruísmo.
– David Botana (DB): Vender libros nesta terriña é complicado. Dígovolo eu que son fillo de libreiros, menos mal que tiñamos o As e a Superpop. Penso que primeiro vamos ter que buscar quen nos queira ler e quen o queira pagar, senón, como di Roberto, terase que escribir en plan misionero (polo do altruísmo, non polo da posición sexual… inda que…)
– Xosé Duncan (XD): Se a arte (si, o que nós facemos pode chamarse arte) ten que estar supeditada á economía… Todos temos a certeza que, agás uns poucos escollidos, non imos vivir disto de escribir e que sacrificamos o noso tempo de ocio (si, nós traballamos en outras cousas que non teñen que ver coa escrita) e martirizamos coas nosas neuras ás nosas familias é porque queremos ver o terror e a fantasía entre os xéneros que hai na literatura publicada en galego. Só espero que os nosos impulsos suicidas de escritores ignorados se contaxien a alguén máis…
– DB: Eu confío, sempre foi esta unha terra de tolos afoutos.
– L: E xa para rematar, se consideramos o rural galego algo tan ‘normal’ ou ‘habitual’ como os ermos páramos ingleses das novelas góticas, non debería ser o agroterror un elemento máis en calquera das obras de misterio escritas en galego? Ou xa o é/foi?
– DB: En parte xa o foi. Grandes autores galegos (falouse de Dieste e Fole) se teñen achegado ó rural na forma do terror, o misterio ou a fantasía. Pero o certo é que agora hai novos elementos, unha contaminación literaria distinta que está a dar cousiñas que dá gusto ler. Poida que o día de mañá ninguén se acorde, pero que risas que botamos mentres.
R.R.: Eu creo que debería, xaora, pero é que neste país as cousas non funcionan do mesmo xeito que no resto do mundo.
– XD: Pois, sinceramente, penso que, se a estas alturas da historia e da vida ás que estamos, temos que agardar a morrer ou a que pasen varias xeracións para que alguén se deteña, xa non digo a ler, a estudar o fenómeno do agroterror… Somos un país de zombies e non o sabemos. (…)”
Bases do XII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2016
Literatura de terceira época
Reportaxe de Manuel Gago en Cultura Galega:
“A vellez e a ollada retrospectiva das persoanxes é un motivo frecuente da literatura, pero nos últimos anos, co envellecemento da sociedade galega e o alongamento da vida, estamos a asistir a unha maior estensión das enfermidades nuerodexenerativas, aquelas que afectan a temas tan literarios como a memoria, a identidade ou ao sentido de lugar. Analizamos cos seus autores obras recentes sobre a aventura de ser (moi) maior.
Galicia estase volvendo anciá. A poboación do país a inicios de 2016 tira claramente cara o envellecemento. Dos máis de dous millóns setecentos mil habitantes, 680.720 superan os 60 anos mentres só 249.581 están por debaixo dos dezanove anos. A prologación do tempo de vida tamén multiplica a presenza de enfermedades neurodexenerativas, coma o alzheimer, cunha incidencia tan directa en dous temas tan literarios como a identidade e a memoria. Tras estes fríos números hai unha dura realidade social, de vidas encontradas, de responsabilidades asumidas, de procesos lentos que marchan ás persoas. E esa realidade acaba plasmándose na literatura galega.
Para Alberto Ramos, autor de Máscaras rotas para Sebastian Nell (Galaxia, 2015), na Galicia actual “todos coñecemos o que é o declive dunha persoa de moita idade. Saber da dependencia é algo que nos toca a todos, así que hai moito de observación da vida real, de xente próxima”. Ramos sitúa ao protagonista da súa última novela, un actor británico de avanzada idade que afronta unha longa entrevista biográfica encamiñada a redactar as súas memorias tras un diagnóstico de alzheimer. “A enfermidade foi o marco para permitirme facer un libro sobre a memoria”, explica Ramos. “Ese momento vainos pasar a todos máis tarde ou máis cedo. Sospeito que a case ninguén lle van saír ben as contas e, se che saen ben, iso é preocupante”, comenta irónico.
