Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do martes 2

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz martes 2 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

19:00 h. Charo Pita presenta Oxalá estiveses aquí, publicado por Galaxia. Intervirán a autora e o editor Francisco Castro.
19:00 h. Ignacio Castro asina exemplares de Roxe de Sebes na caseta da Libraría Xiada.
19:30 h. El Hematocrítico e Alberto Vázquez asinarán exemplares de Feliz Feroz. O lobiño riquiño e Axente Riciños, publicados por Xerais, na Caseta de Berbiriana.
19:30 h. David Ortiz asinará exemplares do seu libro O libro dos cócteles, publicado por Xerais, na Caseta de Secretaría.
20:00 h. Suso Lista asina exemplares das súas obras. Na caseta de Edicións Embora.
20:00 h. Espectáculo musical O Bigote de Mimí, de Luís Vallecillo e a Banda do Cuberto, baseado no libro homónimo de Manuel María, publicado pola Casa Museo Manuel María.
20:30 h. Presentación d´A dúbida, de María Reimóndez, publicado por Xerais. No acto participan, xunto á autora, Eli Ríos e Manuel Bragado.
21:15 h. Presentación d´O Beato, de Alfredo Conde, publicado por Xerais. Con Manuel Bragado.

Feira do Libro da Coruña: actividades literarias destacadas do luns 1

OFeira do Libro da Coruña 2016 cartaz luns 1 de agosto comeza a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para este día:

12:00 h. Pregón a cargo de Pinto e Chinto.
19:00 h. Presentación de Galería de saldos, de Diego Giráldez, publicado por Xerais. Con Kiko Novoa e Manuel Bragado.
19:45 h. Presentación de Todos somos Ulises. Por unha educación democrática e humanista, de Xavier Seoane, publicado por Xerais. Con Xabier P. DoCampo e Manuel Bragado.
20:00 h. Luz Pozo Garza asina exemplares da súa obra na caseta de Alvarellos.
20:00 h. Alberte Momán asina exemplares de Bosquexos para unha distopía, publicado por Redelibros, na caseta da Libraría Cartabón.
20:00 h. Manrique Fernández asina exemplares de Tres feridas, na caseta de Arenas.
20:30 h. Presentación de As horas roubadas, de María Solar, publicado por Xerais. Con Luís Pousa e Manuel Bragado.
21:15 h. Presentación de O volframio en Varilongo, de Carmen Blanco Ramos, publicado por Xerais. Con Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado.

Luz Pozo Garza: “A razón serve para sobrevivir, pero non para comprender a vida”

EntrevistaLuz Pozo a Luz Pozo Garza en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): E a palabra, o corpo da idea, cal é o seu poder?
– Luz Pozo Garza (LPG): O de comunicarnos; case todo o que pensamos, sentimos, soñamos está nas palabras. Agora ben, a palabra hai que ter moito coidado con ela…
– LVG: A palabra devolve a vida, di a Rosa tántrica.
– LPG: Si, dá vida, pero ás veces dá mágoa escoitar as cousas que se din. Usamos mal as palabras. Debiamos estar máis calados, eu a primeira! Naces co desexo de falar, de escribir, pero case sempre estás mellor coa boca pechada.
– LVG: A escrita poética é diferente. Ten outra fondura na voz.
– LPG: A poesía é, como a música, moi esixente. Vai contigo, dentro, pode dominarte. Agora que vexo este libro [Rosa tántrica] penso que podería escribir outro mellor. Co traballo na palabra nunca se está satisfeito. (…)”

Miguel Mato: “O relato son voces interiores que van xurdindo arredor de evocacións”

EntrevistaMiguel Mato a Miguel Mato en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cal é o atractivo que fai tan especiais aos pequenos relatos?
– Miguel Mato (MM): Os relatos deberan ser caracterizados pola súa realidade e pola eliminación de elementos superfluos, por tanto, haxa ou non argumento visíbel debe responder a estas características, tendo en conta o estilo do autor: náis poético e cunha linguaxe máis concisa. Carlos Casares dicía que a linguaxe non se debería notar. Eu non estou dacordo, porque o relato pódese basear moitísimo na linguaxe. Virginia Woolf e Marcel Proust son bon exemplo.
– SG: Na súa obra destacan a poesía e o ensaio, escribe máis narrativa da que publica?
– MM: Eu non teño unha gran precisión de xénero. Escribo ensaio, mais pretendo que sexa creativo. Na base, penso que escribo poesía. Os relatos fágoos moi líricos, seguindo en certa medida as directrices de Virginia Woolf e de todo o que foi a novela lírica. Son textos nos que non ten moita importancia o argumento, senón que o relato son voces interiores que van xurdindo arredor de evocacións, do tempo ou, mesmo, da morte. (…)”

Víctor F. Freixanes: “As columnas de ‘Á marxe’ son a gran novela aberta de Carlos Casares”

