A cuarta feira 25 de marzo, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo) da Coruña, terá lugar unha palestra de Manuel Ferreiro sobre Unha visión de Eduardo Pondal, dentro do ciclo Língua, Literatura e Naçom da A. C. O Facho.
Bolboreteando con… Rosa Aneiros
Entrevista a Rosa Aneiros no blogue gastronómico Bolboretas no bandullo:
“(…) – Bolboretas no bandullo: Encontras algunha relación entre literatura e gastronomía?
– Rosa Aneiros: O que non atopo é nada que as diferencie nidiamente… o pracer,a fame, a aprendizaxe, o tempo de elaboración, o exercicio de construír algo novo, a dúbida, tardar moito tempo en facer algo que outros engolen nun abrir e pechar de ollo, a satisfacción, a resaca, a fartura, a curiosidade… Todos son elementos comúns a unha e outra e, a fin de contas, as dúas buscan saciar os nosos máis elementais apetitos como seres humanos. (…)
A cociña éme un espazo case estraño onde o que mellor fago é recoller utensilios e ingredientes que xa non se utilizarán na cocedura e dar conversación. A quen cazolea e a quen come. Talvez por iso, a cociña converteuse na república libre das palabras máxicas. E, co que mellor bolen e rebolen é coa crema de cabaza: doada de comer, lixeira para falar.
O conto da crema de cabaza para toupas, toupiñas e outras desastres na cociña (ou como a receita é o de menos)
A nena ben sabía que lograr uns bos ingredientes vén sendo o máis complicado nalgúns casos. Non é o seu, xaora, tan só debía ir de excursión, polo que puxo as botas máxicas. Achegouse á cabana vella e recolleu unha cabaza feitiña e dúas patacas. Parou no soto e arrincou unha cebola da trenza e logo colleu un allo da caixa. Abriu o arcón e sacou dúas tiras de pemento, unha cabaciña, un anaco de porro, unha cenoria, e un tomate, todo conxelado. Deu as grazas á avoa por ser como unha formiga que amoreaba celosamente as colleitas do verán para o ermo do inverno. Velaí case os ingredientes todos, pensou. O caderno di que me falta o sal, o aceite, a nata, a margarina e o caldo de galiña. Claro que tamén poderían arramplalos da cociña da avoa, pero iso xa sería botarlle moita cara. E pensou a nena que se non tivese cabana, soto nin arcón, tería que ir de viaxe á tenda para xuntar todo o citado e preparar unha crema de cabaza.. Podería ser de brócoli, chícharos ou porro, pero a ela a que lle gusta de verdade é a de cabaza. Talvez porque é tan laranxa como as trenzas de Pipi Langstrum e canto máis come, máis lle amita á rapaza que ten un cabalo e un mono e vive soa e anda en globo. (…)”
Cuestionario Proust: Suso Díaz
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Suso Díaz:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– É ben difícil definirse. Coido que son un soñador.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A bondade e a xenerosidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Só que me entendan.
4.– A súa principal eiva?
– Talvez querer abarcar máis do que son capaz.
5.– A súa ocupación favorita?
– Deixarme levar polo que me agrada, idear novos proxectos, sempre tentar sumar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A felicidade sempre é efémera. Un estado de felicidade enténdoo como algo semellante a ser lelo. Creo nos momentos de felicidade, e se algo se asemella a un tempo prolongado de felicidade vivina os primeiros 8 anos da miña vida en Ludeiros -Lobios-, onde nacín.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Non penso niso.
8.– Que lle gustaría ser?
– Sempre quixen ser cantautor, de aí a miña paixón pola poesía.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nun que non existe, que eu imaxino e nunca coñecerei. Nun país que non se odie por ser o que é, que agarime e ame aquilo que o define, que se respecte, que medre dende a cerna herdada sen precisar ollarse en espello algún. Un país que ben podería ser unha Galicia mítica.
10.– A súa cor favorita?
– Transito entre azuis e verdes. Aínda que nada me reconforta máis ca o abrollar da primavera no Xurés.
11.– A flor que máis lle gusta?
– Todas, todas amosan beleza. De escoller, quédome co Lirio do Xurés.
