Veu visitarnos… Cristina Corral Soilán

EntrevistaCristina Corral Soilán a Cristina Corral Soilán en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que a levaron a escribir?
– Cristina Corral Soilán (CCS): Coido que concentro dúas características que temos @s poetas, son unha persoa sensible e que ten o fondo desexo constante de comunicar co exterior. As lecturas foron e son a semente, pero as ganas de expresar o que se sinte son o lume que dá a candela.
Cando fago obradoiros poéticos con crianzas e adolescente sempre represento a poesía como unha ola grande de caldo (galego!) onde hai unha serie de ingredientes que se cociñan a lume moi lento, dentro dos ingredientes da ola sempre hai unha boa presa de sentimentos, e que non falten nunca… iso é que nos mantén vivos, sentir.
– FL: E a dirixir esa escrita cara ó público infantil?
– CCS: Na miña casa sempre me contaron moitos contos cando era nena. Pedía, como se piden as cancións na gramola e meu pai abría a súa caixa mental e de aí saían os seres imaxinarios que me arrolaban antes de durmir. Cando eu comecei a escribir fíxeno para adultos, pero pola miña profesión última (son profesora) o contacto cos colexios e os institutos levoume a ver o pouco que se agarimaba nalgúns plans de estudos a poesía. Contar en verso pareceume un bo xeito de animar aos máis novos a achegarse a ela, porque non coñezo a ningún/unha nena que non deveza por escoitar unha historia.
– FL: Que é o que busca transmitir coa súa literatura?
– CCS: Na literatura infantil e xuvenil sobre todo ganas de ler, e valores, eses que tan escasos andan ultimamente e que nunca están de máis na cabeciña e no corazón d@s máis cativ@s.
Na literatura para adultos sentimentos, que tampouco sobran nada. (…)
– FL: Que significa para vostede o oficio de escritora?
– CCS: Significa poder contarlle ao mundo como se ve a vida dende a miña perspectiva, un luxazo coma poucos.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este labor?
– CCS: Que son das que prende en canta silveira hai. Ando sempre metida en mil proxectos o que me impide moitas veces sentarme e coller o lapis. Levo tempo dándolle voltas a unha novela xuvenil, pero non chega o momento en que sentar a escribir…
– FL: Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?
– CCS: O mellor: o contacto coa xente nova, tanto coas crianza como coa xente adolescente, teñen tanto que ofrecer…
O peor: a invasión dos contos prefabricados (tipo Disney) que fan que grandes propostas non acaden os resultados que deberían pola súa calidade e no caso da xuvenil a negativa inicial ao achegamento a literatura. Tampouco é doado atopar editor/a sempre, as institucións que deberían apoiar á industria editorial seica andan enredadas con asuntos máis importantes que a cultura e a educación… xa ve vostede como anda o mundo! (…)”

Xabier P. DoCampo, Pedro Feijoo, Inma López Silva, Manuel Lourenzo González e María Reimóndez en inglés

Desde Tendencias Galicia Confidencial:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amplía o portal web da literatura galega en inglés con cinco novos escritores e escritoras, a través de fragmentos traducidos das súas obras máis representativas, que se complementan con información biográfica e a sinopse do libro.
Co obxectivo de seguir promovendo a proxección internacional das letras galegas a través da rede, o Portico of Galician Literature incorpora unha mostra en inglés de obras de Xabier P. DoCampo, de Pedro Feijoo, de Inma López Silva, de Manuel Lourenzo González e de María Reimóndez. Cada escritor e escritora conta cunha foto e biografía en inglés, xunto cunha sinopse das obras O libro das viaxes imaxinarias, Os fillos do mar, Memoria de cidades sen luz, Atl e Pirata, e mais a tradución de 40 páxinas de cada un destes libros. (…)”

O libro Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandaría galega contemporánea, de Diego Conde Gómez, recibe o Premio Jesús García Calvo