Entrevista deVíctor Freixanes 2 Xesús Fraga a Víctor F. Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Unha candidatura que tivo éxito e no vindeiro ano o Día das Letras xirará arredor de Casares.
– Víctor F. Freixanes (VF): Era o momento, había case catorce anos, quince no 2017, do seu pasamento, e a min parecíame unha boa oportunidade. Diante doutros candidatos que tiñan, loxicamente, outros méritos abondo, os que asinamos a proposta de Carlos o que pensabamos era continuar o ronsel da iniciativa de Manuel María, que concitou moitas vontades e implicou a moita xente. Carlos ten unha obra literaria moi variada, con moitísimos rexistros: para rapaces moi novos, A galiña azul e os Toribios; para rapaces do que chamaríamos secundaria, xa que Vento ferido é un libro de iniciación para moitos lectores novos na literatura; ten libros para xente do bacharelato, como O sol do verán, que é unha novela moi intensa, de amor. El dicía que o seu estilo era transparente, coma unha fiestra. Claro, transparente, pero moi traballado. Os mortos daquel verán ou Deus sentado nun sillón azul non son libros fáciles. Son libros de investigación, de traballar coa lingua. E ten tamén unha dimensión de investigador, de divulgador, de ensaísta, ademais da de xornalista. As columnas de Á marxe en La Voz son unha gran novela aberta, interminable, a través da cal podes dialogar co mundo e co tempo.
– LVG: Sempre dicimos que o Día das Letras homenaxea a un autor, pero a lingua tamén se beneficia da súa obra.
– VF: É certo, e o mesmo pasou con Manuel María, que mobilizou a moita xente no país. Tampouco se trata de que todos os anos haxa que escoller un autor así, pero nestes momentos, sobre todo, necesitamos autores que mobilicen xente, que conciten vontades, que impliquen a persoas e institucións para conmemorar o día e celebrar a literatura galega e a lingua. E desa maneira, igual que Manuel María, Carlos Casares reúne esas características. A maiores, ten unha proxección da cultura galega cara o exterior que está aí. Carlos participou en iniciativas como o PEN Club e os seus libros tiveron unha divulgación fóra que sitúa noutro plano a cultura galega. A súa obra é unha contribución enorme á literatura e á modernidade deste país, que conecta con sectores moi diversos, e que concita vontades e compromisos moi distintos. Pódense recoñecer na súa obra xente de distintas opcións, incluso distintas ideoloxías, e iso é mérito del. Non é un escritor de parroquia ou de partido. (…)”

Carviçais, Portugal: Alfredo Ferreiro presenta Versos fatídicos

OAlfredo Ferreiro, por Tati Mancebo sábado 30 de xullo, entre as 12:00 e as 13:00 horas, na Sala da Antiga Escola Primária de Carviçais, Portugal, Alfredo Ferreiro presenta Versos fatídicos dentro do Encontro PAN: O outro. O programa completo pode verse aquí: Pan: O outro. Programa Carviçais.

Questionário fou(cinha): Eli Ríos

EntrevistaEli Ríos a Eli Ríos en A Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– Eli Ríos (ER): Desta pregunta sempre saco tres conclusións sobre a persoa que as fai:
a) Cando les un texto escrito por unha muller só es capaz de imaxinar un recipiente reproductivo que contratou unha musa para que lle escribise o texto.
b) Seguro que te preguntas desde cando as mulleres gozan de tempo de lecer e abandonaron o coidado das crianzas e maiores?
c) Vese que os reloxos para mulleres non miden o tempo igual que para o resto dos mortais.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– ER: Se fose de ciencias diría o 100% das veces. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– ER: Se fose de ciencias diría o 99,9999% das veces. E o peor é que cando mencionas, por exemplo, 15 autoras e un autor, nas entrevistas só sae o autor… (…)”

Questionário fou(cinha): Elvira Ribeiro

EntrevistaElvira Ribeiro a Elvira Ribeiro en A Sega:
“(…) – A Sega (S): Cando escribes se tes fill@s? De onde sacas o tempo?
– Elvira Ribeiro (ER): Escribo cando non podo deixar de facelo e cando teño algunha encomenda ao respecto. Afortunadamente a miña filla é independente e tempo non me falta grazas ao desemprego.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– ER: Intento escribir literatura para seres humanos e sobre temas que afectan aos tales seres. Non lembro que ninguén dixese que escribo “literatura feminina”. (…)
– S: Cantas veces che preguntaron que escritorEs son unha referencia para ti?
– ER: Unhas cantas. Mais sempre que mo preguntaron entendín (e estou segura de que así era) que a pregunta estaba referida a persoas dedicadas á literatura en xeral. (…)”

Questionário fou(cinha): Rosa Enríquez

EntrevistaRosa Enríquez por Eduardo Castro Bal a Rosa Enríquez na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“(…) – A Sega (S): Cantas veces te chamaron “rapaza” nun contexto literario profesional?(valen sinónimos: moza, chica, rapariga, nena, nenita…)
– Rosa Enríquez (RE): Non só no ámbito dá cultura. Tamén no traballo. Sempre o fíxeron homes.
– S: Escribes para mulleres, sobre “temas de mulleres” ou a crítica falou da túa obra como “literatura feminina”?
– RE: Adoitan incluírme entres “as poetas”. Interésame todo o relacionado coa violencia que temos que aturar. Supoño que cren que me interesa porque son muller. É coma se a eles isto non lles afectase … Houbo un que me dixo “deixa eses temas”. (…)
– S: Cantas veces te chamaron poetisa (se escribes poesía)?
– RE: Moitas. (…)”