12.– O paxaro que prefire?
– O que se pousa fronte á fiestra na casa de meus pais. Ese que me agasalla cos seus movementos, coa súa cor, co seu canto e co seu voo ceibe e despreocupado.
13.– A súa devoción na prosa?
– Sendo ben difícil: en galego Rosa Aneiros, en español García Márquez, en portugués Saramago.
14.– E na poesía?
– Imposible escoller. Dende Rosalía de Castro a Celso Emilio Ferreiro infinitas e infinitos poetas. Cada nova lectura é unha nova descuberta. Todas e todos os que me emocionen.
15.– Un libro?
– Dous. Agora mesmo os que me ocupan con novos proxectos: Seis poemas galegos de Federico García Lorca e Follas novas de Rosalía de Castro.
16.– Un heroe de ficción?
– Xan das Congostras.
17.– Unha heroína?
– Seguramente algunha que habita o subconsciente. A beleza ten rostro de muller.
18.– A súa música favorita?
– Moitas, moitísimas. Non podo escoller, depende do estado de ánimo. Iso si, sempre me fago acompañar por ela.
19.– Na pintura?
– Dun tempo a esta parte, Ovidio Murguía.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Miñas avoas, ninguén merece meirande admiración para min.
21.– O seu nome favorito?
– O de meus fillos: Sofía e Pedro, sempre na boca, sempre no pensamento.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A maldade en calquera das súas manifestacións: ruindade, mesquindade, falsidade…
23.– O que máis odia?
– Ese sentimento non me habita, de facelo, maniféstase en contadas ocasións. Diría que odio o que fai sufrir ao ser humano conscientemente. Dabondo temos co que a vida nos vai deparando.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos eses innomeables que se adicaron a destruír a especie, tamén os que se adican a destruír o hábitat.
25.– Un feito militar que admire?
– Sempre abril. Sempre o 25 de abril.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Unha meirande capacidade de comprensión, algunhas veces non atopo respostas por moito que me esforce. É frustrante.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– De súpeto.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Reflexivo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Moitos. Tendo en conta que somos humanos, procuro entender.
30.– Un lema na súa vida?
– Meu avó materno sempre me dicía, Suso: fai ben e non olles a quen.”
Vilaboa (Culleredo): tertulia sobre Culleredo, no primeiro franquismo, 1936-1942: a xestión municipal, con Carlos Pereira
O mércores 25 de marzo, ás 11:30 horas, na Biblioteca do Pazo de Vila Melania en Vilaboa (Culleredo), terá lugar unha tertulia de historia a cargo de Carlos Pereira Martínez, baixo o título de Culleredo no primeiro franquismo, 1936-1942: a xestión municipal. A entrada será libre para o público interesado.
Casas literarias: Gonzalo López Abente
Desde o blogue de Armando Requeixo, Criticalia:
“Un día coma hoxe 24 de marzal do ano 1878 ás catro da serán, que cadrou en domingo, con feira en San Isidro, abrín os ollos á vida e pola fiestra da casa do Cabo da Grixa en que moraban meus pais, ollei craramente un outo cruceiro e que no seu cume agonaiba un mártir cos brazos en crús. Aquel día escoitei a rapsodia máis subrime e fíxenme segrel. Pillei un laúde e con ele ao lombo boteime a cantare polo mundo adiante…
Quen así escribiu foi o poeta Gonzalo López Abente nunha carta que enviou ao seu curmán Horacio Bermúdez Abente. Porén, malia nacer naquela antiga casa do Cabo da Grixa, o que foi o seu lar vivencial de sempre está radicado na rúa Virxe da Barca, que é o lugar onde escribiu boa parte da obra poética e onde nos deixou.
A vivenda, hoxe reformada, en tempos tivo unha única altura. No andar de baixo estaba o despacho no que escribía o poeta. Na parte de riba, unha pequena bufarda que daba remate ao inmoble, hoxe desaparecida, pois eliminouse para construír unha segunda altura, o que lle fixo perder parte do antigo encanto.
