Ismael Ramos: “Temos unha das mellores poesías da península e premiala non é ningunha inconsciencia”
Entrevista a Ismael Ramos en Atlántico Diario:
“Ismael Ramos (Mazaricos, 1994) é un dos ‘novísimos’ da poesía galega que, malia ter recoñecida a súa voz literaria con varios premios, entre eles os Minerva que outorga o Colexio Manuel Peleteiro de Santiago, seguía coa súa obra espallada por revistas. Agora, este poeta afincado en Noia verá publicado o seu primeiro libro, Os fillos da fame, co que o sábado 2 de maio conseguía o Premio de Poesía Johán Carballeira, que dende hai 18 anos concede o Concello de Bueu. “O premio está moi ben pola dotación económica e por ser un recoñecemento o meu traballo, pero o que máis ilusión me fai é que se vai editar e vai haber lectores”, confesa.
– Se publicar é difícil, moito máis cun xénero como a poesía. Ten que haber un premio que avale a un autor para facelo?
– Eu valoro todos os premios, sobre todo polo mérito de pór cartos na cultura galega. É unha valentía, pero no caso da poesía non é ningunha inconsciencia porque temos unha das mellores poesías contemporáneas da Península, por no dicir a mellor.
– O xurado salientou os valores poéticos d’Os fillos da fame por beberen da mellor tradición da poesía internacional.
– O que pode ter de internacional o poemario non é tanto a materia en si mesma como a formulación estética. Está ambientado nunha zona concreta da xeografía galega. Supoño que o xurado se refire a que ten moitas referencias indirectas á poesía internacional, xa que a min pésanme moito as influencias norteamericanas.
– No poemario inclúe voces poéticas de autores galegos. A quen podemos atopar?
– Hai versos citados directamente de Celso Emilio Ferreiro, María do Cebreiro e Xohana Torres. Intentaba falar dunha liña que está moi presente na nosa poesía. É un libro, por exemplo, onde o mar está moi presente, onde a fame está moi presente… como na nosa historia como pobo e na nosa historia literaria. (…)”
Feira do Libro de Santiago: actividades do martes 5
O martes 5 de maio continúa a Feira do Libro de Santiago de Compostela (no Paseo Central da Alameda), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 21:30 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa:
– 19:00 h. Xosé Ramón Freixeiro Mato e membros do Grupo de Investigación da Universidade da Coruña presentan Modelos de lingua e compromiso, en edición de Xosé Manuel Sánchez Rei e A poesía oculta de Filgueira Valverde, de Xosé Ramón Freixeiro Mato, publicados por Baía Edicións.
– 20:00 h. María Xosé Queizán presenta Son noxento, publicado en Xerais. No acto participa, xunto á autora, Manuel Bragado.
Tabela dos Libros de maio de 2015, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada primeiro luns de mes, na Tabela dos Libros danse a coñecer os volumes que Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo estimamos como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas.”
Actividades co Escritor Galego Universal 2015: Luiz Ruffato
Con este premio, Escritor Galego Universal, que xa recibiron Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge e Bernardo Atxaga, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade nacional e humana.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega destaca con esta mención a alta calidade literaria do conxunto da súa obra, coa que nos dá testemuño do seu tempo, do noso tempo, desde un insubornábel compromiso ético. A súa é unha traxectoria literaria incontestábel, apreciada por crítica e público, nun consenso difícil de conseguir.
Con motivo da súa visita a Galiza, Luiz Ruffato desenvolverá o seguinte programa de actividades promovidas pola AELG, co apoio da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Concello de Lugo e a colaboración do Círculo de las Artes:
9 Maio. Lugo
– 17:30 h., mesa-redonda organizada pela AELG, “Conversa co brasileiro Luiz Ruffato, Escritor Galego Universal” (Refeitório Museu Provincial).
– 20:00 h., Entrega do prêmio Escritor Galego Universal durante a Gala das Letras (Círculo de las Artes).
Con anterioridade, o día 7 de maio, estará na Coruña pola mañá:
– 11:30 h. Encontro cos médios de comunicación na Libraría Linda Rama (Rúa Porta de Aires, 4).
