VII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Amuletos e reliquias. Usos e crenzas, a celebrar en Lugo o 25 de outubro
A
VII Xornada de Literatura de Tradición Oral: Amuletos e Reliquias. Usos e crenzas, que terá lugar o sábado 25 de outubro, é unha actividade organizada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación Provincial de Lugo.
Aberto o prazo de inscrición (até o 23 de outubro):
– O profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario que teñan interese no título da Consellaría de Educación, deben inscribirse na web da AS-PG.
Modalidade formativa: Curso.
Datas de realización: 25 de outubro de 2014.
Horario: Mañá de 10:15 a 14:00 h. e tarde de 16:00 a 20:30 h.
Lugar onde se levará a cabo a actividade: Salón de actos da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8).
Valoración en horas de formación: 8 horas presenciais.
Número de prazas: 100.
Persoas destinatarias: Profesorado do ensino non universitario e futuros ensinantes do ensino non universitario.
Custo de matrícula: Gratuíta.
Criterios de selección, se procede: Por rigorosa orde de inscrición na web da AS-PG, tendo preferencia os socios-as e afiliados-as á AS-PG e á AELG.
Falaremos de usos e crenzas arredor de amuletos e reliquias, esas cousas boas que fan de intercesores entre os humanos e as potencias (sexan estas deuses ou demos) do sobrenatural.
Os amuletos son obxectos, xeralmente pequenos e portátiles, que atendendo á forma ou ao material do que están feitos usáronse e aínda se usan, segundo crenzas ben arraigadas, para atraer a sorte ou para afastar o mal.
As reliquias teñen a orixe no martirio dos primeiros cristiáns, cuxos restos eran conservados e venerados. No século XVI o Concilio de Trento acrecentou este tipo de culto e propagou a fe masiva nos seus efectos beneficiosos, pondo en marcha, de paso, un fascinante negocio.
Estoxos, medallóns, escapularios ou relicarios con presuntos fragmentos do corpo ou de lugares santificados son o gran reclamo comercial de catedrais, igrexas e santuarios, como o é a posesión e a manipulación de amuletos para toda caste de taumaturgos.
Contaremos co saber de especialistas como Mª Rosa dos Santos Capelão, investigadora das funcións, usos e prácticas das reliquias ou “santas medicinas” en Portugal, Eusebio Rey Seara, historiador especialista en amuletos da época romana en Galicia, o escritor Calros Solla, propietario dunha colección de máis de 300 amuletos e talismáns (alicornos, pedras da pezoña …) e con Alfonso Blanco Torrado, crego rural con longa experiencia como observador dos usos, tanto de amuletos como de reliquias.
Maxia, fe, razón, superstición? Velaí a cuestión.
PROGRAMA
– 10.15 Recepción, entrega de material e inauguración
– 10:30 h. – 11:30 h. Conferencia. O racional e o irracional do culto de reliquias, por Rosa Maria dos Santos Capelão.
Desde o Concilio de Trento para acó a igrexa católica regulou e controlou todo o relacionado co uso das reliquias, as “santas medicinas” que o pobo crente sempre demandou. A relatora expoñerá as conclusións das súas investigacións sobre o tema.
– 11:30 h. – 12:30 h. Conferencia. Facianas da capacidade sandadora do pobo dende a nosa cultura, por Alfonso Blanco Torrado.
A protección da saúde é o eixe central das peticións dos crentes para obter o favor divino, razón pola que acode a santuarios e igrexas, someténdose aos ritos e prácticas tradicionais.
– 12:30 h. – 14:00 h. Mesa redonda. Usos, abusos e outras prácticas relacionadas coas “santas medicinas”. Rosa Maria dos Santos Capelão e Alfonso Blanco Torrado. Coordina: Antonio Reigosa.
Oportunidade para que o público asistente poida facer preguntas, así como para o moderador pór en relación as dúas conferencias previas e así ampliar puntos que se consideren de especial interese.
– 16:00 h. – 17.00 h. Conferencia. Amuletos e reliquias: usos e crenzas. Unha mirada na antigüidade, por Eusebio Rey Seara.
O coñecemento do uso dos “obxectos de poder” no mundo clásico antigo é fundamental para entender a súa función na sociedade actual. O relator, especialista en amuletos do mundo romano na antiga Gallaecia, achegáranos ese saber a través dos textos e dos achados arqueolóxicos que se conservan.
– 17:00 h. – 18:00 h. Conferencia. Amuletos, talismáns e pedras da fartura. Obxectos de poder da Galiza tradicional, por Calros Solla.
O estudo da nosa cultura popular tradicional ofrece a posibilidade de ver e ocar numerosos tipos de amuletos, en moitos casos aínda en uso. Esta é oportunidade que nos ofrece o relator que, ademais de investigador, é coleccionista destes obxectos.
– 18:00 h. – 19:30 h. Mesa redonda. Entre a maxia e a razón. O enigmático poder dos amuletos, con Eusebio Rey Seara e Calros Solla. Coordina Isidro Novo.
Oportunidade para que o público asistente poida facer preguntas, así como para o moderador pór en relación as dúas conferencias previas e así ampliar puntos que se consideren de especial interese.
– 19:30 h. – 20:30 h. Mostra de amuletos e reliquias ao vivo: usos e crenzas explicados por propietarios/as e usuarios/as.
Láncara: entrega do XIII Premio Ramón Piñeiro Facer País a Marica Campo, o domingo 26 de outubro
Crónica videográfica do IX Ciclo de mesas redondas Escritoras/es na Universidade, Como escribir o futuro?, Poesía
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, en colaboración coa Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo, achegaron á comunidade universitaria e á sociedade en xeral a oportunidade de escoitar as reflexións dos nosos/as escritores e escritoras sobre este tema, alén de nos daren un panorama subxectivo de como ven a situación de cadanseu xénero na actualidade.