Na beirarrúa, xunto á porta da casa, a Fundación López Abente colocou unha placa que a distingue como o lugar no que o poeta residiu decote. Alí viviu practicamente toda a vida, quitado o tempo no que estudou o bacharelato e a carreira en Compostela e algunha viaxe de mocidade a Francia, Bélxica e Holanda, pois, tras delas, regresou a Muxía, onde traballou como funcionario de banca.
A casa da rúa Virxe da Barca veu xurdir grande parte dos versos de D’outono (1924), Nemancos (1929), Centileos nas ondas (1958) ou Decrúa (1966) e relatos como O novo xuez (1922), Buserana (1925), Fuxidos (1926) e Vaosilveiro (1929).
Na súa Muxía natal —na propia rúa Virxe da Barca, ben preto desta casa onde viviu—, ten a sede a fundación do escritor, constituída no 2010. Sita na Casa das Beiras, dende ela promóvese e difúndese a súa figura, amais de convocar un certame literario que leva o seu nome. (…)”
Compostela: palestra “Carvalho Calero: Alicerce de uma Galiza lusófona”
A cuarta feira 25 de marzo, ás 18:30 horas, na sala de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal (Avenida Xoán XXIII s/n), en colaboración coa AGAL, terá lugar unha palestra sobre a vida e a obra do profesor Ricardo Carvalho Calero coincidindo com o 25º aniversario da súa morte: “Carvalho Calero: Alicerce de uma Galiza lusófona”. Participan José Luís Rodrigues, Elvira Souto e Eduardo Sanches Maragoto.
Inma Otero entrevista María López Sández en Insula Europea
Entrevista de Inmaculada Otero a María López Sández en Insula Europea:
“(…) – Inmaculada Otero (IO): Defendes que a creación dun imaxinario nacional nun sistema minorizado sempre se tenta desmitificar desde os sistemas hexemónicos, acusándoos de falsos, ficticios ou manipuladores, quizais porque non existe a consciencia de que os seus sistemas tamén naceron así. Pensas que se segue esta dinámica na actualidade? As lecturas da literatura galega que se realizan desde fóra fanse desde esta perspectiva?
– María López Sández (MLS): Habería que diferenciar dous niveis. O nivel máis teórico, do pensamento, dos intelectuais, e o nivel da ficción e dos lectores. Nas nacións asentadas, ese proceso de asentamento nacional a través dos textos foi anterior, e precisamente polo propio asentamento deixa de ser percibible o mecanismo, está naturalizado. Pero na propia historia da inclusión das literaturas nos plans de estudos, a perspectiva nacional que no século XIX se inseriu nos sistemas educativos é moi reveladora do papel que se lle deu á literatura como construtora de identidades. O que ocorre novamente é que no galego o proceso está moito máis próximo, ponse case en marcha trala morte de Franco e polo tanto a día de hoxe segue sendo visible. No plano dos lectores, eu creo que en boa parte dos receptores espontáneos non hai un pensamento tan explícito sobre estes problemas. O que pode haber é unha dificultade de que os textos en galego cheguen dunha maneira pouco contaminada a un número amplo de lectores.
Eu creo que se realmente houbese un mecanismo áxil e fluído de traducións, moitos textos galegos serían perfectamente recibidos sen apenas disonancias derivados de todo isto. E posiblemente fóra do Estado español sería máis doado porque hai maior distancia respecto a todas estas cuestións.
– IO: E que precisaría, na túa opinión, a literatura galega para darse a coñecer noutros
contextos?
– MLS: Unha aposta decidida polas traducións e tamén unha República das Letras máis universal. Agora mesmo creo que hai unha evolución nos programas de estudo, aínda tímida, pero ese mesmo paradigma do que se deu en chamar o posnacional e a perda da independencia curricular da literatura para fusionarse co lingüístico supuxo o desdebuxamento dese canon nacional tan estrito, e penso no ensino de literatura castelá. Cada vez se incorpora unha visión máis universal. No ámbito da literatura galega tamén se fai pero quizais aínda en menor grao, ao mellor porque aínda se percibe máis a necesidade de asentar iso que non está aínda totalmente asentando.