– 12:30 h. Encontro/palestra na Universidade, Faculdade de Filologia: “Uma literatura na periferia do mundo” (Dpto. de Galego-Português, Francês e Linguística da UdC).
E ese mesmo día, 7 de maio, en Santiago, pola tarde:
– 19:00 h. “Encontros no Paraninfo com Luiz Ruffato” (acompanham Carlos Quiroga e Carmen Villarino Pardo).
Pode ler aqui duas entrevistas com Luiz Ruffato, e máis información sobre o autor aquí.
Taboleiro do libro galego XXXIII (abril 2015), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Esta entrega do “Taboleiro do libro galego”, correspondente ao mes de abril de 2015, vai dedicada, in memoriam, a Benxamín Riobó Sanluís, que colaborou con entusiasmo neste proxecto desde a libraría “O Pontillón” de Moaña.
Nesta ocasión contouse coa colaboración de nove librarías galegas: Trama de Lugo, Libros para Soñar de Vigo, Suévia da Coruña, Andel de Vigo, Miranda de Bueu, Biblos de Betanzos, Casa do Libro de Vigo, Librouro de Vigo e Cartabón de Vigo. Grazas a todas elas.
NARRATIVA
1º-. Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Xerais.
2º-. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto, Xerais.
3º-. Cuarto minguante, de Bautista Álvarez, Xerais.
4º-. Dende o conflito, de María Reimóndez, Xerais.
5º-. Amor en alpargatas, de Manuel Portas, Xerais.
6º-. Sete Caveiras, de Elena Gallego, Xerais.
7º-. Antípodas, de Xosé Vázquez Pintor, Xerais.
8º-. A boneca de Blanco Amor, de María Xosé Queizán, Galaxia.
9º-. Son noxento, de María Xosé Queizán, Xerais.
POESÍA
1º-. Atravesar o fantasma, de Carlos Callón, Xerais.
2º-. Celebración, de Gonzalo Hermo, Apiario.
3º-. Transfusión oceánica, de Xosé Iglesias, A. C. Caldeirón.
4º-. oso, mamá, si?, de María Lado, Xerais.
5º-. Mares de Queijo, de Ramiro Vidal Alvarinho, A Porta Verde.
ENSAIO-TEATRO
1º-. O Miño. Un caudal de historia, de Anselmo López Carreira, Xerais.
2º-. Galicia encantada, de Antonio Reigosa, Xerais.
3º-. Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual, de Xesús Alonso Montero, Xerais.
4º-. Medo político e control social na retaguarda franquista, de Lucio Martínez, Xerais.
5º-. Historia de Galicia, de David Pérez, Edicións do Cumio.
XUVENIL
1º-. Tes ata as 10, de Francisco Castro, Galaxia.
2º-. Dragal IV, de Elena Gallego, Xerais.
3º-. O mundo secreto de Basilius Hoffman. A batalla por Avalon, de Fernando M. Cimadevila, Urco.
4º-. As palabras poden matar, de Marcos Calveiro, Xerais.
INFANTIL
1º-. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas e ilustracións de Víctor Ribas, Xerais.
2º-. Os ratos da casa, de Oli – Natalia Colombo, Kalandraka.
3º-. Amizades secretas, de Agustín Fernández Paz, Edebé.
4º-. Sanatoria. Historia dos nenos raros, de Francesc Grimalt, Baía Edicións.
5º-. O valente coello que quixo soñar, de Miguel Ángel Alonso Diz – Luz Beloso, Nova Galicia Edicións.
LIBROS CD-DVD
1º-. Non hai berce coma o colo, de Paulo Nogueira e Magoia Bodega (ilustracións de Mariona Cabassa), Kalandraka.
2º-. Pan de millo, Migallas – Dani Padrón, Kalandraka.
3º-. Xiqui Xoque, fiú fiú!, de Uxía, Editorial Galaxia.
4º-. Gatuxo, de Magín Blanco, Fol Música.
BANDA DESEÑADA
1º-. O bichero V, de Luís Davila, Edición do autor.
2º-. Marcopola e a illa remeira 3. Dragoneta!, de Jacobo Fernández Serrano, Xerais.
