Desde Sermos Galiza:
“Hoxe Lois Pereiro cumpriría 58 anos, polo que amigos en todo o mundo organizan unha serie de actos até finais de mes en homenaxe baixo o título de Cicloxénese Cultural Explosiva.
Iso inclúe un ciclo de conferencias e intervencións na Universidade de Vigo, exposicións en Monforte e nas Universidades de California (UCLA) e Connecticut (UConn), concertos en Nova York e un recital escénico na Coruña.
Os actos comezaron onte segunda feira no pavillón central da Universidade de Vigo, coa inauguración da exposición “Siluetas Furtivas: I Certame Cicloxénico de Ilustración e VideoCreación”, unha performance e estrea en España do documental Desaparecidos, de Carla Navi.
Hoxe as actividades durarán todo o día e estarán centradas na música. As Siluetas Furtivas son obras gráficas ou audiovisuais sobre a vida ou a obra do poeta monfortino que remitiron distintos artistas ata o 31 de xaneiro. Desde entón, nas redes sociais foise realizando unha votación para seleccionar as favoritas, que son as que se expoñerán na Uvigo, UCLA, Uconn e Monforte. As favoritas de público e xurado levarán premios cedidos por artistas como Antón Patiño ou Emilio Cabezas, ou por iniciativas como Curtopía, Revista Luzes e BöömDïäS. Tamén serán editadas por Astromántica Cartoneira.
En NY, os grupos musicais Fluzo e Xenderal actuarán esta fin de semana no Palisades de Brooklyn e no Silvana de Harlem baixo o título Galician Cultural Cyclogenesis. Finalmente, na Coruña, a finais de mes, Lino Braxe dirixirá un recital escénico coa participación da xeración máis nova de creadores, chamado 20 voces por L@is, en referencia a que este ano tamén se cumpre o 20 aniversario do autor homenaxeado co Día das Letras Galegas 2011.”
Vilaboa, Culleredo: tertulia sobre Arte medieval en Culleredo, con Carlos Pereira
O mércores 17 de febreiro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Xosé Cardeso Liñares de Vilaboa (Culleredo), terá lugar unha tertulia de historia a cargo de Carlos Pereira Martínez, baixo o título de Arte medieval en Culleredo. A entrada será libre para o público interesado.
Número 38 da revista Dorna
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Publícase o número 38 da revista de expresión poética Dorna. A nova completa pode escoitarse aquí.”
Manuel F. Rodríguez publica a novela A viaxe á fin do mundo
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“Manuel F. Rodríguez novela o roubo da cruz de Afonso III na obra A viaxe á fin do mundo. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Entrevista a Henrique Rabuñal
Entrevista a Henrique Rabuñal en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Henrique Rabuñal (HR): A literatura así en abstracto e non referida a ningún tempo, a ningún espazo e a ningún xénero é unha parte da experiencia humana conformada nunha montaña infinita de textos. Tal coma un milladoiro nos que os humanos depositamos desde tempos inmemoriais palabras, palabras e máis palabras. É unha montaña que pesa para quen escribe e na que podemos achar o mellor e o peor, o éxito e o fracaso, a excelencia e a vulgaridade. A literatura contén a crónica do que somos, coloca os conflitos que nos alteran e que nos aterran, explica a visión do mundo das autoras e autores, é espello de nacións e culturas, achega as vibracións máis íntimas de quen a constrúe, é unha rede moi poderosa que cose e que borda a alma da humanidade organizada en linguas, en formas, en códigos, en ciclos, en xéneros, en autores e autoras…
Para min a literatura é un camiño para expresarme e contarme en palabras, e dicir do mundo a miña versión. Unha maneira de pensar e de comunicar sensacións, ideas ou experiencias.
– P: Como entendes o processo de criação literária?
– HR: Hai unha primeira luz que se acende. Unha chamada. Algo que te reclama con tanta forza que orixina o texto en fase embrionaria. Dese embrión hai que tirar con forza e pórse a un labor artesanal coma quen amasa o barro, esculpe a madeira ou cociña unha caldeirada. Cada chamada pode desembocar nun texto. Ou non. Hai moitos textos que querían nacer e non nacen e outros que ao nacer parecen mozos feitos e dereitos. A creación ten esas dúas fases: a do traballo e a do lóstrego inicial.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, cinema, artes plásticas, etc.)? Que experiências tens nesta linha?