DesdeJuan Rof Codina Xerais:
“O libro Juan Rof Codina. Renovación na veterinaria e gandaría galega contemporánea, de Diego Conde Gómez, publicado por Xerais o pasado mes de maio, acaba de recibir, a mans do seu autor, o Premio Jesús García Calvo, convocado polo Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC e a Fundación Feiraco a fin de recoñecer investigacións que contribúan ao coñecemento e ao desenvolvemento do medio rural e o cooperativismo en Galicia. Reproducimos a páxina do xornal da USC na que se dá conta da boa nova. (…)”

Fina Casalderrey: “A auténtica literatura infantil admite lecturas diferentes a distintas idades”

EntrevistaFina Casalderrey a Fina Casalderrey na Real Academia Galega:
“(…) – Real Academia Galega (RAG): Ten aínda que reivindicar a literatura infantil e xuvenil que non é un xénero menor? Persisten os prexuízos?
– Fina Casalderrey (FC): Andouse moito, pero si, aínda quedan moitos prexuízos. “Eu hai tempo que pasei de ler certas lecturas”, escoitei a algunha persoa con formación universitaria que reivindicaba así a súa “egrexia” formación cultural, referíndose á LIX. Pois non sabe o que perde! Eu sempre digo que para escribir cousas boas que, ademais, gusten á infancia hai que ser un experto comedor de nécoras: quedarmos coa carne rica (pouquiña) e as cascas, todas fóra. (…)
– RAG: O público infantil e xuvenil actual intégrano persoas nativas dixitais que viven nun mundo moito máis audiovisual. Ten que cambiar a LIX para adaptarse a esa realidade?
– FC: Esa parte técnica tan interesante, e asemade tan complexa para min, afecta máis as editoriais, as librerías, as bibliotecas, os centros de ensino… que o propio creador. Eu invento a historia, o soporte no que se presenta ao lector ou lectora é o que parece variar á velocidade de vertixe na actualidade. Seguimos a rescatar vellas historias para presentalas en novas linguaxes. Non sei o que vai acontecer no futuro, quizais estes momentos convulsos, de incertezas, rematen por calmarse e aprendamos a atopar un equilibrio que non nos converta en escravos rendidos como autómatas ante todo o que teña que ver con botóns e pantallas. Preocúpanme esas rapazas, eses rapaces que presumen de ter milleiros de amigos cibernéticos e perdan o verdadeiro concepto da amizade, poño por caso. Conste que benditas novas tecnoloxías!, mais tamén, bendito sentidiño para que saibamos utilizalas para o noso benestar persoal e colectivo.
– RAG: Ten daquela a LIX futuro?
– FC: A literatura existiu dende que existe o ser humano, e a LIX é literatura, e seguirá existindo nas novas xeracións. E diría máis, con tantas tecnoloxías estupendas, aínda non se descubriu ningunha que seduza máis un neno que a da voz humana contando unha historia con ganas de a contar. Ás veces sinto mágoa, quizais nostalxia de muller maior, cando unha nai presume de que o seu bebé de quince mesiños xa toca na pantalla electrónica dun destes novos aparatos cunha enorme habilidade, coma se iso non o fixesen todos se lles brindamos a oportunidade! E, ao mellor, aínda nunca lle contou un conto, ou lle ensinou onde nace unha flor, ou onde canta un paxaro. (…)
– RAG: Quen escribe tamén ten unha responsabilidade. Cal pensa que é cando falamos dun público de poucos anos?
– FC: Escribir fermosas historias e contalas con arte, con arte literaria. Non todo o que se escribe para nenos é literatura, non todo o que lles gusta ler é literatura, nin sequera ten por que ser malo que o lean, pero literatura infantil, a auténtica literatura infantil, admite lecturas diferentes a distintas idades, e segundo as experiencias de cada quen. Unha soa frase pode conter o mundo enteiro. Velaí a súa maxia. Dicíame Neira Vilas no seu derradeiro correo: “Moitos autores de adultos intentaron escribir para nenos e non foron capaces”. (…)”