O IX Ciclo de mesas redondas Escritoræs na Universidade: Como escribir o futuro? continou en Vigo o 24 de setembro co protagonismo da Poesía, co seguinte programa: E que faremos do lirismo? A pantasma da poesía dos oitenta. Con Rosalía Fernández Rial e Samuel L. Paris.
Esta á e crónica videográfica do acto, onde se poden ver as seguintes intervencións:
– Presentación da mesa de Poesía.
– Mesa de Poesía: Intervención de Samuel L. París.
– Mesa de Poesía: Intervención de Rosalía Fernández Rial.
– Mesa de Poesía: Coloquio.
Allariz: Ponme un poema!, roteiro poético con Celia Parra e Aldaolado
O dicionário eletrónico Estraviz chega às 130.000 entradas na sua terceira versão
Entrevista de Montse Dopico a Isaac Alonso Estraviz en Magazine Cultural Galego:
“(…) – Montse Dopico (MD): Quais são as principais novidades desta nova versão electrónica a respeito da anterior?
– Isaac Alonso Estraviz (IAE): A primeira que está no Acordo Ortográfico de 1990. A anterior estava na conhecida como norma da AGAL. Segunda, conta com um prólogo extenso, útil para galegos e portugueses, uma abundante bibliografia de referência lexicográfica, biobibliografia do autor, etc. Tem, como disse anteriormente, 6.000 entradas mais. As consultas continuam a serem grátis. E toda pessoa pode consultá-lo ou descarregá-lo para o seu telemóvel com a facilidade que dá poder consultá-lo em qualquer momento e lugar. Só com escrever Estraviz já aparece indicado o nome do dicionário. E aí é premer e depois escrever. (…)
– MD: Pode resumir a história do dicionário?
– IAE: Desde sempre defendi que o galego como língua românica devia escrever-se como se escrevem as outras. Sobretudo tendo em conta a variante portuguesa que, junto com o galego são, em palavras de Lindley Cintra e outros especialistas, dous codialetos do mesmo diasistema, da mesma língua. Por isso intentei elaborar o dicionário desse jeito. Mas quando apresentei essas intenções não foram aceites nem por AKAL, Galáxia, Sotelo Blanco e outros. Só me permitiram que figurasse a entrada entre parênteses como eu defendia, cousa da qual Ramón Piñeiro se arrependeu depois e tivemos que romper o contrato e fazer outro com NÓS, que faliu uma vez publicado em 1983 o primeiro dos cinco volumes que ia ter, estando os outros prontos para fevereiro de 1984. A salvação veio da mão da AGAL, e especialmente do daquela presidente, Bernardo Penabade Rei que, com os colaboradores, especialmente do Vítor, fizemos uma primeira versão que se fez pública o dia 1 de janeiro de 2005. Então pude respirar amplamente e sentir-me feliz.”
Compostela: Obradoiro de Creación Literaria Feminista da A. C. O Galo e a Libraría Lila de Lilith
Vigo: IV Festival Kerouac Polipoético
O sábado 25 de outubro de 2014 terá lugar o IV Festival Kerouac, Polipoético de Vigo. Organizado polo espazo de lecer e cultura A Festa dos Maniquíes, coa participación de poetas e artistas de toda Galicia, España e Portugal. O evento desenvólvese no propio local da Festa dos Maniquíes, na rúa Rogelio Abalde 11, no barrio de Churruca, e noutros emprazamentos da cidade. Desde as 17:30 e ata a 1:30 da madrugada poderase ver e escoitar poesía, performance e outras formas de expresión poética.
Quiosco: Revista Galega de Teatro, número 80
Desde Cultura Galega:
“Os “Amores prohibidos 2.0”. Unha obra de teatro creada especificamente para Internet, de Xesús Ron, ou Teatro e Adolescencia no LXVIII Festival d’Avignon, de Afonso Becerra de Becerreá son algúns dos contidos do número 80, correspondente ao outono, da Revista Galega de Teatro.”
A edición privada en galego baixou un 11 por cento en 2013
Desde Cultura Galega:
“A Federación de Gremios de Editores de España acaba de facer público o seu informe Comercio interior del libro en España correspondente ao ano 2013. Os datos sinalan que en Galicia continúa a minguar o número de obras editadas por empresas, que no período estudado diminuíu un 10,9 por cento a respecto de 2012. Segundo recolle Manuel Bragado, director de Edicións Xerais no seu blog Brétemas e mais en Galicia Confidencial, en 2013 os membros da Asociación Galega de Editores publicaron 1.682 títulos, fronte aos 1.888 de 2012. Dos mesmos, 1346 foron en galego, 315 en castelán e 21 noutras linguas. A sumar os libros editados por eles e os de editores foráneos saíron na nosa lingua 1747 títulos en 2013 fronte aos 1848 do ano anterior.
Baixa tamén o número de exemplares impresos, aínda que de xeito paradoxal, en menor medida do que os títulos editados, o que revela un certo incremento na tiraxe media de cada obra, que pasou dos 1.285 exemplares por título de 2012 aos 1.352 de 2013.
Na súa análise, Bragado apunta tamén que se mantén a importante dependencia do sector editorial galego das obras de Literatura, Texto e Literatura Infantil e Xuvenil, considerados polo editora como vencellados ao consumo en centros de ensino. Segundo sinala, “o número dos publicados en 2013 destes tres xéneros «paraescolares» (1.120) representa o 85,7%, mentres que o número de exemplares producidos (1.564.000) o 87,26 % do total, supoñendo a súa facturación (18,40 millóns de euros) o 89,8 % do mercado”.