– HR: Cada vez máis vexo que esas relacións son máis intensas porque hai moitas interseccións, moitas confluencias. A música e a literatura teñen selos de fraternidade desde sempre e non deixaron de telos na época contemporánea. O cinema é como a casa das artes porque nel coinciden todas con porcentaxes variábeis. A palabra no cinema é moi importante. Teño traballado nalgún guión para traballos audiovisuais e resultou unha experiencia moi estimulante. As palabras daquela adquiren outra dimensión diferente á que tiñan cando eran palabras núas e espidas. Entón son palabras faladas, escoitadas, postas nun contexto que é moi difícil de controlar. (…)
– P: Como vês a literatura galega hoje?
– HR: Nas últimas décadas a produción foi tan grande que non é doado posuír unha visión de conxunto. Temos unha literatura infantil e xuvenil das mellores do mundo. Temos unha narrativa diversificada con grandes arquitectos de novelas e relatos, con grandes estilistas e con pesos pesados en todos os xéneros. Hai unha ducia de poetas de obra moi consolidada que algún día recoñeceremos como clásicos. No campo do teatro, tan particular, tamén hai autores e autoras moi pegados á escena e outros e outras máis libérrimos. Por non falar das múltiplas achegas no ensaio en todas as temáticas, do xornalismo e da moita e boa literatura galega que se espalla e que viaxa pola rede electrónica. Hai boa tradición, excelente literatura, poderosa canteira e futuro, moito futuro. (…)”
Amores literarios, por Armando Requeixo
Desde Criticalia, de Armando Requeixo:
“Velaquí a conversa sobre o amor na literatura galega que mantiven o 14 de febreiro, día de San Valentín, con Luís Iglesias para o programa A Vivir Galicia da Cadea Ser. Un pracer lembrarmos xuntos as cantigas de amigo e de amor, os poemas de Rosalía, Curros e Cabanillas, Cunqueiro, Rodríguez Fer ou López Valcárcel e os relatos, tamén amorosos, de Castelao, Ferrín, Casares, Rivas e outros.”
A Coruña: obradoiro de poesía Polisóns, con Yolanda Castaño, o sábado 27 de febreiro
Máis información aquí.
Cuestionario Proust: María Xosé Queizán
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a María Xosé Queizán:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A firmeza.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A veracidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
-Fidelidade.
4.– A súa principal eiva?
-Inflexibilidade.
5.– A súa ocupación favorita?
-Escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
-Ter con quen conversar en temas coincidentes, con sentido de humor.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-Deixar de pensar. Se non penso, quero morrer.
8.– Que lle gustaría ser?
-O que son.
9.– En que país desexaría vivir?
-No que vivo. Tendo oportunidade de coñecer outros. Teño as raíces nesta terra pero son aéreas.
10.– A súa cor favorita?
-Todas. Depende para que. Para vestir, o negro ten múltiples referencias: a beleza e elegancia da miña nai viúva. O existencialismo da xuventude.
11.– A flor que máis lle gusta?
–L’important c’est la rose, non o dubido, pero admiro ás invernais, arriscadas e efémeras: a camelia, a magnolia nigra, a mimosa. Para a casa, o aroma dos nardos, máxima exaltación ao regresar á noite.
12.– O paxaro que prefire?
-A pega. A única que se arriscou polo oco de ventilación para que a atopase de mañá ao coller o tarro de azucre na despensa.
13.– A súa devoción na prosa?
-Non son propensa a devocións. Pero, necesito crimes para durmir. Na mesiña de noite sempre teño novelas de suspense, investigación e intriga. A realidade social, desaparecidos os Balzacs, está nesta literatura.
14.– E na poesía?
-Considéroa un xénero serio. Necesita un pensamento e unha estrutura previa. O azar xoga o seu papel e ás veces a gaita soa por casualidade.
15.– Un libro?
–O azar e a necesidade de Jacques Monaud, a principios dos anos 70.
16.– Un heroe de ficción?
-O Quixote.
17.– Unha heroína?
-A ama de casa.
18.– A súa música favorita?
-O jazz. A música afroamericana.
19.– Na pintura?