Pero si que houbo un dinamismo de tradución moi importante, entón, igual que aquí hai ese achegamento en galego a literaturas de fóra, debería suceder á inversa; que haxa máis circulación de textos, que poidan chegar a lectores de distintos espazos. Iso
lévanos a mecanismos de mercado, a apostas de editorias, con todo o problema que ten neste momento. Eu creo que esta propia iniciativa, facer recensións, presentar textos, facer circular ideas, podería ser útil. E igual tamén dependemos dese editor que atope unha faísca de interese e queira apostar por textos. Por exemplo, non vou mencionar Italia, pero sempre intuín que o meu texto funcionaría moi ben no mercado francés (…)”
Fran Alonso: “Poétic@ son pasos exploratorios do que vai vir na literatura”
Entrevista de Carme Vidal a Fran Alonso en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Que mudanzas supón un proxecto como Poétic@ no proceso creativo da escrita?
– Fran Alonso (FA): Os cambios empezaron xa no papel, no proceso de escrita inicial. Pensei o poemario xa con estrutura de rede, con internet na cabeza. Nace desde esa intención e iso facilitou moitas cousas. Foi a primeira fase onde se crean todos os circuítos internos que fan remitir dunha cita a un poema, dun poema a outro… de forma fragmentaria. Tiven que asimilar o proceso online, das plataformas, botando man da tecnoloxía e dos expertos e entra aí unha nova dimensión que aporta novo valor, significados, recursos… outra forma de entender a relación co texto, que condiciona todo. Por exemplo, eu non tiña títulos en moitos poemas e tiven que poñelos porque cada páxina precisaba unha url distinta, é dicir, condicionaba o propio proceso creativo. Todo isto acontece na ciberescrita, que ten os seus condicionantes, mais témonos que afacer a traballar desta maneira.
– SG: Unha das cuestións que se presentan é cando se remata a obra. Na edición en libro era fácil, cando saía publicado. Poderíase estar modificando sen límite…
– FA: A xente di que é inabarcábel, que unha ligazón leva a outra, que comezas a xogar e desviarte e acabas navegando de forma caótica, deixándote absorber polo propio xogo. Iso mesmo sucedeume como creador. Iso comentáballo a Cris de Estudi1Llimona, de Palma de Mallorca, con quen traballei na elaboración do soporte. Tiñamos unha xuntanza semanal a través de skype e dicíalle que era terríbel, que arrastraba. Mesmo agora podería seguir engadindo algo. O libro poderíase manter vivo. (…)
– SG: Hiperlibro de poemas, instalación poética, poesía dixital, transmedia, electrónica… que definición acae mellor a Poétic@?
– FA: Atopar as palabras xustas é complexo neste ámbito tecnolóxico no que o corpus léxico medra a toda presa e incorpora novas palabras que temos que estar continuamente consultando. Non sabería dicilo ben mais está claro que é un hiperlibro porque non só está o que que fago, a través del podes descubrir outras persoas que son autoras, de poesía e doutros ámbitos.
– SG: O soporte permite, poño por caso, que o público lector se poda atopar non co texto senón mesmo co propio poeta recitando ao vivo os seus versos…
– FA: No libro aparezo en varios planos. Un deles é audio no que versiono algúns dos poemas, logo hai ligazóns a outros arquivos de audio que non son do propio libro e logo están os vídeos nos que aparezo. Son complementares á linguaxe poética que non é só textual senón tamén audiovisual e mesmo iconográfica xa que están incorporados os emoticonos. O libro fai unha reflexión ácida e corrosiva sobre a propia poesía e os seus mitos e non podería ser crítico se non o fose comigo mesmo. Ese é o outro plano no que aparezo, rindo de min mesmo.
– SG: Por vez primeira na entrevista aparece o contido da obra, non teme que o peso da arquitectura sobarde a condición literaria da obra?
– FA: Penseino. Polo seu carácter novidoso pode suceder que o texto fique solapado e agochado en función da forma. Pode suceder, quizais tamén polo seu carácter informal, por ese humor pouco habitual do texto, que nin sequera é normal para min. (…)”
A Esgueva, Madarnás, O Carballiño: Auga, árbore e poesía na Insua dos Poetas
Entrevista a María Lado no Diario Cultural da Radio Galega
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“María Lado fálanos do seu novo libro de poemas oso, mamá, si? publicado por Xerais. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”