Entrevista
de Montse Dopico a Eva Veiga en Praza:
“(…) – Praza (P): Publicaches Silencio percutido e Soño e vértice moi seguidos, e moi perto tamén de A distancia de tambor. Foras escribíndoos ao mesmo tempo?
– Eva Veiga (EV): Ás veces escribo varios á vez, si, pero neste caso foi primeiro Soño e vértice e despois Silencio percutido, que o escribín xa en Málaga, onde estou esta temporada por motivos de saúde. Foi nun período de moitos silencios: estaba aquí soa, nun tempo íntimo. Pero si creo que Silencio percutido e Soño e vértice teñen moito que ver.
– P: En que sentido?
– EV: É como se Silencio percutido só puidese vir de aí, do libro anterior. Aínda que, en realidade, case todos os libros veñen do anterior. É como se foses desvestindo peles. Sempre quitas a última pel. Ademais, para min, a poesía é unha procura que penso que se manifesta neste libro máis que nos anteriores: a procura do silencio, da verdade, se esta é dicible. A verdade da poesía non pode ser unha verdade absoluta porque a poesía é un territorio libertario que traballa co prisma da palabra, no que podemos ver todos os lados do sentido. A poesía, para min, é paradoxo sempre. (…)
– P: Luz e sangue son símbolos moi presentes na túa poesía. Que papel xogan aquí?
– EV: A luz é un dos símbolos que sempre me acompañan, porque me permite non tanto ver, senón apalpar. A luz que apalpamos é a da escuridade: non hai outra. Pero cando tocamos algo, cando algo se nos revela, é o máis grande que existe. Iso é o que amo da poesía, de ler poesía: algo que se revela, que se abre, que é luz. É un momento que che fai medrar, algo que se abre e brota. A poesía ábreche outras dimensións de ti.
– P: Falabas antes de vida e morte. Tamén son fundamentais na túa poesía.
– EV: Amor, morte… son experiencias que nos poñen contra as cordas, que nos sacan de nós, que nos poñen noutro sitio. Esas experiencias están, claro, na miña escrita, e tento comunicalas. A luz é tamén iso, revelación do coñecemento. Que non é o coñecemento da razón, porque a poesía é o difícil equilibrio entre a razón e a emoción. A emoción é o ritmo do corazón. Non hai poema sen ritmo, sen o ritmo do corazón, sen algo que traballa máis agochado da razón pero sen poder desprenderse dela. E a imaxinación fai de intermediaria entre as dúas.
Preguntabas antes tamén polo sangue. O sangue é un elemento especialmente humano, trasunto simbólico do río. O río e o sangue operan de xeito semellante. Eu nacín en Ombre, onde o río me pasaba baixo os pés, moi perto da casa. E iso supuxo a aprendizaxe dunha imaxe simbólica: vin o río darse ao mar, aprendín alí de Heráclito antes de ler libros sobre el… É normal, tamén, que o sangue estea tanto na miña poesía porque eu estou transplantada de médula e iso foi a experiencia interna máis profunda da miña vida. Cando tes leucemia aprendes que no sangue está todo. É o río que nos leva, que nos trae a memoria, e non só a propia. É a memoria primeira, a memoria dos primeiros movementos. (…)”
Bases do 26º Certame de narracións breves Manuel Murguía de Arteixo
A Estrada: presentación de Así aprenderán a non ter ideas, de Calros Solla
Intervención da Asociación Galega de Editoras nas xornadas de debate no Parlamento Europeo
Ponteareas: presentación de Aqueles días en que eramos malas, de Inma López Silva
Vigo homenaxea ao poeta Francisco Cortegoso
Gondomar: entrega do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo a Xosé Iglesias
Desde
o IEM:
“O xurado do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, formado polos profesores e escritores Xulián Maure, Gonzalo Navaza, Marta Dacosta, Iñaki Varela e Miguel Anxo Mouriño, acordou concederlle o galardón ao poeta de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado A relixión do mar. Trátase dun libro que, sen abandonar a linguaxe poética, constitúe un auténtico tratado sobre a vida en e relacionada co mar. Desfilan por estas páxinas aparellos, artes de pesca, coñecementos de navegación, embarcacións, carpintería de ribeira, lugares, sucesos e un grande etcétera que o autor aproveita habilmente rebordando a súa intención didáctica e presentándonos, a través de imaxes ricas e suxestivas, un proxecto de vida na que cicela a súa propia identidade. Versos con recendo a marusía que evidencian coñecemento profundo e vivencia delongada do mundo mariño nesta “homenaxe á fe infinita que teñen os nosos mariñeiros por este anaco de océano. Unha fe a se representar en distintos rituais que van converxendo ao longo da costa e do tempo”, en palabras do autor. O premio está dotado con 3000€ e unha peza escultórica da autoría de Fino Lorenzo. O acto de entrega, conducido por Marta Dacosta, terá lugar o próximo sábado día 10 de decembro ás 19:30 horas no auditorio municipal Lois Tobío, co seguinte programa:
– A banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, abre o acto.
– Marta Dacosta fai unha breve lembranza da figura de Victoriano Taibo e recorda tamén a recente publicación da súa obra inédita Contos pequenos.
– O CEP Neira Vilas, de Peitieiros, interpreta dous destes contos.
– Xosé Lois Vilar fará un breve comentario sobre o libro premiado.
– O autor recibe o galardón da man do alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, e recita algúns poemas da súa obra.