-Creación, orixinalidade con liñas, cores, texturas,
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Rosa Luxemburgo.
21.– O seu nome favorito?
-Soan ben os rematados en –l ou –r. Samuel, Leonor…
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A indolencia.
23.– O que máis odia?
-Non odio.
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Aquelas que fan o mal mediante intermediarios.
25.– Un feito militar que admire?
-Organización.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Memoria.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Non quero morrer. De ser preciso, por algo positivo.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-A disposición para emprender unha acción.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-A inconsciencia. Dos físicos, todos.
30.– Un lema na súa vida?
-Comunicar, transmitir, transgredir.”
O deserto é infinito, por Susana Sánchez Arins
Desde A Sega:
“(…) O deserto [de María do Cebreiro] fala-nos da tronçadura sem marca, dos golpes sem hematoma à vista que destroem o mundo. Fala das catástrofes apagadas, como onda que desaparece os castelos na praia, chuva que dissipa as pegadas dos nossos passos, lava que calcina quanto vivemos.
E ao tempo, o deserto [re]constrói. Porque uma palavra escrita chegará para salvar-nos. Entrar no deserto é voltar à casa, recolher-se no íntimo. Sentir que o que acontece baixo a súa pel é o que acontece baixo a pel do mundo. E encontrar o coração, esse cadelinho adestrado, sabendo que não foi aniquilado, que sobreviveu à cirurgia e ao post-operatório.
E atravessamos o deserto e pechamos a última duna, ou página, não sabemos, e duvidamos. Lemos a crônica de um retiro, o livro do desamor, a descoberta da paixão, ou todas essas cousas: a forma mais brutal da plenitude.
Eu, leitora indigna, fago como aquelas personagens do filme, e lendo os versos d’O deserto, o conto dos cervos que são água, o Deucalião do casal que abrolha pedras, vejo os corpos sepultados polo Vesúbio. Restituo os vínculos, todos, entre as palavras. (…)”
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebrou este sábado 13 de febreiro a súa asemblea xeral
(A Coruña, 13 de febreiro de 2016) A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebrou na mañá de hoxe sábado a súa Asemblea Xeral de socios/as, que acordou outorgar a Dolores Macías Pose, e a Mini e Mero os Premios Mestres/as da Memoria 2016, galardóns que se entregarán na I Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria a celebrar en Lugo o 19 de marzo; tamén o nome do Escritor/a Galego/a Universal 2016, distinción que se recollerá Pere Gimferrer na I Gala do Libro Galego que terá lugar o 14 de maio na cidade de Santiago de Compostela. Así mesmo, acordouse que Helena Villar Janeiro sexa a próxima “Escritora na súa Terra – Letra E” e, por tanto, quen reciba unha homenaxe que este ano chega á súa vixésimo segunda edición; será no mes de xuño no Concello de Rianxo.
Aprobouse o programa de actividades para o ano, que inclúe como a máis próxima a celebración do vindeiro Día de Rosalía de Castro (anexamos o deseño base feito por Pepe Barro para difundir os actos que se desenvolverán por todo o país). O programa aposta por continuar con actividades de traxectoria xa asentada e de alcance social como son os paseos literarios ou os obradoiros da Escola de Escritoras e Escritores; tamén a organización ou corganización de xornadas de formación dirixidas ao estudo das diferentes formas de crear literatura contemporánea desde os espazos de formación de novos formadores/educadores/mediadores da lectura. Tamén se reforza o proxecto coordinado pola Sección de Literatura de Tradición Oral coa celebración dunha Gala dos Premios Mestres e Mestras da Memoria e a través da celebración de novas polafías e dunha nova edición, a novena, da Xornada de literatura de tradición oral. Asemade, a visibilidade da escritora e do escritor a través da web continuará a ser un eixo central da actuación da entidade co enriquecemento do espazo común e mais de cada páxina individual con que cada Socia/o conta no Centro de Documentación da web da AELG.
Tamén se acordou a incorporación de tres novas vogalías ao Consello Directivo da AELG, as de Ledicia Costas por Vigo, Ramiro Torres como responsábel de comunicación, e mais Afonso Becerra como vogal de literatura dramática.
Anunciouse a creación dunha Sección de Literatura Dramática e confirmouse a participación activa da AELG na plataforma Seguir creando.