A difícil experiencia persoal no coidado de persoas maiores é determinante e cada vez máis está presente nas ambientacións que os escritores levan ás súas obras. Durante a presentación en Compostela de Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello, o escritor aludiu a como o marcou persoalmente a experiencia persoal de atender aos seus pais durante a súa vellez. Dese tránsito persoal acabou saíndo parte da ambientación da novela, onde a súa protagonista, Janis, de trinta anos, traballa atendendo a varias persoas de avanzada idade que van xogar un importante papel na sucesión da novela.
Esa relación vital plásmase tamén en A vida fóra (Galaxia, 2011), de Miguel Sande. “Está inspirado na miña propia avoa”, afirma Sande, “xa que ao igual que a personaxe de María, ela tamén estivo moitos anos nunha cadeira de rodas e os últimos anos vendo pasar os días e a vida pola fiestra”. Para Sande, “o motivo final era facer unha pequena homenaxe ás avoas, as matriarcas que sostiveron este país, aínda que a disposición era relativamente arriscada”. Para iso, situou a María, a súa personaxe, nunha cadeira de rodas no interior dunha habitación, onde transcurre físicamente toda a novela. “Podería parecer unha historia moi triste, pero en realidade non o é”, sinala o autor, quen afirma que “a señora María ten unha peculiaridade. É unha anciá con pensamento de nena. Ela xa ten demencia senil e di que lle comezaron a morrer palabras. Por exemplo, ela quere un chocolate quente antes de que lle morra a palabra chocolate e non saiba como pedilo. Así que o lector, grazas a ese toque infantil que dá a demencia, le a novela cun sorriso nos beizos.” (…)”
No cincuentenario de Victoriano Taibo, por Armando Requeixo
Desde o Criticalia, de Armando Requeixo (a foto do autor provén da Wikipedia):
“Tal día coma o 13 de marzo, hoxe, hai exactamente medio século, finaba na súa vivenda de Palencia 37, no vigués barrio de Lavadores, o compostelán Victoriano Taibo.
Os seus oitenta anos de vida déronlle para se converter nun dos poetas máis representativos das Irmandades da Fala, das que este ano celebramos o centenario e das que foi o seu secretario en Compostela. Poemarios como Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) dan fe disto. Mais Taibo foi tamén un importante membro do Seminario de Estudos Galegos (no que ingresou en 1926) e do Instituto Histórico do Minho (do que pasou formar parte en 1930).
Mestre de profesión, sufriu como nacionalista as represalias das autoridades franquistas, que o desterraron á escola valisoletana de Villalar de los Comuneros (1938-1942).
Narrador en Da agra aberta (1956) e fino ensaísta de temas lingüísticos, deixou dous poemarios inéditos que tiven a honra de editar no seu día: Abicedo. Cabrinfollas (2008).
Todo este labor a prol de Galicia tivo o seu recoñecemento coa designación como numerario da Real Academia Galega o 3 de febreiro de 1946, a proposta de Ramón Otero Pedrayo, Florentino Cuevillas, Ángel del Castillo e Eladio Rodríguez González. Na institución ingresou o 15 de outubro de 1948 coa lectura do discurso Rosalía de Castro, precursora da fala, ao que respondeu Otero Pedrayo. Esta lección maxistral tardou case un cuarto de século en ser publicada pola RAG, que a deu á luz en 1972. Hoxe pode descargarse neste enlace do web corporativo. (…)”
A Coruña: recital de Rosalía Fernández Rial e Ricardo Domeneck no Ciclo Poetas Di(n)versos
O luns
14 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio do Centro Ágora (Rúa Ágora, s/n) da Coruña, terá lugar unha nova edición do Ciclo Poetas Di(n)versos, coordinado por Yolanda Castaño e promovido pola Concellaría de Cultura da Coruña, cun recital de obra propia nun man a man de Rosalía Fernández Rial e o poeta brasileiro Ricardo Domeneck. Máis información aquí: Folleto Poetas Di(n)versos marzo 2016.
A Coruña: presentación de Un pintor que sabía o que facía, de Carlos L. Bernárdez
Pontevedra: estrea da curtametraxe A Última Moeda, de Fina Casalderrey
A Coruña: contacontos de Miguel Ángel Alonso Diz, O valente coello que quixo soñar
O sábado 12 de marzo, ás 12:30 horas, na Livraria Suévia (Rúa Vila de Negreira, 32, baixo) da Coruña, Miguel Ángel Alonso Diz contará a historia O valente coello que quixo soñar, publicada por Nova Galicia Edicións. A entrada é gratuita até completar aforamento.