A Coruña: conferencia sobre Aproximación á toponimia costeira da Península da Torre, por Xurxo Souto

OXurxo Souto martes 18 de novembro, ás 20:00 horas, no local social da A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, terá lugar a segunda conferencia do Ciclo Recuperación, análise e divulgación da toponimia menor da Coruña e da súa comarca, patrocinado pola Deputación da Coruña. Versará sobre Aproximación á toponimia costeira da Península da Torre, e estará a cargo de Xurxo Souto.

O derradeiro encargo de Aurora Bernárdez

Desde2014111601231032815 Sermos Galiza:
“París despedía a pasada sexta feira. 14 de novembro, a galega Aurora Bernárdez, tradutora e albacea de Julio Cortázar, con quen casara. Aurora deixaba, no ano do seu centenario, a edición da obra de Cortázar pronta mais quedáballe aínda un labor importante por facer. Publicar a obra galega do seu irmá Francisco Luís Bernárdez, encargo que lle fixera ao escritor galego Francisco X. Fernández Naval.
O escritor Francisco X. Fernández Naval dubida da posibilidade de levar a fin o último encargo de Aurora Bernárdez. Coñecera a aquela muller que agora lembra como intelixente, literaria e sedutora na busca das conexións galegas de Julio Cortázar, ás que lle dedicou dous libros. Respirar polo idioma e O soño galego de Julio Cortázar. “Resultoume raro que aínda ninguén o fixera”, dixéralle Aurora cando coñeceu as súas pretensións de se adentrar no mundo galego do escritor. Iniciouse entón unha relación que ía durar até a súa morte o pasado sábado en París, aumentando en confianza até ser o propio Fernández Naval o depositario de seu último encargo: compilar e publicar a obra de Francisco Luís Bernárdez, seu irmán escritor e xornalista. (…)”

Compostela: VIII Xornada Xustiza e Lingua. Reflexións para a normalización, o 25 de novembro

A inscrición pode realizarse aquí.

VIII Xornada Xustiza e Lingua

Xavier Queipo: “A tipoloxía da emigración mudou tanto que o discurso paternalista/maternalista xa non vale”

EntrevistaXavier Queipo de Montse Dopico a Xavier Queipo en Praza:
“(…) – Praza (P): Sacas un libro ao cumprir 55 anos e pouco despois chega o premio do Ministerio á mellor tradución polo Ulises. Satisfeito co balance que podes facer ata agora da túa propia traxectoria como autor?
– Xavier Queipo (XQ): Ás veces non resulta doado adxectivar o estado de ánimo. Podo dicir que teño sentimentos encontrados, que como vectores turran en varias direccións a un tempo, con forzas antagónicas. Por unha banda sinto, dalgún xeito, que o premio é individualmente inmerecido e colectivamente xusto, como cómpre a un traballo que xa foi recoñecido a como “ben feito”. Por outra banda, a ledicia vése amolecida pola distancia da terra, polo afastamento dos agarimos, pola frialdade do mundo no que vivo. O balance da carreira é satisfactorio, por descontado, pois sinto que vou gañando de a pouco a pouco o respecto dos colegas e dos medios, do público en xeral e dos académicos. (…)
– P: Nun dos textos de 55 comentas que facerse maior é ser consciente dos propios límites. Fíxoche pensar niso o repaso do arquivo do ordenador para seleccionar os textos para o libro? Por que?
– XQ: Hai tempo escribín un pequeno ensaio sobre “o tamaño da ignorancia”, e como a consciencia da propia ignorancia é o auténtico síntoma que permite medir “o tamaño da sabedoría”. Coñecer os propios límites non é sinxelo, pois adoitamos vivir anestesiados polo propio “ego”, mais para iso están os amigos e os compañeiros de vida, para axudarnos a non gastar enerxías naquilo que non as merece.
A selección de textos para o libro tivo unha motivación múltiple. En primeiro lugar amosar a diversidade das distintas vías de traballo experimentadas, mais tamén rescatar textos agochados en publicacións inencontrábeis e aportar a frescura das últimas producións da factoría. Sinto que aínda me quedan por explorar moitas hipóteses de traballo e nesa confianza vivo. Quixen facer un alto e reflexionar. Só iso. (…)
– P: Tamén falas nese texto da emigración “non como condena histórica”, como unha especie de destino dun pobo. Por que cres que hai que mudar os discursos sobre a emigración galega?
– XQ: Hai xa uns anos escribín na revista Galegos un pequeno ensaio sobre a “(h)emigración”, con “h” para significar “hemi” de metade, para adxectivala como medio-emigración. Hoxe os emigrados/trasterrados podemos ler os xornais do noso país, falar por skype cos quen nos pete a centos de quilómetros de distancia, participar en debates por videoconferencia ou seguir cunha cámara o que está acontecendo nas rúas de Compostela. Nada que ver coa emigración transoceánica da que se regresaba ou non, onde a única comunicación era a chegada demorada de correo, ou coa emigración “europea” do século pasado, onde se había cartos se facía unha visita anual ao país para mostrar o ben que lles ía no estranxeiro.
A tipoloxía da emigración mudou tanto que o discurso paternalista/maternalista xa non vale. Un sae do país, agás contadas excepcións, por necesidade -sexa esta económica ou social-, mais o sufrimento, o afastamento e as condicións de semi-escravitude non son as mesmas. A emigración masiva, que tantas veces sufriu a nosa terra, débese a unha mala xestión dos recursos polas clases dominantes -fame e desemprego como caras da mesma moeda, a da explotación-. Está claro que se Inditex quixera non tiña que emigrar ninguén. (…)”