Lugo: presentación de Triloxía Vattene! / O legado extraterrestre, de Alberte Momán
O martes 5 de maio, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, preséntase Triloxía Vattene! / O legado extraterrestre, de Alberte Momán, publicado en Círculo Rojo. No acto, xunto ao autor, participa Verónica Martínez Delgado.
Ismael Ramos gaña o premio Johán Carballeira de poesía
Desde Sermos Galiza:
“Entre os 33 poemarios presentados, o xurado do premio Johán Carballeira decidiu por unanimidade recoñecer Os fillos da fame, o libro Os fillos da fame asinado por Ismael Ramos (Mazaricos, 1994). Segundo o xurado, o libro goza de “indubidábeis valores poéticos” que o sitúan na “mellor tradición da poesía internacional”.
O xurado, composto por Ramón Blanco, María do Carme Caramés e Luís Valle destacaron a calidade literaria da obra gañadora, que se impuxo con claridade como gañadora do certame. A obra será publicada por Edicións Xerais.
Ismael Ramos comezou a escribir de moi novo e, con 16 anos, fíxose coas dúas modalidades do Premio Minerva, poesía e narrativa ademais do segundo premio do Ánxel Casal con Capricho (poesía existencial demasiado azucrada). No 2014 conseguiu o segundo premio de poesía do concurso Xuventude Crea con O grande pecador. (…)”
Miguel Mato fala no Diario Cultural sobre Terra fría
Vicente Araguas: “Sentíame máis autoexiliado aquí, naquela ditadura noxenta”
Entrevista de Carlos Loureiro a Vicente Araguas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): E aquí tiveron que sufrir os derradeiros anos da ditadura franquista… Sentiu nalgún momento que era un exiliado máis cando se foi para Escocia?
– Vicente Araguas (VA): Non exactamente. Sentíame máis autoexiliado aquí, naquela ditadura noxenta. Fóra, con aqueles libros-libres, aquelas películas sen censura, os xornais críticos, a atmosfera nada viciada sentíame como peixe na auga. O malo fora voltar, co franquismo agonizante (pero non o sabíamos). (…)
– NG: Para os que estamos a convivir decotío coa nosa literatura, coa nosa lingua, é realmente moi significativo achármonos con persoas coma vostede (coma Manuel Pereira, Manuel Álvarez Fuentes…) que manteñen un compromiso rexo coa nosa lingua e coa nosa literatura fóra de aquí… Que dicirlles a moitos escritores e moitas escritoras galegos/-as que se deron a coñecer na nosa lingua e hoxe empregan maioritariamente a castelá?
– VA: Dirixiríame máis ben aos editores con anteolleiras, aos profesores que recomendan os libros dos amiguiños, aos escritores seitarios, aos partidos políticos que soamente se ocupan dos conmilitóns que escriben, dos que desprezan aos que fóra de Galicia levan/ levamos a bandeira lingüística e literaria, para que mudasen de actitude. Por aí, entendo, ese liscar de xente que sabe o que se ten entre mans. (Igual é que aqueles aos que me dirixo, desfrutan co que está acontecendo, non sei).
– NG: Tamén temos que dicir que cómpre salientar nas súas obras unha fonda retranca, unha retranca de noso, algo que fará moito máis atractiva a lectura e por outra banda moito máis aceda…
– VA: Esa retranca da que fala… Lévoa dentro, supoño, e por aí sae. Mais -procuro- con elegancia. Que é a que separa a retranca (a ironía) do sarcasmo. Así e todo fago por non ferir, o único que hai moito susceptible ceibo, xa se sabe.
– NG: Dicíanos antes que “son un romántico empedernido” e o tema do amor -incluso o erotismo-… ese tema si que vai ser algo moi destacábel, especialmente na súa lírica… unha lírica que non ía ser allea ao intimismo…
– VA: Pois claro que non. O amor, xa o dixen, é un motor esencial para todos, escritores ou non. Así que non invento nada (“O peso do mundo é o amor”, dixo Allen Ginsberg, e dixo ben). O outro tema é a morte, e por certo que se me dan moi ben as elexías igualmente. Imos por aí, pois. (…)”