– Actuación da banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns.
– Despois da quenda de agradecementos clausurará o acto o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.
– Á saída, no vestíbulo, estará agardando un albaroque de confraternización durante o cal o autor asinará libros para quen o desexe.”
Mondoñedo: relatorio de Xulio Pardo de Neyra sobre Pero Pardo de Cela
O
sábado 10 de decembro, ás 17:00 horas, no Centro Comarcal de A Mariña Central (Rúa Julia Pardo-Montenegro, s/n), en Mondoñedo, Xulio Pardo de Neyra impartirá o relatorio Pero Pardo de Cela, Mariscal de Castela: O Home e o Símbolo. Percurso pola entidade nacionalista dunha idealización, acto organizado pola Assembleia Nacional Galega.
ProLingua denuncia que a SXPL vai pagar un concurso no que o galego poderá estar ausente
Desde
ProLingua:
“A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) asinou un convenio coa Orden del Camino de Santiago para custear un premio de 12.000 € máis a edición dun libro nun certame anual de novela de temática xacobea. Anunciouse que nas bases da convocatoria se indicará que o galego só será optativo, polo que poderá resultar gañadora dun premio dotado con cartos para o galego unha novela en castelán.
A SXPL é o órgano da Xunta encargado da promoción do galego e de planificar e poñer en marcha as políticas relativas á lingua galega e a súa razón de ser reside no desenvolvemento de medidas normalizadoras para o galego.
Supoñamos que alguén pretendense que a SXPL lle subvencionase un proxecto para, poñamos por caso, a protección do Geomaculacus maculosus (un tipo de lesma) nas Fragas do Eume. Pensariamos, con razón, que esa persoa non rexe ben porque a conservación dos moluscos non entra dentro das competencias asignadas á SXPL. Se, así e todo, a SXPL subvencionase este proxecto, estaría cometendo unha fraude por desviar a outros fins partidas orzamentarias que debían destinarse a medidas normalizadoras da lingua galega.
O caso que denunciamos é moito peor que este suposto. Non se trata xa de que o que se vaia subvencionar non teña nada que ver coa promoción do galego, senón que vai na súa contra. Se ademais atendemos ao contexto en que se produce esta agresión, veremos multiplicada a súa gravidade.
Os orzamentos para a política lingüística reducíronse nun 70% e levan neste nivel seis anos. Secasí, recortáronse nesta mesma proporción as partidas para os ENDL dos centros de ensino; os programas de axuda aos SNL dos concellos foron aniquilados; practicóuselle a eutanasia aos Celga etc. Se do cada vez máis cativeiro orzamento para a SXPL desbotamos os gastos de mantemento, só nos quedarán para investir en accións normalizadoras unha media 0,73 € por persoa. Un insulto. Pero aínda por riba, estes miserentos céntimos son empregados agora en poñer en funcionamento un concurso no que a lingua galega vai brillar por ser un adorno prescindible. Sería preferible que destinasen eses cartos á cría da lesma nas Fragas do Eume.
ProLingua, 7 de decembro do 2016″
Zé Paredes: “Se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe”
Entrevista
de Montse Dopico a Zé Paredes en Praza:
“A Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA, celebra do 8 ao 10 de decembro “a primeira iniciativa pública fraguada nos estaleiros da nosa incipiente asociación”, as xornadas sobre dramaturxia galega Dramaturxente. “É chegado o momento de mapear o territorio da creación dramática no noso país, de tentar diagnósticos xenuínos e partillar rotas, trilladas ou por trillar, e de asumir, en fin, unha tarefa colectiva. A de botar ao mar a nave común das autoras e autores dramáticos da Galiza. E para iso, queremos apelar á vosa viva curiosidade e convidarvos para nos acompañar nesta primeira singradura do noso navío”, explica este colectivo na súa web. As xornadas celébranse no Salón Teatro, en Santiago de Compostela, contando coa intervención inaugural de Manuel Lourenzo. Falamos con Zé Paredes, membro da asociación. (…)
– Praza: Porque é bastante difícil publicar teatro no formato tradicional de libro.
– Zé Paredes: Son moi poucas as editoras que se arriscan a publicar teatro. E é a pescada que morde o rabo: non se publica teatro porque non se le, e non se le porque non se publica. As poucas editoras que publicaban teatro tiveron, moitas veces, unha existencia efémera. E non só non se publica teatro galego que se estea escribindo agora: tampouco hai case tradución. Non temos traducido a galego nin a Valle-Inclán, e nese sentido o 2017 será un ano moi importante para o teatro galego, (ao cumprirse o prazo para que a obra deste autor pase ao dominio público).
Non hai case onde buscar teatro: antes estaban os Cadernos da Escola Dramática Galega, os Cadernos de Laiovento, a revista Casahamlet… Agora queda o pouco que sacan as editoras e tamén a RGT, que acaba de mudar o nome para erregueté, e que está moi ben, -eu agradezo moito o traballo que fan os compañeiros e compañeiras-, pero tampouco pode sacar máis que uns poucos textos ao ano. E o que pasa é que, se o teatro non chega á edición, non chega ao escenario, e se non chega ao escenario, non existe. Por iso, tiñamos dúas opcións. Ou o faciamos nós, e por iso creamos a plataforma on-line, ou buscabamos a maneira de presionar para que se impliquen máis as editoras e a administración. (…)”






